Seixo chama a preparar novas mobilizacións, sen descartar unha folga xeral antes do verán, ante o anuncio do PP de novas reforma
A CIG celebrou esta tarde concentracións en todas as cidades para manifestar o seu rotundo rexeitamento ás últimas reformas aprobadas polo goberno de Mariano Rajoy. Medidas que precarizan as condicións laborais da mocidade; que dificultan as xubilacións anticipadas e que endurecen as condicións para acceder ao subsidio a maiores de 55 anos. En Compostela, o secretario xeral, Suso Seixo, alertou de que o PP prepara unha nova batería de reformas que pretende aprobar no Consello de Ministro do 26 de abril, contra as que “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán”, dixo.
O secretario xeral da CIG denunciou as últimas medidas aprobadas en Consello de Ministros. Nomeadamente o R.D. Lei 4/2013, do 22 de febreiro, polo que se aproba un plan de contratación a menores de 30 anos e modifícase a regulamentación das ETTs, entre outros, e o R.D. Lei 5/2013, do 15 de marzo, no que tamén se muda a regulamentación e requisitos para a xubilación parcial e anticipada; o fomento da xubilación en activo e recórtase o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos.
Para Seixo estas medidas non supoñen nada novidoso con respecto ao que veñen sendo as políticas do PP, “ recortar dereitos, proporcionar man de obra barata á patronal e sacar medidas especialmente duras cos sectores máis desfavorecidos e os que están a sufrir de forma máis directa as consecuencias da crise económica”, denunciou.
A este respecto subliñou a gravidade de aprobar unha nova regulamentación para os contratos a menores de 30 anos, subvencionados, que permiten salarios inferiores aos 500 euros e, nalgúns casos, mesmo sen dereito a prestación. Regulamentación que vén empeorar as xa precarias condicións contempladas nos contratos de formación e prácticas.
Denunciou que se favoreza a contratación de xubilados/as mantendo o 50% da súa pensión, nunhas condicións moi beneficiosas para a empresa. Unha medida coa que se dificulta, dixo “a incorporación ao mercado laboral de traballadoras/es en paro e que é, na práctica, discriminatoria no sentido de que non todos os xubilados/as chegan a esa idade nas mesmas condicións físicas e económicas”.
Tamén denunciou que se retrase a idade de xubilación parcial dos 61 aos 63 anos, camiñando aos 65 anos para o ano 2027, así como o atraso da idade de xubilación anticipada: a voluntaria de 63 a 65 anos, con 35 anos de cotización e a forzosa, de 61 a 63 anos, con 33 anos de cotización. “Fórzase así a manter no emprego ás persoas de sectores que precisan dun forte desgaste físico e dificúltase o acceso ao emprego de parados/as”.
Xunto a isto, sinalou que se dificulta ou retira un dereito a un colectivo de traballadores/as dos máis afectados pola crise e con máis dificultades de volver a atopar emprego: o de maiores de 55 anos. “Para ter dereito ao subsidio de desemprego a renda per cápita familiar non pode superar o 75% do SMI e sofren un prexuízo duplo ao privalos duns ingresos, pero tamén dunha cotización para a xubilación”. Unha medida que para Seixo é exemplo da visión “clasista e elitista” da sociedade que ten o PP.
Máis reformas o 26 de abril
Respecto do anuncio dun novo paquete de reformas a aprobar no Consello de Ministros do vindeiro 26 de abril, advertiu que o que se pretende, por exixencia da UE, é abaratar máis o despedimento; rebaixar os salarios; subir os impostos indirectos e non revalorizar as pensións en función da carestía da vida.
“Séguese a insistir nas políticas de sempre, que non serven para reactivar a economía e saír da crise. Políticas que pretenden que os custos da crise caian nas clases populares”, denunciou, “mentres a banca e as grandes empresas campan ás súas anchas, fan despedimentos masivos e seguen evadindo impostos a través dos paraísos fiscais”.
O secretario xeral da CIG lembrou que nestes anos incrementáronse os cartos depositados neses paraísos fiscais, que xa ascenden a 24 billóns de euros. “Estamos a falar pois dun goberno de monicreques, dun PP vinculado á corrupción e dunha UE ao servizo da banca. Unha UE que mentres exixe austeridade e duras reformas económicas, colabora na especulación coa débeda pública levando aos estados á ruína e empobrecendo a millóns de cidadáns”, concluíu.
Ante esta situación proclamou que o goberno do PP “non nos representa” e que esta UE, “non nos interesa” e fixo un chamamento a seguir a mobilizarse, atentos/as ás medidas que se aproben o día 26 porque se son segundo o previsto “haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán”.
Fonte: Avantar.
Fotos: Susete'70.
___________________
1 comentarios so far
En CC.OO saben ata a última cousiña da CIG. Hai algunha persoa con resposabilidades, por exemplo ao frente dunha federación que fixeron do correveidile e da traición o seu único ideario.
Por certo Miguel, para a unidade CCOO e UGT , xa dixeron con quen , cabdo sairon cos xefes de goberno (do PP) para dicir que estarian ao que fixera falta. Cando o do plano xuvenil, acordaste?
Que teñades un bon dia o 14. Día da república unibversal.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon