venres, abril 13, 2012

Miles de Traballadores e traballadoras do Naval saen á rúa para denunciar a situación dos estaleiros e esixir solucións - A CIG mobiliza-se unha vez máis contra a Reforma Laboral

Tags


Onte foi un día cargado de mobilizacións, a situación dos estaleiros de Navantia da Ría de Ferrol, foi a protagonista xunta as mobilizacións de miles de traballadores e traballadoras das factorías, tanto da empresa principal como de auxiliares. A falta de carga de traballo que se leva denunciando perante varios anos, agora xa é unha realidade a moi curto prazo, onte mesmo nas faixas que hai penduradas nas portas dos estaleiros contabilizaban-se máis de 800 despidos nos últimos meses - 220 no último mes. Estamos falando dunha Comarca onde o desemprego supera as 20.000 persoas, de cada cinco persoas que están capacitas e teñen actitude para traballar, unha figura no rexistro do servizo público de emprego como demandante.

Miles de persoas ocuparon a Praza do Concello, diante do Pazo Municipal que pechou as súas portas antes de que chegara a marea humana. Como a través da historia, as autoridades consideraron que tanto obreiro xunto e unido era un perigo. Un perigo para quen? Este día José Manuel Rey Varela e os seus do PP, consideraron que a Casa do Pobo, non era do Pobo, senón deles, por iso pecharon as portas e reforzaron a defensa das súas poltronas con considerábel forza policial.

Na Praza Pública, celebrouse a Asemblea Cidadá que estaba convocada polo Comité de Empresa, para explicar á cidadanía o que está pasando cos estaleiros. Tantos acordos parlamentares en Compostela e dos diferentes plenos dos concellos das comarcas, son papel mollado, a implicación institucional e política case nula. Os políticos do dereitista Partido Popular (PP), din unha cousa aquí e cando chegan a Madrid votan todo o contrario, mais que un compromiso, é unha traizón, unha venda. Tanta hipocrisía política tería-lles que pasar factura xa: Dimisión!, Dimisión!, debería figurar nas proclamas obreiras.

Pola tarde, estaba planificada unha reunión ampla con representantes políticos e alcaldes e concelleiros dos diferentes concellos das Comarcas que aínda que o Concello prevía realiza-la no Torrente Ballestes, os representantes sindicais acordaron que a xuntanza fora Tamén na Praza Pública deixando patente que as portas do pazo Municipal, a Casa do Pobo, estaba pechada para as traballadoras e traballadores do naval.

Os representantes sindicais de Navantia conseguiron arrincar aos alcaldes das comarcas o seu compromiso, para que en poucos días, se despracen, até Madrid, onde estarán eles, para esixir solucións á SEPI.

Enlace, para máis información nun moi interesante reportaxe de Montse Mayoral no Diario de Ferrol.

Fotos de Susete'70


Por outra banda milleiros de galegos e galegas volveron manifestar nas rúas do país a súa oposición á reforma laboral do Partido Popular. Coincidindo co debate das emendas á totalidade no Congreso dos Deputados, a CIG celebrou concentracións nas sete cidades de Galiza para esixir a súa retirada. A central denuncia que se trata dunha reforma pensada para facilitar o despedimento e favorecer a competitividade, pola vía de reducir salarios e rebaixar as condicións laborais substituíndo emprego fixo por precario, e considera que só coa mobilización se poden frear as políticas de recortes de dereitos laborais e sociais do PP. En Ferrol foron varios centos de traballadores e traballadoras que se concentraron na Praza do Concello, para rexeitar a Reforma Laboral do Capital Financeiro e Transnacional |Máis Info|.
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon