Ante a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, referente ao contencioso contra a Autorización Administrativa Previa, interposto por varias entidades integradas no Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, este emitiu unha nota de prensa para valorar o contido de dita Sentenza que a continuación transcribimos. Mais antes desde Ártabra 21 queremos manifestar que seguimos reiterando a nosa máis absoluta convicción da ilegalidade e máis que evidente perigosidade da planta regasificadora instalada no corazón da nosa Ría, no concello de Mugardos, moi próxima aos núcleos de poboación, poñendo en perigo a seguridade e a vida de miles de persoas que moramos na contorna. Unha planta, a de Reganosa, construída co amparo da administración Fraga, logo co do goberno bipartito e agora en funcionamento co de Nuñez Feijoo. Unha planta de gas rodeada de corrupción política e económica. Diferentes medios de comunicación fixeron-se eco da noticia reproducindo, case textualemente, a nota enviada polo propio gabinete de prensa de empresa regasificadora. Esquecendo que esta sentenza é recorríbel e con toda probabilidade sexa o que faremos nos próximos días. Neste momento aínda existen recursos e demandas interpostas contra Reganosa, así como alegacións administrativas e denuncias, e unha Petición na Comisión Europea. Puntualmente mobilizamo-nos, sempre que entra un gaseiro cargado, para alertar do perigo que ameaza a nosa seguridade e seguiremos denunciando a imposición e a corrupción deste negocio que pagamos toda a cidadanía, na súa maior parte, a través dos nosos impostos. A loita continua ! Carmelo veras-no cos nosos ollos !
Nota do Comité Cidadán
Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid
Contencioso contra a Autorización Administrativa Previa
A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid do 12-11-2012, desestimando o recurso contencioso presentado polas entidades do CCE contra a Autorización Administrativa Previa outorgada a Reganosa, non supón nada novo, por canto é unha reiteración da ditada o 27 de Novembro de 2006 ante o contencioso presentado polo Concello de Ferrol, e da que logo se retirou.
O CCE non desistirá como fixo o Concello de Ferrol e recorrerá esta sentenza.
Esta sentenza non prexulga para nada a Autorización de Construción da planta de gas, recorrida en contencioso presentado polo CCE, e sobre a cal terá que pronunciarse este Tribunal.
Lembrar que o máximo órgano xudicial, o Tribunal Supremo, en sentenza inapelable do 11 de Maio de 2012 anulou a modificación do Plan de Ordenación de Mugardos que serviu de base para a construción da planta de gas de Reganosa, ratificando a sentenza de 22 de abril de 2008 ditada polo Tribunal Superior de Xusticia de Galicia. A sentenza do Supremo, entra ao fondo do asunto, ao sinalar a carencia da DIA (Declaración de Impacto Ambiental).
Os promotores de Reganosa e os seus cómplices institucionais non utilizaron o procedemento legal (DIA), non por descoñecemento senón porque sabían que á luz do mesmo, o interior da Ria de Ferrol resulta incompatible cunha instalación tan perigosa como unha planta de gas, e só cunha actuación fraudulenta poderían acadar o seu propósito , como foi relocalizar a planta de gas en Punta Promontoiro.
Este tribunal ven de desestimar o contencioso contra a Autorización Administrativa Previa outorgada pola DPEyM a Reganosa, en base a repetir as teses mantidas pola empresa, a saber:
Que non necesita da DIA, en base a considerar unha falsa data de presentación da solicitude, porque a documentación necesaria para considerar a apertura de expediente non a presentou até 15 meses mais tarde e tratando mesmo de maquillar as datas de presentación en base a visados fraudulentos de algúns documentos do proxecto.
Que o antigo Raminp (2000 m a núcleos de poboación) ten excepcións. Con todo, o concello de Mugardos non dubida en aplicalo para licenzas de apertura de actividades tan perigosas como café-bares, carnicerías ou mesmo mercerías.
Que o emprazamento é viable dende o punto de vista da seguridade industrial e do cumprimento de distancias a centros próximos de poboación, non afectando a poboación mais próxima. O estudo de riscos realizado non contempla todos os posibles accidentes. Un estudo similar feito para a planta de Bilbao, de capacidade e tecnoloxía similar e realizado cos mesmos programas de simulación, concluíu con distancias de seguridade 10 veces maiores que en Mugardos.
Que en canto a seguridade o risco do tráfico de gaseiros non ten por que ser maior que o existente na Ría (equiparando os gaseiros descargados y desgasificados que entran para reparar, cos gaseiros cargados con GNL con destino a Reganosa). Situacións con índices de risco claramente diferentes.
Que a planta de Reganosa é esencial para o o sistema gasista nacional, así como en concreto para Galicia. Cando os datos, dende a entrada en funcionamento amosan a realidade da planta de Reganosa: unha instalación deficitaria, que nos costa aos cidadáns perto de 60 millóns de euros ao ano e a súa produción non acada o 40%. Para “xustificar” o seu funcionamento, manteñen pechado o gasoduto de Tui que viña subministrando gas a Galicia antes do 2007, e ten a capacidade suficiente para subministrar gas aos ciclos combinados e para o consumo doméstico e industrial.
Ou reiterar a falsidade cando se refire aos vaporizadores de auga de combustión interna para o proceso de regasificación, cando no proxecto e na Autorización Definitiva, este sistema é secundario sendo o sistema principal os vaporizadores de auga de mar. Este sistema fraudulento esta acelerando a destrución do ecosistema da Ría. Se non é maior o deterioro é pola baixa produción que ten desde a súa posta en funcionamento.
Este CCE esixe o cumprimento e execución da Sentenza do Tribunal Supremo, do 11 de Maio de 2012, para evitar riscos innecesarios á poboación de toda a Ría.
Ferrol a 29 de Novembro de 2012
--
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
Tamén en Twitter : @ComitCEmerxenc
Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
29 de novembro de 2012 23:49
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon