Por David Rodriguez [*]
19.02.2013
Kortatu. Deste grupo vasco gústame moito unha canción titulada La línea del frente pero, sobre todo, gústanme os catro primeiros versos da letra: Siempre me ha interesado/ esa jerga que emplean los rastas/ hablan de batallas / que no puedes encontrar en los mapas. A pequena grande vitoria conseguida hoxe nunha rúa da Coruña ao deterse o desafiuzamento que se pretendía aplicar a unha muller de 85 anos, cunha pensión raquítica e que só se retrasara algún mes no pago do seu aluguer de renda baixa, é unha desas batallas que debemos situar, para recordar, no mapa particular dos de abaixo. E na súa historia. Unha historia que nada ten que ver coa dos de arriba. Nin coas batallas e os mapas que para eles son importantes. É do cúmulo destas pequenas batallas nosas que se constrúe un mundo novo.
Eichmann. Hannah Arendt, no seu Eichmann en Xerusalén. Un informe sobre a banalidade do mal,
xustificou, dalgún xeito, a contribución na Solución Final do Eichmann
home, por non ser este máis ca unha peza conformista do verdadeiro
culpable: o nazismo en si. Nesta banalidade do mal, a banalidade da
persoa concreta que encarna, nun contexto dado, unha razón de Estado
superior a el é na que se escuda todo aquel que necesita sentirse
inocente ao tempo que continúa colaborando, coa súa acción, a que o
mecanismo burocrático que ordea algún tipo de política de dubidosa ética
continúe reproducíndose imparable. Algún día teremos que recordar a
todos eses policías e xuíces que non se negan a executar desafiuzamentos
que non acreditamos no desdobramento entre persoa e función, nin
pensamos que exista unha ética diferente para cada situación, senón que
pensamos que ambas van unidas e que de ambas deben responder por igual.
Rosa
Parks. Ás veces os xestos máis humildes poden provocar terremotos. A
muller de Alabama que se negou a mudar de asento no autobús segregado
difícilmente sabía que amplificaría a loita polos dereitos civís dos
negros estadounidenses do xeito en que o fixo. Os primeiros bombeiros
que acudiron á rúa Padre Feijóo e se negaron a rachar a cadea que
apresaba a porta do predio no que vive Aurelia están a repetir o heroico
xesto de Parks. E quen sabe se tamén se acaban convertindo nun símbolo
de algo moito máis grande que o acontecido hoxe na Coruña.
Fraternidade.
Os centos de persoas, os afectados pola problemática dos
desafiuzamentos e, máis importante, os que non estando afectados
directamente tamén se presentaron á chamada para frear esta inxustiza,
entenderon ben por que fámulo, de onde provén o termo familia, significa escravo e por que, para combater esa escravitude exercida polo pater, o señor feudal, os igualmente oprimidos, os fratri,
se unían e loitaban xuntos coma irmáns. A fraternidade, que é unha
estratexia de guerra, acaba sendo tamén unha forma de vida e unha bola
de neve que se fai máis grande canto máis se pon a rolar e que xera un
ben que ningunha contabilidade consegue rexistrar: a solidariedade; que
non é máis que o outro nome do Amor. Isto, hoxe, tamén o entendeu ben
Aurelia que, despois de comprobar que poderá permanecer na súa casa polo
menos un día máis grazas ao apoio de tantos, afirmou: "eu pensei que tiña algo, pero tiña moito máis."
Fonte: http://ofunambulistacoxo.blogspot.com.es/2013/02/catro-notas-sobre-aurelia.html
Fonte: http://ofunambulistacoxo.blogspot.com.es/2013/02/catro-notas-sobre-aurelia.html
[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural).
Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro
colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
___
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon