mércores, marzo 28, 2012

Un escándalo previsible, ... Por Rafael Pillado

Por Rafael Pillado [*]
28.03.2012

Refírome, está claro, ao que vén sucedendo coa ría e con aqueles que viven dela: mariscadores e pescadores.

En marzo do 2007 escribía, neste mesmo medio, un artigo titulado: “En defensa dos mariscadores”. Nel, valoraba que, “Bastida e cuantos con el colaboran, converteron á Confraría nunha das empresas importantes da comarca”. Non era tarefa fácil e para iso houberon de enfrontarse con múltiples problemas, de difícil solución. E sei de que falo, porque o meu pai foi Patrón Maior nunha época moi difícil, alá polos anos 70.

Un bon día, no mes de abril de 2009, os medios de comunicación recollían titulares como estes: “Imputado o ex patrón de Ferrol por malversación”, “O ex patrón maior de Ferrol declara como imputado por malversación de capitais”, etc. Días antes, dicíase: “A Xunta intervén a Confraría de Ferrol por falta de liquidez económica e por non entregar as contas dos anos 2005 e 2006”. O escándalo estaba servido e calculado.

Ao día de hoxe, a noticia é, mais ou menos, a que segue: “O fiscal pide o, arquivo da causa contra Bastida por malversación”.

Durante ese período, producíronse acontecementos importantes: se denigrou a Bastida, colocándoo aos pés dos cabalos, xeróuselle toda clase de problemas, a el e á Confraría. Dividiuse aos mariscadores e vénse abrindo un proceso de “expulsión” destes profesionais, na medida que avanza a contaminación e négaselles o cobro por traballos de limpeza.

En xaneiro de 2006 a Confraría comunica á Consellería de Pesca que tiña unha débeda de 200.000 €. Correspondente fundamentalmente a multas pola talla das ameixas, máis o IVE. (Hoxe, en 2012 foi a Consellería quen cambiou a talla, asumindo aquela formulación).

Por outra banda, á Confraría de Ferrol correspondíanlle 118.000 € polos traballos de limpeza do Prestige, que a Federación de Confrarías lle escamoteou, coa complicidade da Consellería. Mesmo, unha rede para colocar entre castelos, que correspondía a Fomento, valorada en 48.000 €, cargóuselle á Confraría.

E por fin, en outubro de 2006, por documento oficial dirixido ao banco, concede a Consellería á Confraría 60.000 €, que esta retira e que logo son negados, cargando a entidade local co crédito.

É claro, tomáronse decisións políticas, mesmo ilegais, para conducir á entidade a un canellón sen saída, co obxectivo de desfacerse de Bastida e dos mariscadores. Tiñan un mandato, “sacrificar a ría de Ferrol”, tal e como o sinala Ernesto Penas nun libro prologado polo Conselleiro de Pesca Amancio Landín en 1997. Hoxe a propia Xunta admite que a nosa ría é a mais contaminada de Galicia.

Naquel momento a Conselleira de Pesca era Carmen Gallego, o seu segundo Miguel Sieiro. Son os verdadeiros responsables daquel desaguisado, cuxo obxectivo último era impedir que houbese oposición organizada a Reganosa na ría de Ferrol.  Como pagarán a súa responsabilidade? Espero que así sexa.

E non satisfeitos con este proceder, deciden procesar a aqueles mariscadores que defenden o seu posto de traballo e con iso a ría de todos.

¡Un verdadeiro escándalo!

[*] Rafael Pillado é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

--
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
28 de março de 2012 11:55
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon