venres, maio 31, 2013

Non son vítimas, son culpábeis - Escrache ao PP no Pleno Municipal do Concello de Ferrol - Vídeos


De mañá cedo, e despois de entregar unha reclamación por rexistro, no Concello de Ferrol, e asinar unha queixa e solicitude de amparo ao Valedor do Pobo, un grupo de familias que levan anos agardando por unha vivenda no barrio de Recimil, decidían pecharse no concello para demandar ao goberno municipal a adxudicación, reparación e entrega inmediata, da vivenda que por xustiza lles corresponde.

Cando avanzaba a tarde, outros colectivos comezaron a chegar á Casa Consistorial para manifestar, ante o Pleno que se ía celebrar ás sete da tarde, as súas demandas: Plataforma das Preferentes, CAMF , traballadoras e traballadores dos servizos públicos, Dependencia, Plataforma contra o Malgasto..

Un numeroso grupo de traballadoras e traballadores de Navantia, achegaronse ao concello coa intención de acceder ao Pleno. Nese momento as portas da Casa Consistorial estaban fechadas. Ao entrar uns concelleiros, prodúcese o intento por parte do persoal de Navantia de acceder ao interior. No rebumbio rompe un cristal da porta de entrada e un policía municipal corta a man con os cristais, a xente concentrada fóra accede finalmente ao interior do concello.

A sala de plenos acolle deste xeito a estes colectivos sociais que queren mostrar a súa indignación. Cantando consignas polo naval, polos servizos públicos, polo dereito á vivenda, pedindo a dimisión do alcalde e corporación, e mesmo pedindo a ilegalización do Partido Popular. As referencias ao malgasto, á corrupción, aos vínculos co narcotráfico, ás promesas incumpridas, provocaron a suspensión do pleno que din que se celebrará o próximo luns. O abandono da sala por parte do Alcalde e resto de responsábeis municipais do partido popular, foi acompañada dunha clarificadora consigna que os sinalaba non como vítimas deste “Escrache consistorial”, senón como culpábeis da desfeita que, como aclaraba o representante do Comité de Navantia, xa fora nas escaleiras do Pazo Municipal, nos está afectando a todas e todos, nunha comarca onde “non é que non haxa produtividade, é que non hai onde traballar” . Para rematar defendeu a convocatoria da folga comarcal do día 12 deste mes “non valen desculpas, non se pode ollar para outro lado, Ferrolterra temos que defende-la entre todas e todos”.

Protesta popular no Pleno do Concello de Ferrol - 30.05.2013 - 1 de 2

http://youtu.be/HfSpI5wQ5PU

Protesta popular no Pleno do Concello de Ferrol - 30.05.2013 - 1 de 2

http://youtu.be/3ILNUgqa_XM


_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon