domingo, marzo 03, 2013

"O caso de Aurelia Rey tan só é a punta do iceberg" - Entrevista con Héctor Tejón, ... Por Miguel Pardo


Héctor Tejón converteuse durante días na cara visible de Stop Desafiuzamentos na Coruña e tamén nun dos protagonistas involuntarios do conflito de Aurelia Rey, a anciá cuxo desaloxo foi paralizado pola presión cidadá. Agarrado ao megáfono, este sociólogo en paro -"en activo non retribuído", prefire dicir el- leu comunicados, coidou de Aurelia, atendeu á prensa e emocionouse varias veces logo dunha semana tan intensa como esgotadora. Cun discurso firme e claro, pide á sociedade que se implique nunha problemática que vai moito máis aló do caso desta muller de 85 anos, que aínda está pendente dunha solución definitiva, e ao que chegou a raíz da súa participación en movementos como o 15M, pero sobre todo pola súa "inquedanza persoal" nunha problemática como a da vivenda.

E de súpeto, atópaste co caso de Aurelia Rey...

O caso de Aurelia é moi particular e moi específico, unha parte do problema que non pode significar o todo. A nivel da opinión pública, é moito máis sinxelo ir contra un banco que contra un propietario individual. Non é o mesmo unha familia que asina unha hipoteca, non é capaz de pagala e vai ser desaloxada, que este caso. Ademais, nós non sabiamos que nos iamos atopar con todo o que nos atopamos durante estas últimas semanas.
 "A nivel da opinión pública, é moito máis sinxelo ir contra un banco que contra un propietario individual"

Con que se atoparon?

Non sabiamos das relacións de poder da familia propietaria. Teñamos en conta que antes de iniciar as mobilizacións falamos con Servizos Sociais da Coruña e co avogado dos denunciantes. A resposta do Concello foi sempre a mesma: “non temos pisos e a mellor opción é unha residencia”. Tamén intentamos deter a orde de desaloxo falando cos donos do piso, pero non o conseguimos. Logo mobilizámonos porque o lanzamento era inminente e conseguimos paralo.

Todo polo atraso no pago de dous meses de aluguer.


Claro, porque neste caso nin tan sequera hai un impago, senón un atraso. É unha lei máis que discutible a que permite que se desaloxe unha persoa nesta situación. Lembremos que o primeiro atraso foi en 1999 e o segundo en 2011. Foi aí cando os donos aproveitaron para iniciar o proceso legal que rematou no intento de desafiuzamento. A familia buscaba unha opción legal que lles permitise botar a Aurelia da súa casa. É un caso claro de mobbing inmobiliario e de especulación. Teñamos en conta que varios dos edificios colindantes ao de Aurelia son propiedade da mesma familia, incluído o inmoble onde vive.
"Sempre intentamos chegar a un acordo coa familia propietaria antes de iniciar as mobilizacións, pero non o conseguimos"

A familia acusa a Aurelia Rey de non facilitar as cousas co seu comportamento.

A familia sempre dixo que era moi difícil convivir con Aurelia e Aurelia di que é moi difícil convivir coa presión da familia. Nós sempre intentamos chegar a un acordo antes de iniciar as mobilizacións, pero non o conseguimos.

A repercusión mediática serviulles para lograr o seu obxectivo?

Recibimos moito apoio de todas as partes do Estado grazas á repercusión mediática que tivo o tema e isto serviunos de moita axuda, pero tamén xurdiron outras actitudes non tan positivas cara a nós. Aurelia non elixiu estar no foco de nada. A familia propietaria tirou pola vía penal en lugar de reclamar a mediación dos Servizos Sociais, que teñen tamén esa función. Pasamos dunha solución amigable a unha resolución conflitiva. Aproveitáronse do marco legal vixente para levar a cabo o desaloxo.
"En vez de ver en Aurelia unha persoa xubilada que cobra unha miseria, algúns viron nela unha persoa que vive nunha zona que non lle correspondería polo seu nivel económico"
Pero habéra máis casos como os de Aurelia ...

Xa nos están chegando novos casos. Sabemos que non pode ser que Aurelia sexa o todo, pero tampouco a podemos deixar soa porque é unha situación de exclusión social flagrante. Lembremos que Aurelia Rey cobra unha pensión non contributiva duns 370 euros e vive por debaixo do limiar da pobreza. Por iso pedimos a implicación da cidadanía. Tivemos moito apoio, pero tamén sabemos de moita xente que se implicou na censura moral ao culpar a Aurelia de rexeitar pisos que estaban moi lonxe ou de vivir no lugar onde vive. Digamos que tamén xurdiron celos entre clases. En vez de ver en Aurelia unha persoa xubilada que cobra unha miseria, algúns viron nela unha persoa que vive nunha zona que teoricamente non lle correspondería polo seu nivel económico.

Doéronlle algúns deses comentarios?


Por que non podes vivir en calquera lugar da cidade? Ou é que xa aceptamos o clasismo por zonas? Ao final, a clase baixa social reproduce discursos que van na súa contra. Aurelia Rey leva máis de trinta anos vivindo na mesma zona. Que diriamos se o mesmo caso de Aurelia se dese nun barrio máis humilde? Aceptémolo ou non, segue sendo traumático porque estás dando pé ao desarraigo, máis aínda cando falamos dunha persoa de 85 anos que ten o seu médico, as súas amizades e o seu modo de vida nunha zona determinada.
"Estamos cumprindo unha función que debería realizar a Concellería de Servizos Sociais"

Que ocorre agora que se parou o desafiuzamento?

Isto tamén nolo preguntamos nós. E agora que? Da parte de acompañamento e de busca dunha nova vivenda deberían ocuparse os Servizos Sociais, pero o único que ofertan son pisos de protección oficial e no Concello aseguran que non hai iniciado ningún proceso de "concorrencia competitiva aberta", como din eles. En definitiva, que non teñen pisos. Agora estamos nunha situación na que nós estamos cumprindo a función que debería realizar a Concellería de Servizos Sociais. Estamos encargándonos de buscarlle un piso nos dous meses que ten de prazo, pero tamén nos ocuparemos de axudarlle coa mudanza e de reubicala. Se ocorrese con outras familias, pasaría o mesmo. Sempre se fala de cando se para o desafiuzamento, pero a onde van esas familias que conseguen a dación en pago pero quedan sen casa? Quen se ocupa delas?

Están cumprindo os movementos sociais a función que deberían realizar os poderes públicos?

Está pasando e iso é unha mostra do desmantelamento do Estado de Benestar. É o activismo social o que moitas veces se ten que ocupar de cousas das que se deberían ocupar as administracións públicas. Non é que nos poidamos ver nesa situación, senón que xa nos estamos vendo nela. Hai moitos máis casos e é evidente que nós non nos podemos ocupar de todos. Pedimos que as administracións públicas se impliquen. O que non pode ser é que nós teñamos que buscar e procurar unha solución porque o Concello ou a quen lle corresponda non o faga.

No entanto, sempre dixestes que o voso labor é tamén de concienciación social, de pedagoxía...

É evidente. Teñamos en conta que en plena crixe, séguense mantendo as mesmas rendas para os alugueres cando o poder adquisitivo da sociedade é claramente menor. Temos que facer entender que os novos tempos requiren novos modos de relación. Pasamos dun Estado de Benestar a un reparto da carencia. Ou nos coordinamos entre todos ou non sei o que pode pasar. Eu creo na autoxestión, pero sei que é complicado porque a pequena burguesía propietaria non quere perder os seus privilexios, a pesar de que o poder adquisitivo das familias segue baixando e o paro é cada vez maior. O que debemos facer é darlle unha volta a este pensamento porque non podemos pensar que un movemento como Stop Desahucios se pode converter nuns Servizos Sociais autoxestionados.
"Estoulles agradecido aos políticos que estiveron con nós e que deron a cara"

Que opina do apoio que recibiron de cargos públicos co Concello?

Calquera apoio de concelleiros da corporación municipal foi importante, tamén como salvoconduto contra a represión do activismo, porque hai xente á que xa lle están chegando citacións para ir declarar ao xulgado.

Hai quen di que os políticos que os apoiaron só querían sacarse a foto.

Eu persoalmente estoulles agradecido. Só podo ter palabras de agradecemento para os concelleiros do BNG Xosé Manuel Carril e Avia Veira. Desde o primeiro día estiveron con nós e incluso quedaron a durmir no portal. Eu só os vía como uns activistas máis que apoiaron o movemento. Estiveron da nosa man e esa debe ser a función dun político. Non debe impoñerse na sociedade, senón ser a membrana de vinculación dese magma social. César Santiso, concelleiro de Esquerda Unida, tamén estivo varios días dando a cara con nós e incluso algún concelleiro socialista se achegou para interesarse polo tema, a pesar de que neste último caso é difícil de entender cando foi o seu partido o que lexislou xusto en contra do que nós defendemos.
"Claro que se poden cambiar as cousas, pero necesítase xente disposta a romper coas lóxicas tradicionais"
En definitiva, cren que conseguiron unha maior concienciación da sociedade respecto dos desafiuzamentos ou desaloxos?

Ese é sempre un dos obxectivos e temos medo de que o caso de Aurelia tape todo o demais. O que notas pola rúa, cando a xente te anima a seguir, é que estamos todos moi necesitados de esperanza. Claro que se poden cambiar as cousas, pero necesítase xente disposta a romper coas lóxicas tradicionais. Todos estabamos afeitos a ingresar a renda do piso a final de mes, pero como fas se nin tan sequera tes a renda do traballo? Notamos máis apoio e notamos tamén como moitas familias que antes non se achegaban a nós por vergonza, si que nos chaman agora para preguntarnos como os poderiamos axudar.

Seguirán loitando?

Seguiremos en pé de loita. O de Aurelia é un caso moi concreto e moi especial. A xente pode quedarse co caso de Aurelia, pero este caso só é a punta do iceberg. Ela podería ser a avoa de calquera e por iso moita xente se identificou co seu problema, pero insisto en lembrar que está nunha clara situación de exclusión social, algo que quizais non soubemos transmitir como deberiamos. Destina máis do 30% dos seus ingresos ao pago do aluguer e iso se cadra é o realmente grave. En Servizos Sociais dixéronnos que había máis Aurelias. Creo que esa resposta que nos deron debería facer reflexionar aos poderes públicos. Se hai máis casos como o desta muller, deberían recapacitar sobre o que están facendo cos cartos públicos ou sobre o que está pensando con dereitos básicos que veñen recollidos na propia Constitución.

Publicado en Praza Pública. Entrevista de Miguel Pardo.

O Caso de Aurelia Rey en Praza Pública:
http://praza.com/tema/53/desafiuzamentos/

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon