Desde o Colectivo Ártabra 21 queremos expresar o noso apoio ao Ateneo Ferrolán na loita por manter a súa integridade como entidade cultural, ameazada pola decisión do goberno municipal co intento de diluír ao Ateneo nun Centro Cívico Cultural (probablemente prevexan que sexa xestionado pola corporación multinacional Eulen), privando-lle da súa sede social que ven ocupando desde hai máis de 30 anos. O Ateneo Ferrolán non só é un "punto de referencia e consulta imprescindíbel dentro do mundo cultural de Ferrol e en xeral de Galiza; non só polos centos de actividades culturais (debates, cine, conferencias, mesas redondas, exposicións, concertos, etc...) que organiza,..." non só é unha asociación recoñecida "pola súa capacidade crecente de convocatoria na realización das distintas e plurais actividades programadas, ...", polo seu compromiso social coa xustiza e a igualdade, ou por ser "unha entidade que ofrece o seu espazo a outras entidades e asociacións que queiran dispoñer das súas instalacións", senón que, o Ateneo, tamén é a súa sede que lle dá singularidade e identidade, un "edificio histórico so século XVIII, enclavado no tamén histórico Barrio da Magdalena".
No mundo occidental, ao abeiro da Estafa chamada Crise, esta-se producindo unha revolución neoliberal no económico, acompañada dunha revolución neoconservadora no social. A situación de Ferrol temos que entendela desde esta perspectiva. O actual Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela e dous dos seus máis destacados colaboradores, José Manuel Vilariño Anca e Guillermo Evia Pérez, como o resto dos concelleiros e concelleiras do dereitista Partido Popular, entre os que está Manuel Reyes García Hurtado, non son máis que peóns fieis cumpridores das políticas dereitistas e antidemocráticas que emanan da dereita política e ideolóxica que conciben só un mundo de ricos e pobres, dos que teñen e os parias, do amo e o escravo. Consideran unha vontade de Deus os privilexios e as desigualdades, que é "natural" a inxustiza. Non hai dubida de que o concelleiro Manuel Reyes García é o prototipo do político afastado do servizo á comunidade, e fai honor á política do seu partido. Prometeu acabar coa cultura en Ferrol e non dubida en dar os pasos necesarios.
Non hai moito tempo que unha parte moi importante do tecido cultural de Ferrol criticaba as actitudes do citado concelleiro e asinaba un manifesto público, para denunciar a política cultural e a prepotencia e soberbia do edil responsábel da área. Mais está á luz que só un manifesto non chegaba, faltaba e falta a acción. Manuel Reyes García non dubida tampouco en utilizar argumentos camaleónicos esgrimidos para despistar (aforro, Concepción Arenal, ...) e fan desviar a atención do verdadeiro obxectivo que queren conseguir: deixar ao Ateneo sen a súa sede, para diminuír a súa influencia social e cultural na cidade.
Todo está relacionado, unha aposta ideolóxica de dominación e alienación, con políticas sociais e culturais concretas, desde as medidas económicas e sociais antiobreiras, de Rajoy e Feijóo, até a redución antidemocrática de parlamentarios a elixir, mesmo a ameaza de retrocesos en dereitos fundamentais para as mulleres, pasando polo malgasto na Praza de España, ou unhas festas de Ferrol onde predomina o divertimento alienante, mentres o Social, o Galego e Galiza non existen.
Non podemos permitir que unha minoría, impoña as súas políticas reaccionarias á maioría social. Lembrar que gobernan con maioría absoluta, máis só co 24,44% dos votos (14.974) do censo electoral (61.259). O tecido cultural e social desta cidade temos que buscar fórmulas organizativas e de unidade de acción, para facer frente a estas políticas dereitistas e antidemocráticas e denunciar pública e socialmente o malgasto, as inxustizas e os despropósitos.
Viva o Ateneo Ferrolán !!
Viva a Cultura !!
Ferrol, a 7 de Agosto de 2012
Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
artabra21.blogspot.com
___
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon