mércores, maio 29, 2013

A 'Burla Negra' transfórmase en Radio Buguina para alertar de que "veñen contra todos" - "Carga de dignidade", este Domingo 2 de Xuño, trae a tua peza de roupa para pendurar da reixa de Navantia, ás 11 da mañá desde a Porta do Estaleiro

Tags


 "A crise está sendo a excusa perfecta, empezaron polo naval e agora veñen contra todos... veñen empresa por empresa, casa por casa, a crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. Por iso a Burla Negra transfórmase agora en Radio Buguina para facer este chamamento á cidadanía". Deste xeito comezou este mércores na Praza de Armas de Ferrol o deseñador Pepe Barro a súa presentación da iniciativa artística Carga de Dignidade, que este domingo chama a cidadanía de Ferrolterra a encher de pezas de roupa a reixa de Navantia.

O escultor Pepe Galán e o escritor Antón Cortizas leron o manifesto. E tamén interviron María Manuela, Manolo Bacallao e Xurxo Souto, que interpretaron a canción de Zeca, Os Vampiros. "A toda a parte Chegam os vampiros. Poisam nos prédios Poisam nas calçadas ... Eles comem tudo E não deixam nada", di a coñecida peza, que tan ben encaixa cos obxectivos de Radio Buguina: "A crise está arrasando con todo pero de forma particular en Ferrol, e por iso Ferrol funciona neste caso como símbolo dunha sociedade arrasada", dicía o sábado en Praza o deseñador Pepe Barro, que engadía que se trata "de facer unha achega de dignidade unha carga de dignidade seguindo a reclamación principal dese sector: a carga de traballo".

Este mércores Barro tamén quixo destacar a gran "converxencia social acadada" para poder levar a cabo esta "acción artística popular" e nomeou  todos os sindicatos, partidos e colectivos sociais que organizaban o mesmo. A iniciativa está apoiada polos sindicatos CC.OO, CIG, USTG e UGT os partidos ANOVA, BNG, CxG, eQuo, Espazo Ecosocialista Galego, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE, ademais dunhda ducia de entidades culturais.

A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena, un quilómetro de "batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas", como se le no manifesto. Unha forma de dicir que a loita do naval son todas as loitas. Para rematar o acto, todos os participantes cantaron a canción Embarqueime na Coruña para ir ao Ferrole.

Publicado en Praza Pública.

Detalle de foto: Susete'70.
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon