Reportaxe de Susete'70 sobre a cacerolada do naval diante do hotel onde o PP trasladou o seu acto de inincio de campaña electoral; a represión político-policial sobre o Secretario Comarcal da CIG, Anxo López Pintos; e a posterior rolda de prensa das centrais sindicais comarcais (CCOO, CIG, UGT e USTG.
Altercados en Ferrol no inicio de Campaña Electoral
Onte tivo lugar a manifestación convocada pola CIG baixo o lema "Contra ás nefastas consecuencias do goberno Feijoo". Esta transcorreu con total normalidade sen ningún tipo de incidentes. Ao finalizar a manifestación e de forma ESPONTÁNEA, sen ningún tipo de convocatoria previa, unhas 400 persoas, entre as que se distinguían; traballadores do Naval, Poligal, desempregados, funcionarios etc. encamiñáronse cara ao Hotel Almirante, lugar no que o PP daba inicio á Campaña Electoral. (Segundo me acaban de comunicar, si que existía convocatoria, esta foi feita por parte dos comités de empresa de Navantia e Poligal)
Nun principio o acto do PP estaba previsto realizalo na Praza de Amboaxe, pero por motivos que descoñezo trasladouse ao citado hotel, neste dábanse cita militantes do partido, entre os que destacaban; José Manuel Rey Varela (Alcalde de Ferrol); Diego Calvo (Secretario xeral do PP da Coruña); Miguel Tellado (número catro por Coruña); Germán Castrillón (Alcalde de Cabanas) etc.
Os ánimos caldeábanse segundo ían pasando os minutos, e máis cando membros do PP se puxeron a mirar a través das cortinas e realizar fotos e aplaudir aos alí presentes. Neses momentos algunhas persoas botaron algunha pedra e ovos ás ventás, dous bolardos eran arrancados e lanzados ás portas da entrada principal do hotel.
En Ferrol estaban os "Homes de negro"
Entre os manifestantes estaban membros da policía secreta, un deles mesmo levaba posta a camiseta en defensa dos servizos públicos. Non citaría este detalle se non fose porque 20 minutos antes, na presentación de campaña de Alternativa Galega de Esquerdas, apareceron tres membros (dous homes e unha muller) da "Brigada político social" e puxéronse a realizar fotos da xente alí congregada. Estas persoas non eran de Ferrol, e tampouco eran os clásicos policías camuflados que realizan as comprobacións ordinarias de visualización de que todo vai ben. Esta actitude é antidemocrática cando este acto si que é democrático A xente que traballa na política local non se esconde, pois funcionan democráticamente cumprindo as normas do estado de dereito. É máis, estas fotos saen logo á luz e son de dominio público, NINGUÉN DE NÓS TEN PORQUE ESCONDERSE.
Os minutos convertéronse nun par de horas, e apareceu un pequeno grupo de antedisturbios aos que se lles sumaron membros da Policía Local preparados con equipos similares.
A carga e a detención de Xesús Anxo López Pintos
A saída do hotel foi a parte quente, Diego Calvo e José Manuel Rey Varela, saían pola parte traseira do hotel, concretamente pola cociña, protexidos por escudos da policía, nese momento foron increpados polos concentrados que proferían insultos. Ao dar a curva á mazá, na Rúa Lugo, Diego Calvo e José Manuel Rey Varela escaparon rúa abaixo á carreira. A insistencia dos concentrados por querer ir detrás obrigou en certo modo a policía nacional e local a efectuar unha carga contra estes.
Da carga só podo dicir que cada un "xogaba o seu papel", ata o momento da detención de Xesús Anxo López Pintos, pois este non agrediu en ningún momento a ninguén, permaneceu coas mans nos petos ou cubríndose o corpo cando lle zurraban, e en ningún intre deixaba de intentar tranquilizar os ánimos, pero infrutuosamente, un dos golpes alcanzáballe a cabeza e producíalle unha brecha, foi o momento en que tres policías nacionais foron directamente a por el e esposárono.
É de salientar a agresividade dun axente da policía nacional que non baixou a porra en ningún momento nin cando a cousa estaba en calma, un dos seus compañeiros chegou a dicirlle "Baixa xa iso".
Xesús Anxo López Pintos, foi trasladado a comisaría da Avd. de Vigo, e incomunicado á espera de prestar declaración no día de hoxe.
[Continua]
CIG, CC.OO, UXT e USTG, denuncian supostas torturas a Xesús Anxo López Pintos
As centrais sindicais, deron hoxe unha rolda de prensa para denunciar o acontecido durante a madrugada de hoxe en Ferrol.
O voceiro comarcal da CIG, Manuel Grandal, sinalou a José Manuel Rey Varela (alcalde de Ferrol), e a Diego Calvo (presidente da Deputación da Coruña) de provocar os incidentes acontecidos nas inmediacións do hotel Almirante. Segundo un informe facilitado polo citado hotel, tódolos asistentes puideron abandonar o edificio pola porta principal sen que se producisen altercados. A decisión de José Manuel Rey e Diego Calvo, de saír a escondidas e escoltados pola porta traseira (cociña) provocou aos alí presentes para incrépalos con forza.
Os catro sindicatos sinalan á policía nacional e local, de brazo executor das políticas represivas do PP, pois cando José Manuel Rey e Diego Calvo, xa abandonaran as inmediacións a policía deu volta sobre os seus pasos e cargou brutalmente contra os alí presentes.
O asañamento e persecución de Xesús Anxo López Pintos quedou patente en probas gráficas amosadas neste vídeo da 6 TV.
http://youtu.be/xfYVom2nvZA
Nel pódense apreciar as ameazas proferidas cando o teñen retido no chan, así como as que ten que escoitar o cámara de TV que efectúa a gravación.
O máis grave tivo lugar logo nas dependencias da policía nacional, onde supostamente Xesús Anxo López Pintos, foi sometido a torturas, en especial por parte dun policía que xa foi identificado. Os avogados da CIG xa están a traballar para presentar a correspondente denuncia
Cesáreo Fraga, secretario comarcal de UXT, visiblemente emocionado fixo un chamamento a unidade de resposta pacifica e democrática por parte dos sindicatos da comarca.
Julio Abelleira, secretario comarcal de CC.OO, fixo fincapé nos plans do PP para prohibir as manifestacións durante a campaña electoral.
Andrés Rodríguez, voceiro da USTG, quixo deixar constancia de que a concentración foi convocada polos comités de empresa de Navantia e poligal.
Unha testemuña presencial dos feitos quixo deixar constancia na rolda de prensa, de que un membro da policía local de Ferrol, foi o incitador para a detención de Xesús Anxo López Pintos, parece ser que este axente (tamén identificado) dicíalles aos da policía nacional "Ese é Pintos", intre no que estes foron a por el.
Fonte: http://ferrolsuso.blogspot.com.es/
___________________
1 comentarios so far
Pensei, tal como contei que a fendecha na cabeza fora feita cando se abalanzaron por el, pero no vídeo queda demostrado que non foi unha parte máis da refrega, se non unha represalia. Xa estamos falando dun delito :(
Saúde
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon