luns, maio 27, 2013

Unha buguina para encher Ferrol de dignidade - Este Domingo 2 de Xuño, trae a tua peza de roupa para pendurar da reixa de Navantia, ás 11 da mañá desde a Porta do Estaleiro

Clicar acima do folleto para ampliar

A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!


Deste xeito comeza o manifesto de Radio Buguina, unha iniciativa artística que o vindeiro domingo 2 de xuño chama a cidadanía de Ferrolterra a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a imitación do que xa fixeron en varias ocasións os traballadores cos seus buzos. Un acto artístico, popular, efémero e reivindicativo que sinala o sector naval como símbolo dunha sociedade arrasada. Hai moitas mans e moitas cabezas detrás desta iniciativa: Suso de Toro, Manuel Rivas, Roberto Somoza, Xurxo Souto, Anxo Angueira, Pepe Galán, Mercedes Queixas -vicepresidenta da AELG, entidade que colabora moi activamente- ou Pepe Barro, que resta importancia aos nomes: "hoxe somos estes, mañá serán outros". A iniciativa está apoiada polos sindicatos CC.OO, CIG, USTG e UGT os partidos ANOVA, BNG, CxG, eQuo, Espazo Ecosocialista Galego, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE, ademais dunhda ducia de entidades culturais.

Do que se trataba era de, dende o mundo das artes, facer unha achega á loita que desenvolven os traballadores dos sector naval de Ferrolterra polos seus empregos, pola supervivencia do sector e polo futuro da cidade e da comarca. "A crise está arrasando con todo pero de forma particular en Ferrol, e por iso Ferrol funciona neste caso como símbolo dunha sociedade arrasada", di o deseñador Pepe Barro que engade que se trata "de facer unha achega de dignidade unha carga de dignidade seguindo a reclamación principal dese sector: a carga de traballo".
    A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena

A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena, un quilómetro de "batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas", como se le no manifesto. Unha forma de dicir que a loita do naval son todas as loitas.

Será unha obra de arte popular, colectiva e efémera, destaca Pepe Barro, "esas roupas irán rompendo, perdendo a súa cor, mudando, dando lugar a unha obra nova". Unha obra que parte dun referente moi concreto e recoñecible: os buzos de traballo que os obreiros comezaron a pendurar de farolas ou reixas dende hai uns meses: "esa imaxe dos monos colgados ten un gran poder icónico e, de feito, xa se converteron en iconas que os propios traballadores usan: agora comezan a debuxar os monos ou a colgar as súas siluetas recortadas en papel e cartón. Xa se converteron nun símbolo".

"Chamamos a construír un monumento, pero tamén a vivir un acontecemento, con músicas, palabras e radio ao vivo", destaca o manifesto de Radio Buguina, a buguina "un elemento que serve como emisor e receptor a un tempo", lembra Barro. "Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupa de toda a xente, cargada de dignidade!".

A cita: o domingo 2 de Xuño, de 11 a 14 horas, na Porta do Estaleiro de Bazán.

Publicado en Praza Pública.

Carga de Dignidade. Acción artística popular

Domingo 2 de xuño, das 11 ás 14 horas, na Porta do Estaleiro, no barrio de Esteiro de Ferrol.

Carga de dignidade

Trae a túa peza de roupa para pendurar na reixa de Navantia e participa nesta acción artística popular.

A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!

Artistas e creadores agrupados en Radio Buguina chamamos a toda a poboación de Galicia a unha acción  artística popular en Ferrol. Chamamos a seguir o exemplo daqueles traballadores e traballadoras do sector naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa da factoría de Navantia. Chamamos a continuar este monumento á dignidade, cada quen coa súa peza de roupa, batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas, todo aquelo ao fín que pola súa forma e colorido é digno de ser pendurado, todo o que tivo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegue a conmovernos.

Chamamos a construír un monumento, pero tamén a vivir un acontecemento, con músicas, palabras e radio ao vivo. Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupade toda a xente, cargada de dignidade!


Unha acción de Radio Buguina organizada por:
Comités de Empresa de Navantia e delegados/as da Industria Auxiliar.

Sindicatos
: Comisións Obreiras (CC.OO), Confederación Intersindical Galega (CIG), Union Sindical de Traballadores de Galicia (USTG),Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UXT-UGT).

Partidos políticos
: ANOVA, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG), eQuo, Espazo Ecosocialista Galego (EcoSoGal), Esquerda Unida (EU-IU), Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).

Colectivos sindicais e movementos políticos
: Asociación Unificada de Militares Españois (AUME), Mocidade Nacionalista Galega (MNG), Sindicato de Estudantes, Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG).

Asociacións e colectivos:
A. C. Fuco Buxán, A. C. Lefre de Caldereta, A. C. Lendo Poesía, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Vitimas do Amianto (AGAVIDA), Asociación Memoria Histórica Democrática, Ateneo Ferrolán, Colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública Ferrol, Federación Veciñal de Ferrol (Roi Xordo).

  • Para acceder e baixar o Cartaz -en A3- da Convocatoria en formato -pdf.

  • Para acceder e baixar o Folleto da Convocatoria en formato -pdf.
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon