xoves, marzo 28, 2013

Paco (o papa), ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
28.03.2013

A rápida elección dun novo papa encheu de ledicia aos fieis católicos; e ao mesmo tempo serviu para esquecer a polémica que suscitou a dimisión do anterior, da que seguramente nunca se saberán os verdadeiros motivos. Como sempre, axiña comezou a propaganda das moitas virtudes do novo Pontífice que, pouco máis ou menos, serán como as dos anteriores, todos sen dúbida moi virtuosos.

Saliéntase o seu achegamento aos pobres, o que non significa distanciamento dos ricos; gábase a súa austeridade, que seguramente non implica a austeridade do seu entorno; e xa se supón que nos grandes temas pendentes do catolicismo nada se fará.

E non se trata agora da Inquisición, senón dos anticonceptivos, da homosexualidade, do aborto ou do celibato dos curas. E nada da posibilidade do acceso das mulleres ao sacerdocio. Interésanlles máis como criadas. Sendo así, de pouco serve a súa sinxeleza e humildade, aínda que nos permitan chamarlle o papa “Paco”.

Publicado no "Diario de Ferrol"

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon