O 17 de abril celebramos o Día Internacional da Loita Campesiña. Facémolo dende que a Vía Campesina, unha organización que amorea máis de 200 millóns de labregos e labregas do mundo –na que tamén está integrado o Sindicato Labrego Galego–, establecera este día en lembranza dos 18 camponeses asasinados durante unha marcha do MST en Eldorado dos Carajás (Brasil) en 1996.
Mais sobre todo facémolo porque acreditamos nesa vía, a campesiña, a do amor pola terra, pola comunidade e pola sustentabilidade, como a imprescindíbel para camiñarmos cara un mundo máis xusto, máis harmónico, máis solidario, máis noso. Un mundo que, como ben sabemos, leva xa décadas en guerra contra o mundo labrego, exercendo unha dominación sen paranza, afogándoo coa agroindustria, coa mercantilización de todo o humano, coa destrución do territorio, coa desertización inducida do rural, cos cultivos enerxéticos, coas multinacionais distribuidoras de alimentos de plástico, cos transxénicos, coa xeoenxeñería, coa opresión cultural. É, xa o dixemos moitas veces, un verdadeiro etnocidio, un holocausto provocado á mantenta por un sistema que nos leva á destrución.
No contexto da Galiza nosa a situación é, coma en gran parte do planeta, desesperada. O noso rural ben podería describirse como a radiografía dun deserto. E, no entanto, a vía campesiña ben podería constituír unha alternativa, se cadra a mellor alternativa para, entre outras cousas, combater con efectividade esa condena dos nosos tempos que supón o desemprego. Case 300.000 galegos e galegas sen futuro visíbel. Un 55 por cento de mozos e mozas que só ollan como saída a emigración, e non só ao estranxeiro.
A enorme emigración aos ámbitos urbanos está a producir, por una banda, unha gravísima desertización do espazo rural, que pode provocar, e de feito xa provoca, graves problemas ambientais, culturais e por suposto sociais, especialmente nas capas de poboación máis indefensas. Pola outra, os procesos de masificación nas ciudades crean poboacións moito máis dependentes, indefensas en períodos de crise, e un problema case irresolúbel no eido laboral, por canto as estruturas económicas dificilmente poderán xerar emprego para tales concentracións de persoas, o que pode derivar na xeración, aos poucos, de cintos de miseria urbana. Xa está a acontecer.
Fronte a isto, a incorporación ao rural, á agricultura sustentábel, ben podería ser unha solución, ou cando menos parte dela. O goberno galego debería de ter como un dos seus obxectivos primordiais a creación de instrumentos que garantan o éxito da incorporación de persoas á actividade agrícola sustentábel e ao ámbito rural en xeral. Un mundo rural vivo sería o mellor futuro que lle poderiamos deixar neste país ás xeracións vindeiras.
Porén, as axudas e instrumentos para a incorporación actuais amosan eivas que derivan nun alto índice de fracaso na implantación de novos proxectos, especialmente nos primeiros anos de vida. Falta de financiamento, falta de asesoramento, titorización e seguimento dos proxectos, falta de apostas pola investigación, falta de axudas aos gastos correntes no inicio da actividade, falta de políticas eficaces para o acceso á terra e falta de propostas audaces no acceso á vivenda no rural. Ao cabo, desleixo absoluto e falta de interese.
Con algo de vontade política e un pouco de confianza no país non sería difícil pular polo que propomos. Poderiamos dotar de recursos técnicos e humanos ás oficinas agrarias comarcais para que estas asesoraran, axudaran e titorizaran a quen se incorporan á vida agraria. Tamén establecer plans de prácticas en explotacións agrarias, crear boas liñas de axuda ao circulante para o inicio da actividade, impulsar a colaboración entre concellos e o Bantegal para facilitar o acceso á terra, establecer medidas de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e os concellos para crear bolsas de vivendas no rural, crear medidas de potenciación dos mercados locais e estimular a creación de circuítos curtos de comercialización, ou potenciar de verdade sectores innovadores como a agricultura e gandería ecolóxicas, a fruticultura, a micoloxía. Que non hai alternativa ás políticas de austeridade?
E un último apuntamento. Toda esta insoportábel situación agrávase máis aínda pola irreparábel perda da transmisión de coñecementos interxeracional, sen que exista nin un só plan efectivo para aproveitar eses saberes seculares, que ben poderían hoxe axudar a atenuar o etnocidio do que estamos a falar. Nisto agroma tamén o desprezo gobernativo polo que somos como pobo. Conectar os poucos que están cos que se incorporan de novo, as máis das veces sen experiencia algunha, non só revitalizaría o tecido económico do rural, senón que redundaría nun rexurdir do social, do comunitario, do cultural, de moito do que nunca debemos perder.
Artigo escrito por Antón Sánchez e Manoel Santos
Fonte: praza.com
______________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Antón Sánchez
Loita Labrega
Manoel Santos
A nosa loita labrega, ... Por Antón Sánchez e Manoel Santos
mércores, abril 17, 2013
A nosa loita labrega, ... Por Antón Sánchez e Manoel Santos
Penulis LupeCes
Diterbitkan mércores, abril 17, 2013
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon