venres, setembro 07, 2012

A CIG, CCOO e UGT convocan protestas diante das asociacións empresariais este venres en defensa da negociación colectiva - Manifesto conxunto das tres centrais sindicais

A CIG, CCOO e UGT desenvolverán este venres 7 de setembro protestas conxuntas en todo o país en defensa da negociación colectiva. As organizacións sindicais teñen convocadas concentracións diante das asociacións de empresarios baixo o lema "A negociación colectiva é un dereito". Ao mesmo tempo, fixeron público un manifesto no que alertan sobre os plans do Goberno do Partido Popular para rematar cunha ferramenta básica para a conquista de dereitos laborais por parte da clase traballadora.

Manifesto conxunto das tres centrais sindicais:
A reforma laboral deste Goberno do Partido Popular, contestada amplamente pola clase traballadora na folga do día 29 de marzo, xunto á situación económica de crise, está a causar una paralización e unha ruptura do marco de negociación colectiva construída nos últimos 35 anos.
A aposta do Partido Popular por destruír este marco mediante a reforma laboral contribúe ao empobrecemento da poboación e a un deterioro máis acusado e acelerado da economía, provocando unha caída dos dereitos laborais, unha superlativa precariedade e un descenso do consumo que condena ao peche a miles de pequenas e medianas empresas coa conseguinte multiplicación do desemprego.

Esta reforma busca ademais a individualización das relación laborais e a estratificación dos convenios colectivos a ámbitos da empresa, o que orixinará una competencia feroz e desleal entre empresas dunha mesma actividade, premiando a aquelas que precaricen e abaraten as condicións de traballo; ao tempo que pretende prescindir dos interlocutores históricos que participan na negociación colectiva, asociacións empresarias e sindicais.
Na actualidade, o proceso e renovación dos convenios colectivos está practicamente paralizado por razón dunha decisión política de determinadas asociacións empresariais de sector, que aproveitan o momento para levar ao límite a vixencia e ultractividade dos convenios, provocando a caída normativa dos mesmos ou unha posición de vantaxe na negociación que retroceda nos aspectos salariais e de dereitos.

As centrais sindicais UGT, CCOO e CIG queremos trasladar neste acto a nosa irrevogable decisión de defender o marco actual de negociación colectiva, por representar un dos piares claves no estado de dereito nas relación laborais. Mediante a negociación colectiva conquistamos moitos dos nosos dereitos, os nosos salarios e por tanto as nosas condicións de vida. Non permitiremos a destrución do marco de negociación colectiva, a desregulación das condicións de traballo, o empobrecemento da clase traballadora e o incremento da precariedade.

Horarios e lugares das mobilizacións:
Vigo: Ás 11h. García Barbón, 104.
A Coruña: Ás 12h. Praza de Luís Seone, Torre 1.
Vilagarcía: 11.30 Arcebispo Lago, 17.
Ferrol: Ás 12h. Cantón de Molíns, 8-9.
Santiago: Ás 12h. Rúa do Vilar, 54.
Lugo: Ás 12h. Praza de Santo Domingo 6-8, 2º.
Ourense: Ás 11h. Praza das Damas.
Pontevedra: Manifestación ás 12h. dende a Praza da Ferrería.

Fonte: CIG


Centrais Sindicais:


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon