xoves, novembro 24, 2011

Neste 25N "Para cambiar o mundo, acabar coa violencia machista", a Marcha Mundial das Mulleres convoca mobilizacións en toda Galiza, nesta Comarca haberá unha concentración en Fene


No Día Internacional contra a Violencia Machista, o Venres 25 de Novembro de 2011, a marcha Mundial das Mulleres, convoca mobilizacións en toda Galiza. Na nosa Comarca a Coordenadora Local da citada rede feminista, convoca unha concentración participativa en Fene, na Praza Verde, de Perlio, ás 8 da Tarde. Esta Coordenadora local chama a participar na convocatoria e a comprometer-se todo-los días contra a violencia machista.

Comunicado Público con motivo do 25N

PARA CAMBIAR O MUNDO, ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA

Dise do Feminismo que é a revolución silenciosa do século XX. Mais non podemos dar a razón a quen afirma que esta é unha revolución sen sangue. Neste novo século, como no anterior, esta revolución segue a engrosar a súa listaxe de mártires.

Desde a dereita política, mediática e relixiosa, fálase dunha perda dos valores da familia. E así é. O seu modelo de familia está en crise. Cada dia mais persoas aspiran a modelos de convivencia e afecto, máis democráticos que o seu modelo patriarcal. Cada dia mais mulleres e mais homes aceptan outros valores de convivencia: a igualdade, a corresponsabilidade, a cultura do diálogo, dos acordos...

Mais tamén quedan moitos homes, organizacións políticas, relixiosas e sociais, que se resisten ao cambio. A pandemia da resistencia machista mostra repuntes no poder xudicial (actuacións en Sevilla e Murcia), no poder político (Lei da Familia do Parlamento Galego), nas institucións académicas (teoría do Síndrome da Alienación Parental), nas educativas (louvanzas á segregación por sexos), nas relixiosas (carta pastoral do bispo de Granada)... mentres se vai conformando un cambio político e económico que está levando aparellado unha perda importante de dereitos fundamentais, e un ataque sen precedentes aos servizos públicos, que en moitas ocasións aseguraban o exercicio deses dereitos. Un cambio político cuxos protagonistas aspiran a abolir leis que supuxeron logros importantes na vida de moitas mulleres e homes, a Lei de Igualdade, a Lei Integral contra a Violencia Machista, a Lei do Aborto, as reformas no Código Civil que igualan en dereitos ás persoas sen distinción da súa opción sexual.

O sistema económico, que nestes dous últimos anos acelerou a súa voracidade engulindo recursos públicos e impoñendo un modelo social de competitividade, acumulación e usura, impón ao poder político, recortar e abolir todas aquelas políticas de igualdade encamiñadas a previr a violencia machista, á atención ás vítimas e á concienciación da sociedade. Políticas que desde o Feminismo avaliabamos como insuficientes, pero que marcaban o camiño que había que encetar para conseguir arrincar o machismo das nosas vidas.

Cada día, diante do asasinato dunha muller a mans do seu ex marido, ou do seu compañeiro, as autoridades condenan os feitos, a veciñanza manifestase rexeitando a agresión e pedindo xustiza, preguntándose por que continua engrosándose esta tráxica lista de mulleres vítimas da violencia machista. Un feminicidio que vai marcando cada dia mais aldeas, vilas e cidades, no mapa dos asasinatos machistas.

As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura patriarcal no que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa vida. Son a reacción violenta de quen se cree posuidor dun ben, dunha propiedade, ou dunha escrava.

A solución non é doada e necesita do compromiso de todos e de todas, porque precisa de cambios profundos dado que o machismo está enraizado na nosa sociedade e non estamos facendo o preciso para desbotalo.

Ao feminismo non nos asusta continuar coa nosa responsabilidade e activismo na loita contra a violencia machista...non queremos que se volva ao pensamento de que a violencia machista son “os trapos sucios que hai que lavar na casa”.

Queremos concienciar sobre as estruturas sociais que alimentan e reproducen o machismo.

Queremos deixar claros os vínculos que existen entre a desigualdade e a violencia machista.

Queremos facer reaxir á sociedade ante a perda de dereitos e ante o desmantelamento de servizos públicos.

EN NOME DE TODAS AS MULLERES ASASINADAS CANDO PRETENDIAN RECONQUISTAR A SÚA PROPIA VIDA E POR TODAS ÁS QUE ESTAMOS A SUFRIR VIOLENCIA NON PODEMOS CONSENTIR NINGÚN PASO ATRAS.

25 de Novembro de 2011

“PARA CAMBIAR O MUNDO, ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA”


Que é a Marcha ?

A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enlaces de interese:

Enviado por:
Lupe Ces -lupeces@gmail.com-
23 de novembro de 2011 23:21
http://lupeces.blogspot.com/
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon