DIANTE DA CONVOCATORIA DAS NOSAS PROPIAS MANIFESTACIÓNS O DÍA 29 DE MARZO
Desde o primeiro momento en que a CIG decidimos promover a convocatoria de folga xeral en Galiza paro o día 29 de marzo, insistimos en que era importante que houbese unha resposta o máis ampla posíbel da clase traballadora galega, e mesmo das outras nacións do Estado, contra esta reforma laboral tan brutal, e nese sentido manifestamos a nosa disposición a pornos de acordo na data coas outras centrais sindicais, coas nacionalistas por suposto, pero tamén coas españolistas (CCOO-UGT), se finalmente tamén elas decidían convocar a folga. Despois de darlle moitas voltas, agardando a que o Goberno español lles abrise a porta a unha negociación da reforma, como iso non foi posíbel, estas dúas centrais sindicais decidiron convocar a folga xeral no Estado para o propio día 29 de marzo, o cal desde a CIG o valoramos como altamente positivo.
Dito isto, compre facer as seguintes precisións, respecto do facer ou non manifestacións conxuntas o propio día da folga xeral:
1º.- A unidade sindical non depende de ir xuntos ou non ese día na manifestación, nin o éxito da folga tampouco, de feito xa temos a experiencia da folga xeral do 29 de setembro de 2010, no que tamén fixemos manifestacións por separado o propio día e cunha participación de xente realmente importante, das maiores de todo o Estado.
2º.- A unidade sindical contra a reforma imos ter que construíla no día a día, empresa a empresa, convenio a convenio, para evitar que a mesma se aplique e aí imos ver ata onde o sindicalismo españolista, CCOO e UGT, están dispostos a enfrontarse a patronal e a facer corpo coa CIG. Isto foi o que lle propuxemos como CIG, aos secretarios xerais de CCOO e UGT en Galiza, sen que lle conseguísemos sacar compromiso algún, fora de declaracións de boas intencións.
3º.- Hoxe xa temos diferenza a hora de enfrontar esta reforma, eles levan esperando semanas para que o Goberno os chame a negociar a reforma, para dulcificala e intentar facela vendíbel socialmente, ao igual que fixeron coa reforma das pensións, pois ese é o seu modelo sindical e sen ese xogo do diálogo social aparente o seu modelo sindical perde sentido. O noso posicionamento chamando á folga xeral é o de esixir a retirada da reforma, pois é evidente que nin esta nin outra reforma van crear emprego, o único que busca este goberno, ao igual que o anterior coas reformas que fixo, é facilitar o despedimento, desregular o mercado laboral e debilitar e desorganizar á clase traballadora.
4º.-Compre non esquecer que estas dúas centrais sindicais veñen, e van seguir si lles deixan, facendo unha política permanente de pactos co poder político i económico, mesmo aquí en Galiza coa Xunta do PP, pactos e acordos que están contribuíndo a recortar dereitos, a rebaixar salarios, a aumentar a idade de xubilación, a abaratar o despedimento, a incrementar os beneficios das empresas vía subvencións con fondos públicos, a flexibilizar as condicións de traballo nas empresas ou a centralizar e burocratizar a negociación colectiva e a desmobilizar á clase traballadora, facilitándolle así ao capital a saída á crise económica.
5º.- A CIG levamos anos enfrontados a este modelo sindical entreguista e de colaboración co poder, facéndolle ver a clase traballadora galega que nós representamos un modelo sindical distinto, tanto desde o punto de vista de defensa dos intereses de clase como de defensa dos nosos intereses e dereitos como parte que somos da nación galega. Isto foi entendido, e está sendo entendido, por un número cada vez maior de traballadores e traballadoras galegas, e así se pon de manifesto na participación nas nosas mobilizacións e tamén no feito de ser a primeira central sindical de Galiza en afiliación, con 75.000 afiliados/as. Pero todo isto conseguímolo a base de moito sacrificio, de dar a cara nas empresas por parte dos nosos afiliados e dos nosos delegados e delegadas, de arriscarse mesmo a ser despedidos nos procesos electorais, sufrindo o silenciamento e a manipulación de moitos medios de comunicación, mentres outros, gozaban de todo tipo de facilidades e apoio por parte das administracións públicas e da patronal, sen ruborizarse e sen preocuparse pola CIG.
6º.- Se avaliamos mesmo o que está a ocorrer coa convocatoria de folga xeral, os representantes destas dúas centrais sindicais, de momento, só están facendo a convocatoria da folga a través dos medios de comunicación e en algunha gran empresa, quen realmente está a traballar de forma masiva a convocatoria nos centros de traballo e na rúa, ao igual que sucedeu na folga do 29 de setembro de 2010, somos nós a CIG.
7º.- Non parece pois oportuno que unha vez conseguido o importante, que todos convoquemos a folga xeral o mesmo día, vaimos máis alá aparecendo todos xuntos nunha mesma manifestación, dando imaxe dunha unidade sindical que non é real, na que a CIG imos quedar integrados na imaxe e obxectivos destas dúas centrais sindicais, que van querer quitar rédito sindical, xestionando e utilizando o resultado da folga e das manifestacións para as súas negociacións co Goberno. De feito, as direccións estatais de CCOO e UGT, en ningún momento se dirixiron as outras centrais sindicais máis representativas no Estado, caso da CIG, ELA ou LAB, para falar da contestación á reforma laboral, da convocatoria da folga, de cal ía ser a reivindicación a facer (se retira ou negociación da reforma), de que facer contra a reforma despois da folga xeral, etc. Nós, como central sindical, non podemos aceptar este tipo de actitudes, por unha cuestión de respecto e de dignidade.
8º.- Por último, a unidade sindical, a loita contra a reforma laboral e por outro modelo produtivo i económico, ten que darse nos centros de traballo, nos convenios colectivos, aí e onde imos comprobar ata que punto é posíbel pórse de acordo con estas dúas centrais sindicais a hora de pactar alternativas e enfrontarse á patronal, esa é a verdadeira unidade que lle interesa á clase traballadora e que ata agora, en xeral, non existiu, pois temos prácticas sindicais e visións de como enfrontármonos á crise económica moi diferentes. En calquera caso, o importante nestes momentos, é conseguir que a folga xeral sexa un éxito, que ese día as rúas sexan un clamor popular contra esta reforma laboral e para esixir dos gobernos outras políticas económicas e laborais favorábeis aos intereses da maioría social. Como sempre, nese traballo os da CIG imos estar á cabeza da contestación social, coas nosas propias mensaxes e alternativas, orgullosos do que somos, sen confusións nin ambigüidades.
Moito ánimo, moita solidariedade e ningún paso atrás.
Galiza, marzo de 2012
Suso Seixo, secretario xeral.
Ligazóns das páxinas web da CIG e da Folga Xeral:
http://www.galizacig.com/avantar/
http://www.folgaxeral.info/
MANIFESTACIÓN DA CIG EN FERROL
29 de marzo FOLGA XERAL
PODÉMOLOS PARAR!
CONTRA A REFORMA LABORAL: FOLGA XERAL
Desde a C.I.G. facemos un último chamamento a toda a afiliación, delegado@s e cidadanía en xeral a participar activamente na convocatoria do día 29 de merzo, secundando a folga, e participando durante toda a xornada no traballo de mobilización, para que esta sexa un éxito.
E pedimos tamén a participación masiva na Manifestación que partirá ese día, ás 13 horas desde os locais do sindicato, na Avda. de Esteiro.
PARTICIPA!!!
Enviado por:
Confederación Intersindical Galega
-cig-informa@galizacig.com
21 de março de 2012 20:08
26 de março de 2012 17:44
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon