"Xuntas. Sen ánimo de lucro. En código aberto e baixo licenzas libres. Dende abaixo á esquerda. Outra televisión". Con este lema preséntase Galiza Ano Cero, un "proxecto de activismo audiovisual", en palabras dun dos seus voceiros, que botará andar nuns quince días na web co seu primeiro programa de debate político e coa súa primeira entrevista. Será a estrea dunha novidosa canle de televisión nacida dun grupo dunhas quince persoas que se abre desde xa á participación de todo aquel que queira colaborar.
Galiza Ano Cero botará andar nuns quince días co seu primeiro debate e entrevista colgada na RedeConstituídos arredor dunha asociación cultural recentemente creada, este grupo de xente viu neste proxecto algo "máis necesario que nunca". "Hai un secuestro integral da democracia e dos espazos de comunicación democrática", unha eiva e unha necesidade que comprobaron logo de promover nun local da Coruña unha serie de coloquios políticos con motivo das pasadas eleccións autonómicas e que acadaron moito máis éxito do previsto, tanto polo público presente nos faladoiros como polo seguimento que obtiveron a través da súa difusión na internet.
"Naquel momento decidimos probar cun foro de debate situado radicalmente á esquerda, coa intención de abrir unha canle de debate nun momento crítico tanto para a cidadanía como para a esquerda", explican. Aquela experiencia funcionou moi ben, malia todos os atrancos atopados, e foi o que lles animou a dar un paso máis que se traducirá nesta canle de contidos audiovisuais periódicos que prevé colgar cada quince días debates e entrevistas. Será, aproximadamente, a partir de dentro de dúas semanas.
O inicio da canle coincidirá co comezo da campaña de 'crowdfunding' na busca de apoiosSerá tamén daquela cando se abra unha campaña de crowdfunding coa que se intentarán conseguir os fondos suficientes para continuar cunha aventura que, como mínimo, prevé emitir periodicamente ata o verán. Se todo vai ben, Galiza Ano Cero ficará. Para conseguilo, ademais das achegas, agardan tamén contar "coa colaboración de toda persoa que queira participar, tanto para difundir os seus contidos como para achegar man de obra". De feito, e pouco despois de colgar o seu primeiro trailer, foron xa varias as persoas que se puxeron en contacto co grupo para axudar. A outra forma de apoiar: asociándose a Galiza Ano Cero a través dunha cota mensual.
"O proxecto non ten ánimo de lucro, nin en principio nin ao final, pero iso non significa que non teñamos o propósito de remunerar o traballo de quen colabore con nós", explica un dos voceiros, que aclara que o proxecto "non é profesional", pero que si conta con xornalistas e xente mundo audiovisual. A partir de agora, Galiza Ano Cero está aberto a todo o mundo e pon á disposición daquel que queira difundir os seus proxectos unha serie de ferramentas, como a web, o equipo humano, as cámaras ou o espazo físico.
O proxecto pretende ser unha ferramenta ao servizo de quen queira difundir os seus contidos audiovisuais"A xente ten unha visión política da vida e entendemos que é necesario ter unha ferramenta como esta; este é o principio, pero a idea é que se vaia construíndo con todas as mans que se animen a facelo. Non temos intención ningunha de patrimonializalo", explican, tras aclarar que a canle "nada ten que ver coa política partidaria ou profesional", senón, precisamente, con toda a política e activismo social que fica fóra dese espazo pechado. "Entre os nosos obxectivos está que isto acabe sendo unha canle de crowdfunding en si mesmo, un espazo onde a xente poida producir e difundir os seus contidos audiovisuais", recordan. "Será a xente quen decida se quere ou non que o proxecto continúe", rematan.
Por Miguel Pardo - @DePunteirolo
Fonte: http://praza.com/movementos-sociais/3984/galiza-ano-cero-unha-television-diferente-para-o-pais/
________________
Relacionado
Conta no facebook:
https://gl-es.facebook.com/galizaanocero
"Non ocultamos que, para montar #outraTV en Galiza, ollamos no espello de diferentes experiencias de outras latitudes que de algunha forma, son xa parte do substrato #GalizaAnoCero. Mentres vamos cociñando novas pilulas #GAC vos deixamos algún documento que nos parece de interese ao fio da relación entre transformación, antagonismo e televisión.. camiñar preguntando, que din no Zapatismo.. hoxe, o exemplo do movemento de Telestreets italianas".
http://www.globalproject.info/
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon