xoves, xuño 21, 2012

Esquerda Unida levará ao Congreso o tema de Reganosa

Tags


Esquerda Unida levará ao Congreso o tema de Reganosa

O Grupo Municipal de Esquerda Unida avanzou en rolda de prensa, o pasado día 14, a batería de iniciativas parlamentares no Congreso para enfrontar o escándalo político-económico de Reganosa, que ten agora un corolario necesario ao cúmulo de irregularidades e ilegalidades: a Sentenza do Tribunal Supremo que declara a nulidade do trámite municipal para modificar puntualmente o plan xeral de Mugardos, trámite ilegal que se fixo para cohonestar unha planta de gas superflua e que ameaza a nosa veciñanza.

O Grupo Parlamentar de EU- A ESQUERDA PLURAL no Congreso presentou nestas xornadas dúas preguntas parlamentares reclamando do Goberno do Estado que asuma as súas competencias e garanta con elo os dereitos, a seguridade e a legalidade para a veciñanza de Ferrolterra en relación coa planta de gas instalada no corazón da ría de Ferrol.

EU pregunta polo sospeitoso tráfico de descargas e cargas do mesmo cargamento de gas realizadas nestes meses, tráfico e operacións de dubidosa necesidade e que aumentan exponencialmente o risco que padece a nosa cidadanía. Non se entende e non se xustifica que embarcacións recalen na ría de Ferrol para descargar un gas que volven a cargar dous ou tres días despois. Esiximos que as autoridades ministeriais indaguen as razóns dunha práctica operacional que non ten pes nin cabeza.

Outra das iniciativas reclama unha actuación urxente do Goberno do Estado, no ámbito das súas competencias, para executar unha sentenza –a do Tribunal Supremo en segunda instancia e que xa é firme- que supón que a planta é ilegal e que os procedementos e actuacións que se sucederon para poñela en funcionamento non teñen validez algunha.

EU anunciou na rolda de prensa de hoxe que nas vindeiras datas se presentará no Congreso a demanda dunha Comisión de Investigación sobre o conxunto do expediente Reganosa, para que o Parlamento do Estado acade unhas conclusións, que ao noso xuízo somentes poden rematar co desmantelamento da actual planta de gas. En canto se presente a moción para crear esa Comisión daremos cumprida conta de todos os seus extremos.


--
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
21 de junho de 2012 20:44

***

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Actuacións de Esquerda Unida no Parlamento de Madrid, despois da Sentencia do Tribunal Supremo sobre a Planta de Gas de Mugardos - Reganosa ilega

Documentos: __________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon