sábado, marzo 09, 2013

"Aos que nos queren facer pagar os custos da crise económica témolos que combater na rúa" ... Esquerda Unida polo 10 de Marzo



Comunicado do Consello Local de Esquerda Unida-Ferrol

Aos que nos queren facer pagar os custos da crise económica témolos que combater na rúa. Tamén nas institucións pero fundamentalmente na rúa con organización e mobilización. A aqueles que sosteñen, financian ou ou alimentan a engranaxe do mecano que funciona só succionando suor e transformando sufrimentos en capital temos que combatelos até o final.

Estamos nas vésperas da celebración do 10 de Marzo, o Día da Clase Obreira Galega, data na que o noso país celebra e reivindica a loita heroica dos traballadores ferroláns que desafiaron a represión da ditadura franquista para reclamar de maneira pacífica os seus dereitos como traballadores e asemade deron un pulo formidable á loita polas liberdades democráticas.

A data do 10 de Marzo de 1972 ten unha significación sobranceira para a construción dunha alternativa democrática e transformadora ao noso país, porque supuxo sen ningún xénero de dúvidas unha masiva deslexitimación social da ditadura. Dende o ámbito económico da produción, a clase traballadora acadou unha grande onda expansiva de simpatía e solidariedade de amplos sectores sociais e populares, que leron na espiral de violencia e represión da ditadura a súa radical incapacidade para manter un réxime de iniquidade.

Hoxe, como hai corenta e un anos é o momento do pobo e da súa unidade;a fraude, os paraísos fiscais e a corrupción duns poucos son o empobrecemento da maioría; os desafiuzamentos, o desemprego e a corrupción son a expresión da violencia social contra a maioría na que se sostén o actual estado de cousas. É o momento de poñer en primeirísima liña os intereses dos que non teñen outra maneira de poder vivir que vender o seu pelexo, a súa forza de traballo. Cómpre sermos xenerosos e traballar continuamente a prol da unidade de clase, da unidade de todos/as os/as traballadores/as.

O Consello Local de Esquerda Unida anima a toda a cidadanía combatente a acudir aos actos conmemorativos do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, convocados polas organizacións sindicais e facer desta data un fito na loita contra os gobernos do PP.

Adiante!

Viva o dez de marzo.

Viva a unidade de clase traballadora.

Consello Local de Esquerda Unida-Ferrol

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org


facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
8 de março de 2013 14:10

Bos días; adxuntamos o manifesto e cartaz do Consello Local de Esquerda Unida con motivo do dez de marzo. Saúdos.

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon