Tanto dicir que esta comunidade é a Grecia de España pola situación de quebra en que a deixaron anos de corrupción e malgasto, que o esperable era que as primeiras escenas atenienses se producisen nas rúas valencianas, ...
21.02.2012
Parece de xustiza que as primeiras cabezas abertas da crise sexan en Valencia, que os primeiros puntos de sutura a manifestantes se cosan no coiro cabeludo de valencian@s. Tanto dicir que esta comunidade é a Grecia de España pola situación de quebra en que a deixaron anos de corrupción e malgasto, que o esperable era que as primeiras escenas atenienses se producisen nas rúas valencianas, aínda que sexa (por agora) a pequena escala.
Tamén é de xustiza que as primeiras cabezas abertas sexan de estudantes, e canto máis novas, máis acertado: son eles, os hoxe adolescentes, as maiores vítimas da crise e as políticas contra a crise. Mentres os seus pais teñen máis ou menos resolta xa a pensión futura, e os seus irmáns maiores aínda poden aspirar ao mileurismo, eles sufrirán de inmediato a deterioración do sistema educativo, para o día de mañá ser arroxados a un mercado de traballo salvaxe, con ofertas de emprego irrenunciables en Laponia.
Por suposto, hai que condenar a violencia destes raparigos. Porque a súa é violencia pura e dura, e merece xaroupe de porrada. Xa saben como vai isto: cortar a rúa é violencia; recortar o orzamento educativo non é violencia; manifestarse sen autorización administrativa é violencia; facer pagar á comunidade educativa a túa mala xestión de décadas non é violencia.
Quen non queira velo, que siga cos ollos pechados, que pense que o de Valencia son só un puñado de alborotadores, xogos de adolescentes que atopan diversión en correr diante da policía. Outros en cambio vemos no pequeno estalido valenciano un chorro brusco de vapor que sae da pota a presión en que están convertendo este país, con cada vez máis colectivos encabuxados, cada vez máis xente ao límite da súa paciencia, e cada vez máis cidadáns que, como en Grecia, ven con desesperación que a súa protesta pacífica é desoída.
A temperatura da rúa está subindo, e quen non o vexa e se entreteña en botar contas de manifestantes (como onte Cospedal coas protestas do domingo pasado), acabará queimándose.
Publicado o 15.01.2012 en Traballar cansa - Público.es
[*]Isaac Rosa Camacho -Sevilla, 1974, é escritor e activista de esquerdas. Anque naceu en Sevilla, viveu en Extremadura e agora reside en Madrid. Publicou as novelas "La malamemoria" (1999), posteriormente reelaborada en "¡Otra maldita novela sobre la guerra civil!" (2007), "El vano ayer" (2004) e "El país del miedo" (2008). Con "El vano ayer" obtivo o Premio Rómulo Gallegos (2005), o Premio Ojo Crítico e o Premio Andalucía de la Crítica, e foi levada ao cine por Andrés Linares co título de "La vida en Rojo". A súa última novela, "El país del miedo", recibiu o Premio Fundación José Manuel Lara á mellor novela de 2008. Isaac Rosa, na actualidade reside en Madrid. Tivo o honor de remplazar a Javier Ortiz na columna que publicaba no xornal "Público" logo do seu pasamento. Outras obras: "Adiós muchachos" (1998, teatro), "El ruido del mundo" (1998, novela), "Kosovo. La coartada humanitaria" (2001, ensaio), ...
Ligazóns externas:
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon