mércores, maio 09, 2012

A falsa redución da taxa da auga feita polo PP hai 12 anos cústalle ao vecindario de Ares máis de 400.000 €, segundo denuncia o BNG

Tags


Mentres PSOE e NAL soben o recibo, manteñen unha débeda de 828.672 €

Ares, 8 de Maio de 2012. As actas das Xuntas de Goberno do pasado mes de Abril veñen de evidenciar – como xá tiña denunciado o BNG hai unha década – que a operación de baixada do prezo do recibo da auga levada a cabo polo goberno do PP no ano 2000 era totalmente fraudulenta. A aparente baixada do recibo que se producía nalgúns tramos habería de ter repercusións para o conxunto dos contribuíntes. Así é que, a día de hoxe, o concello ten asumida unha débeda coa empresa AQUAGEST para a compensación das cantidades que foron acumulándose por ese concepto entre os anos 2000 e 2012, que ascende a 434.185 euros.

Dáse a circunstancia de que o proceso fora deseñado polo daquela concelleiro de facenda, Luis Cendán, que agora está a formar parte da “nova maioría municipal” conxuntamente co PSOE, e que tamén lle vén de dar o seu voto favorábel á suba das taxas e plan de axuste aprobado recentemente polo pleno do concello, que levou á institución municipal á solicitude dun crédito de 2,8 millóns de euros.

Ademáis, noutra Xunta de Goberno do concello deuse conta da existencia de outra débeda 394.486 euros coa mesma empresa – concesionaria da xestión do servizo de abastecimento e saneamento municipal – por varias certificacións de obra realizadas para o concello que, sumada á cantidade antedita, deixa unha débeda total da institución municipal por un total 828.672 euros.

Curiosamente, estas cantidades foron trasladadas á Xunta de Goberno do concello – que rexeitou o abono das mesmas - polo que agora ábrense moitas dúbidas a respecto da resolución desta importante débeda da institución municipal, que vén a engadirse á recoñecida no plan de axuste aprobado no seu día polo pleno - que levará á institución municipal a pagar 30.000 euros ao mes durante dez anos - supondo a prática hipoteca da institución municipal a curto e medio prazo.

Desde o BNG consideramos verdadeiramente indecente e escandaloso que, mentras que ao conxunto da cidadanía se lle cobren relixiosamente – para esta ano, cunha enorme suba – os impostos de abastecimento e saneamento,  manténse unha desorbitada débeda coa empresa adxudicataria dos servizos.

Nese sentido , o BNG solicitará na vindeira Comisión de Facenda que, por parte do goberno municipal, se aclaren os pormenores desta situación e das razóns que motivan a débeda acumulada; reiterando a nosa rotunda oposición a unha política económica amparada nun escuro pacto entre o PSOE e o ex portavoz do PP, Luis Cendán, que ten agora que pagar o conxunto da cidadanía.

Web BNG Ferrolterra:
http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/ferrolterra/seccions/portada

Enviado por:
Novas BNG Comarca Ferrolterra
-sedenacional@bng-galiza.org-
9 de maio de 2012 03:04
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon