Editorial de "Praza Pública"
Feijoo, o home que reina mais non goberna
06.03.2012Tres anos despois da vitoria electoral que o levou á presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo pouco ou nada ten que ofrecer no capítulo de logros, mentres que no seu debe non deixan de acumularse os fracasos tanto nos temas de Estado (Estatuto de Autonomía e financiamento autonómico) como na xestión económica, na atención aos pilares do Estado de benestar, nas incumpridas promesas de transparencia e loita contra a corrupción, na protección do medio ambiente ou na implantación da pax lingüística. Fronte a ese panorama desolador, só pode presentar pírricos triunfos como unha nova política farmacéutica ou o acordo social asinado no seu momento con CCOO e UGT, sindicatos que agora lle fan oposición abertamente.
Os dous asuntos estelares na campaña electoral do 2009, que deberían marcar o futuro do noso autogoberno, foron a reforma do Estatuto de Autonomía e a negociación do modelo de financiamento autonómico. A respecto da reforma estatutaria, vale lembrar que Feijoo asumiu o goberno desposuído dos mecanismos dos que el mesmo privou a autonomía galega ao vetar –nunha tan cega como irresponsable obediencia ás directrices do PP estatal– a aprobación do texto pactado na correspondente comisión parlamentar polo PP cos grupos que apoiaban o goberno bipartito. Xa no goberno, lonxe de emendar o erro, Feijoo nin sequera foi capaz de encetar o debate, polo que é seguro que a lexislatura concluirá sen modificar un texto que hai tempo está ultrapasado e non responde ás necesidades mínimas de autogoberno da sociedade galega nos días de hoxe.
A lexislatura concluirá sen modificar un Estatuto ultrapasado e que xa non responde ás necesidades mínimas de autogoberno da sociedade galega
Canto ao modelo de financiamento, Feijoo tivo que enfrontar o proceso de negociación nos primeiros meses de mandato, o que lle outorgaba un plus de lexitimidade para impoñer condicións diante do Goberno central e dentro do seu propio partido. En vez diso, pregouse unha vez máis aos ditados do PP estatal, secundando en Madrid unha abstención vergonzante –decidida polo PP para preservar os beneficios que o novo modelo lle concedía a territorios como Madrid ou a Comunidade Valenciana, estandartes territoriais da dereita española– mentres no país afirmaba que o novo reparto era prexudicial para Galicia. O pacto de financiamento deu como resultado unha sonora derrota de Feijoo, que voltou sen os cartos que reclamaba e sen a honra política que lle tería dado un voto negativo, perdendo unha oportunidade de ouro de poñer os intereses do país por riba dos do seu partido.
Na negociación do novo modelo de financiamento autonómico, Feijoo voltou sen os cartos e sen honra
Mais se nos grandes temas Feijoo demostrou falta de preparo e un notable desleixo, propios dun gobernante sen visión histórica nin máis horizonte que o curto prazo e a revalidación electoral, no referente á xestión non foi capaz de mostrar un mellor desempeño. O home que prometeu rematar coa crise en 45 días non conseguiu evitar o severo empeoramento da crise económica e o imparable aumento do desemprego, chegando mesmo a afirmar en sede parlamentaria que carece de instrumentos en materia de emprego a pesar de que esas competencias están transferidas á comunidade autónoma. Entre os agravantes da xestión económica levada a efecto por Feijoo non podemos deixar de citar o de ter desperdiciado os diferencias positivos (na evolución do PIB, na creación de emprego e na balanza de pagamentos) herdados do bipartito e as denuncias de maquillaxe das cifras reais de desemprego, unha práctica especialmente obscena en tempos como os que corren e que fora denunciada polo anterior Ministerio de Traballo. Unhas cifras de desemprego que aínda han crecer máis, ao tempo que se incrementará a porcentaxe de traballo precario, á vista da política económica e laboral deseñada polo goberno de Rajoy e da reforma da función pública aprobada polo executivo autonómico.
En plena crise económica e financieira, o fiasco da fusión das caixas de aforro –máis tarde bancarizadas, actualmente intervidas e en breve subastadas ao mellor postor– deixa a economía galega sen un dos principais recursos para desenvolver unha política centrada nas necesidades produtivas do país. Feijoo comprometeuse reiteradamente e en titulares garrafais a garantir a solvencia e a galeguidade das caixas, mais o resultado dá probas contundentes de que non cumpriu nin unha cousa nin a outra. Engádase a isto a recente perda do Banco Pastor ás mans do Popular e, apelando á recente afirmación do propio Feijoo de que “A historia me xulgará”, pódese concluír que a historia dirá que foi o presidente durante cuxo mandato Galicia perdeu todo o poder financeiro acumulado ao longo dun século e medio de traballo e de aforro dos galegos de dentro e dos que sufriron a emigración.
A historia dirá de Feijoo que foi o presidente durante cuxo mandato Galicia perdeu todo o poder financeiro acumulado ao longo dun século e medio
Mais a cousa non para por aí. Feijoo foi, con moita diferenza, o presidente galego máis insensible ás reivindicacións de sectores produtivos estratéxicos como o agrogandeiro, o pesqueiro ou o naval, ademais de propiciar a parálise do sector eólico, un dos máis prometedores na captación de investimentos e na creación de empregos.
Sendo grave todo o anterior, se cadra o máis preocupante son as hipotecas para o futuro que a xestión de Feijoo deixará en herdanza: o estrangulamento orzamentario resultante da opción polo financiamento privado de grandes infraestruturas, que dá lugar a compromisos de tal volume que na próxima lexislatura poden provocar a quebra das contas públicas galegas; a irrupción con forza dunha nova emigración, tanto máis prexudicial canto que se trata dunha emigración de talentos, coa conseguinte descapitalización da economía galega ao perder boa parte dos seus mellores recursos humanos; e a promoción dunha nova vaga de atentados ambientais ao desprotexer a costa e permitir o emprazamento de empresas predadoras en contornos naturais protexidos.
Para completar o retrato da evolución de Galicia desde o 2009, hai tres aspectos que non poden ser omitidos. Un deles consiste na depauperación dos servizos públicos: na sanidade, a aposta pola privatización, que se estende a novos ámbitos, non só non mellora a eficiencia do sistema senón que provoca a parálise na construción de novos hospitais, o aumento das ratios e o incremento das listas de espera e do tempo medio de espera para cirurxías; na educación, a restrición de dereitos adquiridos (gratuidade dos libros de texto ou comedores escolares) vén acompañada de medidas unilaterais como a aprobación da Lei de convivencia e do Decreto do plurilingüismo, que fracturan a comunidade escolar, ben como da renovación dos subsidios a institucións de ensino privadas mentres se escatima até o diñeiro da calefacción dos centros públicos; a dependencia, bandeira de campaña de Feijoo, non só presenta un panorama cuantitativamente moito peor que no comezo do mandato de Feijoo, senón que ademais é cuestionada de raíz e a súa cobertura pública pode ser eliminada en calquera momento.
Outro aspecto central na axenda do Feijoo candidato foi o do fomento da democracia, da transparencia e do goberno aberto. Pois ben, fronte ao ermo de avances neses ámbitos, o que todos os galegos puideron ver é como se perpetúa o caciquismo, como se promoven mocións de censura atendendo a escuros intereses empresariais, como se perverteu o IGAPE ou como diversos altos cargos e representantes institucionais do PP tiveron que dar un paso atrás acusados de corrupción, sen que Feijoo impuxese disciplina en ningún momento. Tampouco resulta exemplar a situación dunha CRTVG que volta a ser coto privado do partido que apoia o goberno e das tres grandes produtoras audiovisuais do país, que facturan o 75% do orzamento da casa, e moito menos edificante resulta a transferencia de ríos de diñeiro públicos aos medios de comunicación privados, práctica que curiosamente non se ten visto afectada polos recortes.
Por último, o terceiro apartado desta serie non podería ser outro que o trato dado á lingua e á cultura galegas, e que supón un retroceso de décadas tanto no relativo ao prestixio como no estritamente orzamentario: fronte á prometida cordialidade lingüística, Feijoo plantou a semente da confrontación e conseguiu unha insólita unanimidade na súa contra polas agresións ao estatuto da lingua galega e polos drásticos recortes ás industrias culturais.
Como nestes días lembramos nas páxinas deste xornal cunha rigorosa e documentada análise, Feijoo incumpriu todos e cada un dos catorce puntos do seu famixerado Contrato con Galicia. Non é de estrañar, pois a súa preocupación nunca foi gobernar o país: en vez diso, dedicouse a facer oposición á herdanza do bipartito, primeiro, e a Zapatero, despois; ao tempo que cultivaba a súa imaxe pública como única baza dun goberno que naceu para ser un goberno dez e vai acabar os seus días cun rotundo suspenso e sendo o goberno de un só.
Feijoo é un home que reina pero non goberna, e a quen só preocupa o seu reinado, pero non o seu reino
A situación que atravesa Galicia é dramática, e non é posible saír dela cun Presidente máis ocupado en desfacer que en construír, máis pendente da súa axenda persoal que do minguante peso de Galicia no contexto estatal e internacional, máis disposto a colocar cortinas de fume –e mesmo con prácticas dun matonismo que cómpre desterrar (lembremos a invención da trama agraria ou as ameazadoras insinuacións sobre Carrumeiro)– que de enfrontar os problemas da cidadanía. En definitiva, Feijoo é un home que reina, pero non goberna; o que é peor: só lle preocupa o seu reinado, pero non o seu reino. No mellor dos casos, réstalle menos dun ano para reverter ese diagnóstico, pero polo andar da carruaxe, nada indica que exista o menor motivo para o optimismo.
Exame a Feijóo
O 11 de febreiro de 2009 o daquela candidato do PP á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentaba con solemnidade o seu Contrato con Galicia, un documento de catorce puntos no que resumía o seu "compromiso ético" e "político" no caso de gañar as eleccións. Tres anos despois da vitoria popular por maioría absoluta, repasamos o grao de cumprimento do Contrato, que Feijóo aspiraba a cumprir cunha nota "non inferior a sobresaliente".
[Ir para Praza Pública]
Publicada na revista dixital "Praza Pública - O xornal da Galicia que ven"
Licenza Creative Commons by-sa.
http://praza.com/
- (+34) 619.30.92.30
- redaccion@praza.com
_______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon