domingo, decembro 09, 2012

Fochas con pedigree en Esteiro - A asociación veciñal denuncia


Sr Rey Varela: Moi pronto vaise volver a celebrar a carreira de San Xiao que ten a saída e a chegada no Pavillón Municipal de Esteiro e que supera os catrocentos participantes en distintas categorías.

O pasado ano, como lembrará Vostede, deu o pistoletazo de saída nunhas rúas que estaban cheas de fochas e cunhas beirarrúas en mal estado. Como tamén lembrará Vostede, a AV de Esteiro, tivemos ocasión de achegarnos para denuciarlle esa situación. Con motivo da carreira e debido a grande participación, as fochas existentes foron recheadas con area para evitar que os moitos atletas e público sofrisen un percance.

A día de hoxe, como pode ver nas fotos que achegamos, e, grazas ao "traballo e interese" do concelleiro responsable de  Urbanismo, Obras, Servizos, Zona Rural e Seguridade , Don Guillermo Evia Pérez, a situación un ano despois é exactamente igual.

Non é unicamente o caso de Esteiro, toda a cidade leva un ano sen que se faga reparación ningunha e onde se fixeron reparacións na Rúa Real e Madalena con motivo da Semana Santa, xa volven a estar completamente deterioradas.

Outro tanto ocorre co chamado Plan Express que levou a facer reparacións por onde ía pasar a Volta Ciclista a España, que xa volven a estar desfeitas. Aínda non de contratou a empresa de reparación de fochas, malia telo anunciado en moitas ocasións nos medios

Os soportes da Costa de Mella, que custan 900 euros mensuais, xa ían ser retirados no mes de abril, como anunciou o Sr Evia nos medios de comunicación, a data de hoxe aínda non foron retirados.

Non se cumpren os prazos do Urban en Canido, a Praza do Callao rematou o prazo previsto para as obras o 30 de novembro e segue sen ser aberta ao tráfico, como consecuencia das obras do Callao a rúa Madalena, entre Rubalcaba e Rochel foi aberta ao tráfico e está completamente esnaquizada e deberá ter unha fonda reparación logo de que se abra a Praza do Callao. O paso de peóns da Rúa Rochel fronte ao local da Terceira Idade está desfeito, malia ser reparado hai poucos meses.

En definitiva a ineficiencia e a ineficacia do Concelleiro de  Urbanismo, Obras, Servizos, Zona Rural e Seguridade , Don Guillermo Evia Pérez, está máis que demostrada. Xa non imos falar das continuas denuncias que, contra o Concello de Ferrol, están formulando moitos cidadán polas moitas caídas que están a sofrir por mor do mal estado de tódalas rúas de Ferrol, como sucedeu diante da Casa Solidaria e diante da Biblioteca da Casa do Patín e segue sucedendo cada día.

Como saberá Vostede esta Asociación Veciñal de Esteiro, rexistramos no mes de xullo un mapa de deficiencias do Barrio de Esteiro, sen que tivesen ningunha resposta e sen que se fixese obra ningunha de reparación ou reposición. Xa o denunciamos repetidamente nos medios de comunicación e a través do Rexistro Municipal, cousa que facemos novamente.

Desde a Asociación Veciñal de Esteiro pensamos que xa é hora de que o Alcalde de Ferrol cese de xeito inmediato ao Concelleiro de Urbanismo e Obras , Sr Evia  e ao seu asesor Rodriguez Silvar por ter demostrado sobradamente ao longo destes 17 meses a súa total ineptitude.

Sr Alcalde, vémonos o día da carreira de San Xiao e teña conta de non caer nunha das moitas fochas que hai arredor do Pavillón Municipal de Deportes de Esteiro, non vaia ser que tamén teña que formular Vostede denuncia contra o Concello de Ferrol.

Xunta Directiva da AV de Esteiro

Achegámoslle fotos das fochas da Rúa San Roque e Animas e da beirarrúa do lateral do Pavillón Municipal de Deportes de Esteiro, esto é como está unha soa rúa, imaxinen como está todo o Barrio de Esteiro e como está todo Ferrol.


Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/





Información baseada na enviada por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
15 de dezembro de 2012 09:17

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon