xoves, decembro 01, 2011

Presentación do xornal dixital "Praza Pública" en Ferrol: Hoxe Xoves, 1 de Decembro

Hoxe Xoves, 1 de Decembro de 2011, presentación do xornal dixital "Praza Pública" na Galería Sargadelos de Ferrol. Esquina Rúas María e Rúa Rubalcava, nos 30-32, ás 19.30 horas.

Un grupo de persoas (entre elas, Manolo Barreiro, Filipe Diez e Marcos Pérez) levamos meses traballando no deseño dun novo xornal dixital. Porque é necesario e porque é posible facelo. Porque hai milleiros de galegas e galegos que queren ler un xornal de calidade, en galego e que lles conte a parte da realidade que o resto das cabeceiras non lles están contando. Porque queren un medio de comunicación que amplifique a súa voz e no que se vexan reflectidos. Porque queren un espazo no que atoparse e debater.

Un xornal dixital moderno, conectado co mundo e que aproveitará as posibilidades da información en tempo real e multimedia, un xornal aberto, en permanente intercambio con outros medios galegos, cos lectores e coas organizacións sociais. Coa atención posta en todas as conversas e fluxos da Internet galega, preocupado pola construción colaborativa de información, a curación e selección de contidos publicados en Galicia e en todo o mundo e a presentación gráfica das informacións. Un xornal aberto tamén no político, sen filiacións partidarias e que apostará por unha axenda temática propia, distinta á dos medios convencionais. E moi preocupado polo traballo xornalístico, base de calquera medio de comunicación, tanto dos redactores e redactoras coma dos colaboradores e colaboradoras.

Temos un proxecto xornalístico definido, un equipo de profesionais comprometido e unha ferramenta tecnolóxica avanzada, realizada por A Navalla Suíza, con moitas posibilidades. Temos as ideas claras. Necesitamos o apoio dos lectores e lectoras, da cidadanía galega activa e consciente da necesidade de contar cun medio de comunicación no que exercer a cidadanía.

Praza Pública ("Praza") quere ser autosustentable, con publicidade, patrocinios e coas achegas económicas dos lectores e lectoras, que serán os propietarios reais de Praza. A boa información é cara, e ou ben a pagan os anunciantes ou ben os lectores. E o que paga, manda. Podes ver un adianto do proxecto na páxina prazapublica.com Praza primará os temas a fondo, as reportaxes de investigación e as entrevistas en profundidade, emprestando unha atención á política e cultura galegas, aos movementos sociais e a economía solidaria e os consumidores, a unha visión alternativa da información internacional, e ás noticias científicas e das novas tecnoloxías.

Será un medio transparente, do que os lectores e asinantes saberán en todo momento a orixe dos seus ingresos económicos e os custes de funcionamento.

Sitio na Rede do xornal:
http://prazapublica.com/

No facebook:
https://www.facebook.com/event.php?eid=303393306339812


Información baseada na enviada por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
http://www.fucobuxan.com/
Manuel Anxo Cendán Dopico
-mcendan@gmail.com-
http://manuelcendan.com
30 de novembro de 2011 17:17
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon