mércores, xaneiro 23, 2013

A Alternativa Galega de Esquerda -AGE, esixe a dimisión da Conselleira de Mar pola situación do salvamento marítimo e presenta unha 'Proposición Non de Lei' sobre marisqueo


Comunicado de Alternativa Galega de Esquerda en que o grupo parlamentario volve esixir a dimisión da Conselleira de Mar pola situación do salvamento marítimo e na que explica a proposición non de lei sobre marisqueo rexistrada no Parlamento e que se achega.

Daniel Salgado - Prensa de AGE


Alternativa Galega de Esquerda volve esixir a dimisión da conselleira de Mar por “antepor os beneficios dunha empresa privada ao salvamento de vidas
O deputado Juan Fajardo presenta, ademais, unha proposición non de lei para que as eléctricas non abran unilateralmente os encoros, cuxas riadas causan enormes danos nos bancos de marisco.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volveu esixir hoxe, en rolda de prensa, a dimisión da conselleira de Mar e Medio Rural, Rosa Quintana. “Ante a incapacidade da conselleira para tomar decisións que soluciones as deficiencias en salvamento marítimo”, expuxo o deputado Juan Fajardo, “pedímoslle que se marche”. Fajardo lembrou a morte, o pasado mes de decembro, dunha percebeira en Oia (Pontevedra) á que os servizos de salvamento non puideron asistir a tempo. Tamén lembrou que a Xunta anunciara medidas ao respecto. “Máis dun mes despois, nada sabemos desas medidas”, engadiu, “que, para nós, significan que o salvamento marítimo volva ser completamente público”. “Non pode ser que unha persoa que antepón o beneficio dunha empresa privada [a adxudicataria dos servizos de salvamento] a salvar vidas continúe sen tomar medidas que, entre as xentes do mar, son un clamor”, sinalou.

Ademais, Alternativa rexistrou unha proposición non de lei, en que insta á Xunta a impedir que a apertura unilateral dos encoros por parte das eléctricas provoquen riadas que causan enormes danos nos bancos de marisco. O parlamentario Juan Fajardo puxo como exemplo os acontecementos do pasado decembro, cando o caudal desatado polas présas do Tambre e de Portodemouros produciron unha enorme mortalidade de moluscos nas rías de Muros e Noia. “Lonxe de se tratar dunha decisión técnica ou de seguridade, como aducen as compañías”, argúe Fajardo, “a decisión de abrir as comportas baséase no mellor prezo que pode acadar a enerxía nas datas de Nadal nos mercados europeos”. De feito, a apertura que prexudicou ás mariscadoras e mariscadores das rías de Muros e Noia ocorreu o 24 e o 25 de decembro. Onte mesmo, os dous encoros mencionados tiñan un 20% de auga ca daquela e non soltaron a auga.

Pero é que, a maiores, a Xunta e os produtores acordaron, por mor das riadas, o peche dos lombos do Ulla ao marisqueo deica o mes de outubro. Esta situación, que afecta aos mariscadores das confrarías de Carril e Rianxo, pode ocasionar perdas de 15 millóns de euros. Así, a Administración autónoma deberá pagar as prestacións dos traballadores que fiquen en paro, sen que as compañías eléctricas -causantes do peche pola apertura unilateral dos encoros- soporten ningunha carga económica por estes feitos. A proposición non de lei de Alternativa Galega de Esquerda denuncia tamén o desleixo da Xunta á hora de reclamar responsabilidades aos culpábeis desta situación.

Proposición non de Lei

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu voceiro e a iniciativa dos seu deputado Juan M. Fajardo Recouso, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Proposición non de lei para  o seu debate en Pleno,

Exposición de Motivos

O pasado mes de Decembro do 2012 nas rías de Arousa e Noia, unha serie de circunstancias determinaron o incremento da mortalidade dos moluscos que se extraen en ambas rías, feito que provocou un elevado prexuízo económico ás mariscadoras e mariscadores de ambas as dúas zonas, tanto de a pé como a flote.

Entre os elementos que é conveniente reseñar e que puideron influír na elevada mortalidade das especies explotadas nestas dúas rías, salientamos as riadas producidas pola apertura das comportas dos encoros do Tambre e Portedemouros respectivamente. Estes feitos non se poden considerar illados, senón que, lamentablemente, reprodúcense con asiduidade en ambas as dúas rías.

Dende Alternativa Galega de Esquerda consideramos necesario que os procesos de apertura de comportas non poidan realizarse por decisión unilateral das empresas que explotan as capacidades enerxéticas de ambos os dous encoros. Entendemos imprescindible introducir normativas que delimiten esta capacidade e obriguen ás empresas a consultar e acordar cos sectores produtivos os momentos e formas de aliviar as augas encoradas.

Lonxe de se tratar dunha decisión técnica ou de seguridade das empresas eléctricas, a decisión baseáse na demanda do mercado eléctrico e na posibilidade de acadar mellores prezos da enerxía precisamente nas datas de Nadal, debido o incremento da demanda e ao incremento dos prezos nos mercados europeos de enerxía.

Estas actuacións priorizan a rendibilidade económica dunha multinacional, que xa esquilma os galegos con abusivos prezos eléctricos e sen bonificacións malia ser Galicia produtora e exportadora da enerxía, deben ser controladas pola Administración para evitar que os intereses económicos da empresa arruínen a campaña dun sector fundamental para a economía galega, e máis concretamente das rías de Arousa e Noia.

Non podemos esquecer a repercusión que sobre a mortalidade do berberecho e a ameixa teñen ademais as obras de infraestruturas viarias e ferroviarias que se efectúan en ambas as dúas rías e que incrementan a contaminación e a turbidez da lámina de auga.

No que respecta aos lombos do Ulla, a Xunta e os produtores acordaron o peche desta zona, o que ocasionará perdas importantes para os mariscadores e mariscadoras pero tamén para a Administración. Esta terá que facer fronte os pagos das prestacións por desemprego, sen que as empresas eléctricas responsábeis desta situación –pola apertura indiscriminada dos encoros- soportasen ningunha carga económica ou responsabilidade sobre as perdas producidas á Administración ou aos produtores.

A arbitrariedade deste tipo de medidas por parte da Administración autonóma, e a deixadez de funcións a hora de esixir responsabilidades aos culpábeis ou indutores da situación, fan necesario establecer vías legais que permitan reclamar danos aos responsables. Ademais, é preciso habilitar liñas de axuda para aquelas mariscadoras e mariscadores que por esta circunstancia non poidan acollerse ás prestacións e que, sen embargo, deben continuar pagando os seguros socias correspondentes sen ningún ingreso. A maiores, a Administración debe estabelecer a posibilidade de cobro parcial das cotas cando os paros se produzan xa iniciado o mes, en igualdade de condicións cos traballadores por conta allea.

Polo exposto formulamos a seguinte proposición non de lei:
O Parlamento de Galiza insta a Xunta de Galicia a adoptar as medidas legais oportunas para evitar que se repitan riadas provocadas pola apertura de comportas de forma unilateral polas empresas que explotan os encoros galegos.

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a arbitrar un mecanismo fluído, eficaz e obxectivable  para que os mariscadores e mariscadoras poidan utilizar os peches dos sectores produtivos cando se produzan situacións de forza maior que provoquen a baixada abusiva dos prezos ou a mortalidade das especies que se extraen.

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a introducir unha liña de axudas para os afectados e afectadas das riadas do mes de decembro nas rías de Arousa e Noia, nomeadamente a aqueles que por condicións de tempo non poidan acceder as prestacións.
Santiago de Compostela a 23 de xaneiro de 2013


ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
Gabinete de comunicación do grupo parlamentario 
Tania Porta e Daniel Salgado
tania.porta.bujan@parlamentodegalicia.es
daniel.salgado.garcia@parlamentodegalicia.es
prensa@alternativadeesquerda.net
606 675 524

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
-23 de janeiro de 2013 13:58

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon