domingo, febreiro 05, 2012

Anomia e anemia, ... Por Miguel Reimúndez González e Alexandre Carrodeguas

Na loita por salvar da piqueta a Antiga Fábrica de Lapis Hispania non só se discute a pervivencia desta arquitectura racionalista, senón tamén o xeito de facer cidade que queremos os ferroláns e ferrolás. Moitas das cidades europeas que foron importantes focos industriais, sustentaron dende os anos oitenta do pasado século a súa estratexia de recuperación na revitalización do seu patrimonio construído como xerme dunha oferta turística singular e, sobre todo, unha anovada calidade urbana, na que instalar novos veciños e novos empregos. Dentro desta estratexia destacou a revitalización das súas instalacións industriais en desuso para localizar usos públicos, como museos, centros socio-culturais e universidades, que, pola cativa escala do tecido dos seus cascos históricos, non tiñan cabida noutro lugar que nas vellas factorías situadas no seu contorno inmediato. Pero tamén foron moitas as empresas que decidiron potenciar a súa imaxe corporativa aproveitando a singularidade destas arquitecturas e, de paso, utilizar a súa aposta pola recuperación urbana como un argumento comercial máis diante da sociedade. Esta aposta foi clara e coherente. O exercicio das políticas públicas (urbanística, de vivenda, de promoción económica e turística) foi explícito e apoiado maioritariamente por unha sociedade que non admitía contradicións entre unhas e outras, que defendía como modelo comercial o pequeno comercio, como política inmobiliaria a rehabilitación e como modelo de mobilidade a peonil, a bicicleta e o transporte público. En conxunto, foi asumindo, non sen batalla, con naturalidade a defensa da súa identidade urbana como principio de actuación. Ferrol non o fixo e deixou pasa-lo tempo deixando esmorecer o seu ricaz patrimonio herdado, en prol dunha modernidade mal entendida, trasnoitada, por falta de consenso político e social en torno a un proxecto de cidade. Por todo iso a defensa da Fábrica de Lapis cobra aínda máis sentido no actual contexto de crise económica. Non se trata de mantela como está ou derrubala, senón entre derrubala ou aproveitala para mellorar as oportunidades da cidade e do barrio de Ferrol Vello en termos de imaxe urbana, calidade de vida, interese cultural, proxección turística, etc. Dáse, en definitiva, entre o modelo seguido nos últimos 25 anos e o modelo do porvir.

Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello

[*]Miguel Reimúndez González, arquitecto e Alexandre Carrodeguas da Comisión Cidadá

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
5 de fevereiro de 2012 18:46

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon