“O outro día o presidente Feijoo dicía de nós que queriamos patrimonializar a lingua. E nós o que lle pedimos a el é iso mesmo: que patrimonialice un pouquiño o Día das Letras. Nós convidamos a todo o mundo que quixer a que se apropie da lingua”. Deste xeito comezaba Carlos Callón o seu discurso ante unha Praza da Quintana ateigada nunha nova manifestación de Queremos Galego no 17 de maio, convocada baixo un lema claro: Non queremos ser estranxeiras na propia patria. No 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, este verso de Rosalía encabezou unha marcha que volveu censurar con dureza a política lingüística da Xunta de Núñez Feijóo.
Nos últimos anos o habitual é que en cada manifestación se sumen novos agravios e decisións do Goberno galego contrarias á lingua. Nesta ocasión de novo o ensino foi protagonista ao coincidir neste venres a aprobación na Lei Wert por parte do Consello de Ministros. “Fálannos de harmonía e de bilingüismo e hoxe, Día das Letras Galegas, o Consello de Ministros aproba unha lei que financia con cartos públicos a ignorancia do noso idioma. Non llo consentiremos”, dixo Carlos Callón, que tamén lembrou que "estes dias van facer 30 anos da aprobación da Lei de Normalización lingüística. 30 anos de incumprimentos e de vulneracións. O galego é a única lingua oficial do Estado Español que perde falantes". Do mesmo xeito, denunciou que os medios de comunicación públicos levaron a cabo “un veto en contra da manifestación”, que non tivo espazo ningún nos informativos de TVG e RG nas pasadas semanas.
Mais neste ronsel de criticas Callón tamén celebrou algunhas "boas novas", coma a toma en consideración da ILP Valentin Paz Andrade: "É moi necesaria e queremos que se aprobe a lei e que se aplique". Ou tamén o feito de que "mantemos a tensión mobilizadora. En Galicia nos últimos anos vivíronse as meirandes manifestacións que se deron en todo o planeta en defensa dun idioma”.
Callón lembrou tamén que “hai milleiros de castelanfalantes que tentan utilizar o galego sempre que poden e onde teñen ocasión. Sabemos que hai moitos falantes de castelán manifestándose aqui hoxe. Porque saben que o galego une e que agora máis ca nunca é necesario que defendamos o noso idioma”. O presidente da Mesa concluíu que “o Día das Letras non é o día para poñer unha máscara e finxir o que despois non se é o resto do ano. O Día das Letras é un día para exercermos os nosos dereitos lingüísticos. A lingua é o noso rostro. O noso rostro individual e o noso rostro colectivo”
Milleiros de persoas
Sol e chuvia alternáronse nunha marcha na que "Sempre en Galiza, sempre en galego", "Non renunciaremos á nosa lingua" ou "Nas aulas de Galiza, queremos galego" foron algúns dos lemas máis coreados polos milleiros de pesoas que tamén acusaron a Feijóo de ser "inimigo do galego". Unha vez máis, cando a cabeza da marcha xa entraba na zona vella compostelá, a súa parte final aínda estaban saínda da Alameda para facer un percorrido que cambiou o seu camiño habitual ao non pasar pola rúa Nova, onde se celebraba o acto institucional do Día das Letras por parte da Real Academia Galega.
Os discursos abríronse coa interpretación da Alborada de Rosalía por parte do gaiteiro Emilio da Baña. Rosalía estivo moi presente, tamén na lectura dun poema dos Cantares gallegos a cargo da nena Icía Outeiro, moi aplaudida polos milleiros de manifestantes, o mesmo que a actriz Isabel Risco, que conduciu o acto.
Houbo referencias e críticas máis ou menos veladas ás declaracións realizadas hai uns días polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Por exemplo, animouse a "axuntarse e apertarse fortemente, coma as nais e os pais apertan os fillos e fillas". E, de igual xeito, escoitáronse en varios momentos berros de "Alonso Montero, inimigo do galego".
Na marcha tamén se puideron ver algúns narices vermellos na honra de Roberto Vidal Bolaño, o homenaxeado neste 17 de maio, así como faixas da maioría de formacións políticas galegas, agás o PP, nunha xornada na que a crise tamén tivo presenza. "Sen galego e sen traballo, manda carallo", berraron uns manifestantes que volveron pedir "poder vivir en galego". Nunha das primeiras intervencións dende o estrado díxose unha frase pero que ben podería servir como conclusión: "Bolaño estaría orgulloso de ver así hoxe a praza".
Reaccións dos partidos
O Portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, Abel Losada, salientou que a través da lei de normalización lingüística, “votada por todo o Parlamento”, foise construíndo un consenso que “o Goberno presidido por Feijóo ten rachado de maneira unilateral”. Losada denunciou que o PP antepoña unha ideoloxía “excluínte coa lingua galega” ao que “debera ser un patrimonio de todos”.
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, esixiulle á Xunta de Galiza o cumprimento das obrigas estatutarias que lle competen para prestixiar a nosa lingua e para garantir o seu uso no ensino, na xustiza, na sanidade, na administración e na sociedade, en xeral e para garantir o uso da toponimia oficial. Vence tamén puxo de manifesto que a Xunta de Galiza ten que repartir de xeito igualitario os fondos aos medios de comunicación, “tamén para os medios en galego, e non só para os que emiten e publican en castelán”. Ademais, o portavoz nacional do BNG reclamoulle á Xunta de Galiza e a Feijóo que “retiren, dunha vez, o decreto do plurilingüismo, máxime cando foi sentenciado polo TSXG pola ilegalidade e impertinencia nos seus artigos fundamentais”. “É o momento de que o Goberno galego dea un paso atrás na súa estratexia de agresión contra a lingua”, sinalou.
De igual xeito, a executiva nacional de Esquerda Unida considera que “a dereita de Feijóo goberna en contra da nosa lingua” e lembra a Castelao cando dicía que “o apagamento dunha lingua corresponde á dexeneración do pobo que a fala”, pois “aqueles que pretenden relegar a nosa identidade ás catacumbas da dignidade, son os mesmos que renegan do seu pasado. A nosa lingua non se apaga aínda que o goberno de Feijóo teña como un dos obxectivos a destrución progresiva da cultura e da lingua proletaria do noso pobo”.
Pola súa banda, Compromiso por Galicia celebrou este xoves actos polo Día das Letras en Muros e na Coruña. Neste último acto Xoán Antón Pérez-Lema acusou o alcalde Negreira de seguir “o camiño marcado durante 23 anos polo alcalde Vázquez” e afirmou que “a discriminación contra o galego é ilegal, atenta contra os valores do civismo democrático, afástase da tradición liberal e galeguista da cidade e manifesta, ao tempo, unha absoluta falla de atención ás oportunidades sociais e económicas do futuro, como a da lusofonía”.
Publicado en Praza Pública.
_______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon