O dereitista Partido Popular está gobernando en Madrid e na Xunta de Galicia, así como na maioría dos concellos da Galiza. Nos últimos días Alberto Nuñez Feijóo, presidente da Xunta anunciou a convocatoria electoral para as lexislativas galegas, para o 21 de Outubro deste 2012. Non podemos deixar as institucións nas mans destes dereitosos neoliberais que só pretenden empobrecer-nos aínda máis e lexislar contra a maioría social, para manter os seus privilexios. A Clase Obreira ten que dicir basta a tanto despropósito, basta a tanto roubo, basta a tanta inxustiza, basta de tanta corrupción, basta a tanto latrocinio contra o pobo. É hora de que as cousas cambien, non podemos permitir que a oligarquía aproveite a esta Estafa chamada Crise, para impoñer un modelo social ultraliberal, roubando salarios, dereitos e consquistas sociais. Menos dereitos, menos democracia, menos liberdade, isto é o que teñen previsto para o pobo traballador. Non o permitamos !! Loita tamén co teu voto.
O Secretario Xeral da CIG Suso Seixo responde ao xornal sindical 'Avantar' con afirmacións moi clarificadoras, chamando a intesificar as mobilizacións en toda a nación pasando á "mobilización social xeneralizada".
A CIG, ten previsto realizar unha Asemblea Nacional de cadros e representantes sindicais e unha posterior manifestación, o Martes 11 de Setembro.
A central sindical está ademais en conversas coas outras organizacións sindicais, na perspectiva de convocar conxuntamente novas mobilizacións no decurso deste mes e mesmo de convocar unha folga xeral cara finais.
O secretario xeral da CIG afirma que logo destas concentracións do mes de agosto “hai que pasar xa a unha contestación moito máis xeneralizada e numerosa no que se refire a resposta social”. Entende que é imprescindíbel manifestar a oposición na rúa ás políticas que vén impondo o PP “polo que teñen de negativas, polo seu carácter antisocial e porque realmente non están pensadas como unha saída á crise. A proba é que no están servindo para iso, estamos en situación de recesión económica e cunha previsión en canto a destrución de emprego, tanto deste ano como do que vén, importante”, di.
Por iso, afirma “hai que seguir a mobilizarse para denunciar estas políticas pero tamén para esixir outras alternativas, co convencemento de que se poden adoptar medidas que axuden a saír da crise favorecendo ademais os intereses da maioría social e non os da banca e os especuladores que é ao que obedecen as que se promoven desde a UE e das que fai seguidismo o goberno español”.
O futuro inmediato que nos agarda
Subliña que están pendentes de se aprobar os orzamentos para o ano 2013, que parece que serán presentados a finais do mes de setembro. “Aí váiselle dar concreción a toda esta política de axustes e poderemos comprobar o alcance dos recortes en investimento e o gasto público”.
Alerta das novas medidas que está a barallar o Partido Popular, nomeadamente dunha nova reforma das pensións que posibelmente se concrete na redución do período previsto para a aplicación da xubilación aos 67 anos. Tras da última reforma estabeleceuse o incremento progresivo dos 65 aos 67 até o ano 2028. A pretensión do PP é adiantar este calendario e comezar a aplicar a xubilación aos 67 de forma máis inmediata. “Tampouco non descartamos que poñan enriba da mesa outros aspectos. Podería vir acompañado da conxelación das pensións ou de aplicar outro dos temas latentes desde hai tempo: coller todo o período laboral para calcular a base reguladora. Eles saben que iso supón automaticamente unha redución na contía das pensións futuras”.
O secretario xeral da CIG lembra que respecto dos cambios que se fixeron nese sentido, ampliando o período de cálculo aos últimos 25 anos, a mesma UE recoñeceu que supuxo unha caída importante na contía das pensións no estado español. “Se collen toda a vida laboral aínda se vai acentuar máis iso. Non sería de estrañar que agora o PP o termine impondo aproveitando que ten maioría absoluta no parlamento español”.
Xunto a isto advirte de que a caída dos salarios que se está a producir na función pública se vai trasladar tamén ao sector privado. “A reforma laboral que se fixo, no que respecta a negociación colectiva, ten como obxectivo provocar unha caída nos salarios, que eu calculo que será da orde do 20%. Isto terá consecuencias obvias como caída do consumo e da actividade produtiva, polo tanto máis recesión e máis paro. Como aquí a política monetaria está en mans do BCE, o que se pretende é, pola vía de reducir os salarios, aumentar a competitividade, no canto de xogar coa política monetaria, que hoxe está en mans do BCE”.
Fonte: Avantar
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon