luns, abril 08, 2013

O "Plan de Oportunidades", as vivendas protexidas de Recimil e a Asemblea convocada por Stop-Desafiuzamentos


Desde hai días Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, está activando a reivindicación de entrega das vivendas protexidas de Recimil. Diante da reclamación de entrega dunha vivenda de emerxencia social ás persoas que quedaban desamparadas polos desafiuzamentos nos últimos meses, recibiamos sempre a mesma resposta: "non hai vivendas en Recimil en disposición para entregar". Os servizos sociais non dispoñen deste recurso para solucionar os problemas de grave emerxencia social. Mais o Alcalde en varias roldas de prensa, actos e mesmo cando presentou o seu "Plan de Oportunidades", facía mención a estas vivendas e daba cifras, mesmo falaba de orzamentos. Non sabemos onde van os orzamentos dispostos do pasado ano, nin que o que se está a facer cos deste. O único que sabemos é a resposta dos servizos sociais, de que eles só teñen os recursos que ofrecen. Os responsábeis políticos unha vez máis, ou menten ou son uns irresponsábeis. Non só non son capaces de adecuar unhas poucas vivendas para emerxencia social, senón que non teñen pensado dar resposta ás necesidades de 116 persoas con escasos recursos, que están á espera de que se lles entregue unha vivenda protexida en Recimil desde o pasado mes de Xullo, que foi cando se publicaron as listas definitivas de persoas que reúnen os requisitos para ser adxudicatarias.

Desde as nosa filas teñen-se entregado chaves ao Concello de vivendas aptas para vivir, mais o Concello o que fixo foi tapiar as vivendas que se lle entregan ou que atopa deshabitadas. O sistema é: previa visita da policía para comprobar se vive alguén na vivenda, chegan un par de operarios no nome do Concello, retiran a manilla da porta e a tapian con tixolo e logo pintan de marrón escuro. A pasada semana xa ían máis de 60 vivendas tapiadas. Mentres a xente está sen vivenda o Concello dedicase a tapialas. Que é o que está pasando?

Diante desta situación Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, comezou unha actividade de localización e contacto coas persoas que figuran na lista de espera, para activar unha campaña de demanda aos responsábeis municipais, para que poñan a disposición das persoas afectadas as vivendas protexidas de Recimil xa.

Nunha Asemblea previa celebrada a finais de marzo, en Esteiro, acordou-se convocar unha nova Asemblea de persoas afectadas, co noso apoio, coa intención de definir xa unha serie de accións encamiñadas a conseguir os citados obxectivos dunha morada onde poder vivir.

A citada Asemblea terá lugar o vindeiro Mércores, 10 de Abril, ás 6 da tarde, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

Ferrol, a 7 de Abril de 2013

Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna,
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/


Enviado por:
Foro Social de Ferrol Terra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
8 de abril de 2013 00:51
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon