Concentración este venres 14 de setembro, ás 11:30 horas, diante dos xulgados, coincidindo coa celebración do xuízo de faltas
Os voceiros da CIG de Ferrol e membros da asemblea de desempregados/as compareceron este mércores en rolda de prensa para amosar o rexeitamento da central sindical ao enxuizamento de seis compañeiros/as da asemblea que participaron nunha acción simbólica nun supermercado. Coincidindo coa vista, a CIG ten convocada unha concentración solidaria o venres 14 de setembro, ás 11:30 horas, diante dos xulgados de Ferrol.
Coa acción de protesta, apuntaron os responsábeis comarcais, a asemblea pretendía simbolizar a situación de emerxencia social que vive a comarca, que rexistra uns niveis de desemprego dos máis elevados do estado, e a desesperación que sofren aquelas persoas "que xa non teñen nin para comer".
A asemblea de desempregados/as acordara levar a cabo o pasado 6 de xuño unha acción reivindicativa nun supermercado da cadea Dia, consistente en retirar carritos con alimentos da cesta básica da compra presentado a cartilla do paro, para logo entregalos á Cociña Económica –entidade que, lembraron, se atopa desbordada polo incremento constante de familias que se ven na obriga de acudir a este servizo.
As súas pretensións víronse truncadas finalmente, xa que a policía requisou os alimentos e procedeu a identificar aos/ás participantes. Posteriormente, a empresa presentou denuncia por faltas contra seis membros da asemblea, por retirar produtos por valor de 25 euros.
Neste senso, os responsábeis comarcais rexeitaron a desvergoña das grandes empresas de distribución como Dia que, diante do desespero social opta por criminalizar este tipo de accións simbólicas e reivindicativas, mentres non dubida en tirar ao lixo miles de quilos de alimentos próximos a caducar en lugar de entregarllos aos comedores sociais. Do mesmo xeito, lamentaron que a xustiza actúe como "cómplice desta farsa" ao admitir a trámite a denuncia, mentres "banqueiros, empresarios e políticos corruptos" permanecen impunes roubando riqueza á clase obreira.
Fonte: Avantar
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon