martes, abril 02, 2013

Acción Directa (e voluntaria) contra o abandono do patrimonio


Cada sábado, desde hai case un ano, un grupo de persoas de Ferrolterra traballa voluntariamente na reparación, mantemento e limpeza de "zonas verdes, cunetas, edificios do patrimonio arquitectónico ou zonas naturais de especial interese" da comarca e da cidade de Ferrol. É o colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, que vén de sumar un novo elemento á súa lista de recuperacións: os restos da antiga muralla defensiva da cidade.
    Os restos da antiga muralla defensiva da cidade é o último espazo rehabilitado polo colectivo
É tan só un máis dunha morea de espazos rehabilitados, limpados ou recuperados por este grupo, no que hai xente desempregada, pero tamén membros con traballo. Foi en setembro de 2009 cando na zona da Malata se atopou "posiblemente o último achado arquitectónico con carácter histórico de Ferrol". Os restos daquela muralla permaneceron desde aquela semiocultos pola maleza, á espera dun informe da Dirección Xeral de Patrimonio que non deu chegado. "A falta de interese por parte do Concello e da Xunta quedou patente", denuncia Acción Directa, que vén de limpar os devanditos restos, ademais de transplantar unha maceira de varios anos que crecía enriba deles e de erradicar varias cepas da especie invasora plumeiro da Pampa.

Nesta ocasión, foron unhas sete persoas as que participaron na recuperación. "Outras veces son máis e outras menos", tal e como aclara Marcos Meizoso, membro e fundador de Acción Directa, que lembra como xurdiu a idea. "Fun dar un paseo pola senda ártabra de Covas e vin un letreiro que indicaba a existenca do antigo lavadeiro de ouro e cobre da zona; achegueime a velo e era vergoñento comprobar en que estado se atopaba aquilo, desfeito e cheo de silvas e toxos", lembra. A partir de aí, e coa axuda das redes sociais, púxose en contacto con xente que rapidamente accedeu a conformar un grupo que vai camiño de comprar un ano dun traballo tan voluntario como meritorio.
    Acción Directa denuncia o "abandono, desleixo e mal estado" dos espazos públicos en Ferrol
Ademais das súas accións, o colectivo leva tempo denunciando o Concello de Ferrol e as empresas contratadas para o mantemento dos espazos públicos polo "abandono, desleixo e mal estado" destes  na cidade e arredores e esixindo "a optimización dos recursos municipais e das empresas que prestan eses servizos para que sexan visibles".

Unha das súas reivindicacións, e obxectivo común do grupo, é a paralización do investimento de 916.000 euros de cartos público na praza de España, "ao que agora se lle suma outro despropósito, o anuncio de malgasto dun millón de euros para recuperar os baixos da Costa de Mella e a remodelación dos xardíns de San Francisco".
    Solicitan que os cartos destinados á praza de España ou á Costa de Mella se destinen a contratar parados para a reparación dos espazos públicos da cidade
"O que pretendemos é buscar a forma de dar emprego á xente. Pensamos que os cartos que se empregan na praza de España ou na Costa poderíanse empregar en contratar grupos de persoas desempregadas para que fagan estes traballos de limpeza e recuperación", conta Marcos Meizoso. A proposta chegou, a través de carta, xa hai tempo ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que aínda non respondeu. Partidos da oposición apoiaron a idea, pero nada se sabe tampouco desde hai meses.

Mentres, Acción Directa continúa facendo un traballo que debería ser levado a cabo polas administracións. "Temos unha cidade cun potencial turístico e cultural enorme, pero o abandono que sofre é tremendo e iso prexudícaa", insiste Meizoso, que recorda tamén o elevado nivel de desemprego que sofre a comarca. "Aínda que fose mediante contratos parciais, o traballo continuado de varias persoas sería moi efectivo, sobre todo se se fai acotío e non como adoita facer o Concello, que vai unha vez ao lugar e non volve en anos", aclara.

Os exemplos de espazos recuperados son moitos e variados. O Muíño do Santo, o río Sardiña, o parque monumento Torrente Ballester, a Batería de San Carlos, a de San Cristovo, a fonte de Chamorro, o lavadoiro da Barca... Unha morea de zonas limpadas e rehabilitadas por un grupo voluntario que non cobra nin un peso por un traballo que non fan as administracións.

Por Miguel Pardo - @DePunteirolo

Publicado en Praza Pública.

Baixo licenza Creative Commons by-sa.
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon