quarta-feira, fevereiro 22, 2012

Hoxe finou o compañeiro e activista, Xosé Reigosa Solleiro, co fundador da Rede Galiza Non se Vende - verdegaia - Manuel Domínguez de Pontedeume

Desde Ártabra 21 sómamo-nos a estas mostras de recoñecimento e lembranza do compañeiro Xosé.

Hoxe, o movemento ecoloxista, o activismo veciñal e todas as persoas que dende o seu recuncho de vida pulamos por mudar a realidade na procura dunha sociedade máis xusta e sustentable ficamos un pouco máis sós e un pouco máis orfos.

Xosé traballou arreo en todas as facianas da súa vida no activismo social e ambiental. Salvemos Monteferro , A Ría non se Vende e Galiza non se Vende foron as súas ferramentas nos últimos anos mais sempre estaba disposto a traballar e apoiar calquera iniciativa que supuxera defender o país e as súas xentes fronte as agresións que un sistema capitalista desbocado perpetra sobre as xentes do común.

Home pousado e conciliador, nunca deixou que os dogmatismos impediran integrar nunha mesma loita a xentes das máis variadas ideas. Procurando sempre o que une, o seu activismo incansable foi un acicate para moitas de nos e botarémolo moito de menos.

Ate máis ver, Xosé Reigosa. Terémoste connosco nestes anos duros e escuros que se achegan.

info@verdegaia.org
www.verdegaia.org 



De Manuel Domínguez -Pontedeume.
para Galiza Non Se Vende

Triste novas

Acabo de recibir a noticia e non vos imaxinades a profunda tristura que sentimos os seus amigos de Pontedeume. "Meus fusquenllos", dicía el cando nos atopabámonos cada ano, por estas datas, en medio das pancartas, as bandeiras e o ambiente festivo e reivindicativo que invadía a Alameda de Compostela. E logo, antes dos discursos e as chamadas á acción, había sempre un momento ou dous para tomarse con calma unha caña ou dúas baixo a mirada de Montse, que aparentaba reprobación pero que en realidade transmitía un amor infinito polo este home que hoxe nos deixa.

Desculpade estas intimidades, pero Xosé foi de todos nós, e para nós, os "fusquenllos", de verdade, Xosé era alguén moi especial. Lémbrolle unha tarde de verano ás beiras do Eume, con esa mirada intelixente e travesa mirando ás augas. Alguén lle preguntou por un partido da selección nacional, creo que había un mundial de fútbol, e él respondeu con ese humor cheo de sabedoría: "A min quen me preocupa é o celtiña".

Como ben dicía Xan, é un home que nos ensinou a superar os dogmatismos, a mentira das verdades absolutas e puña o corazón e a razón na loita por un terra viva, por un mundo mais xusto e por unha Galicia libre e democrática.

Hai algo tremendamente cruel nesta perda, nestes momentos en que tanto o necesitábamos.

Montse, Anxo e á familia de Xosé, recibide unha forte aperta dos irmáns eumeses de Xosé.

Tamén aos compañeiros de Galiza Non Se Vende

Enviado por:

Xan Duro
-xan.duro@usc.es-
21 de fevereiro de 2012 16:29

manuel dominguez
-manudominguez@yahoo.es-
21 de fevereiro de 2012 19:53


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon