Na Comisión de Xustiza Social da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, abordamos no seu día un caso significativo dunha moza e un mozo, sen recursos económicos, cunha filla pequena. Despois de “solucionado” o seu desafiuzamento nas vivendas sindicais, ao pouco sumouse-lles outro problema. O mozo, ou pagaba unha multa de 1.080 euros, ou entraba en prisión para cumprir 6 meses. O mozo era usuario de Lazos Pro Solidariedade, e estaba nun programa de inclusión sociolaboral, admitido nun curso de capacitación profesional a punto de comezar. Á prisión por pobre!, cando estaba a punto de resolver, temporalmente, algúns dos seus problemas. Non podiamos permitir tal inxustiza, polo que desde a Rede, decidimos impedir que entrara en prisión. Entre as achegas da familia máis próxima e o préstamo do “Peto Solidario”, conseguimos pagar a multa.
En Ferrol Terra, como no resto da Galiza, e o mundo, a falta de vivenda ou a perda da mesma, vai ligada á entrada nunha situación de exclusión social, e dentro desta, a falta de emprego e dunha renda básica, son os factores fundamentais. Dentro da Rede de Apoio Mutuo, constituíu-se unha Comisión polo Dereito a unha Vivenda Digna, que ten como obxectivo a concreción dun parque público de vivenda social, como solución máis acaida á falta ou perda de vivenda. Asumimos o encetado polo Movemento 15M en 2011, e vinmo-nos desenvolvendo loitas contra varios despexos, xa como Rede, en 2012 e no que vai de 2013. Foi por iso, por estas accións, polo que decidimos adoptar o nome de Stop-Desafiuzamentos e adherirnos á loita das PAHs, que nos achegan recursos, información e ideas. Tamén encetamos unha coordinación galega das plataformas operantes na nosa Terra.
Stop-Desafiuzamentos, organizou e está activando a reivindicación de entrega das vivendas protexidas de Recimil, ás 116 familias en lista de espera. Todo comezou cando, membros da Rede, reclamaban a entrega de vivendas de emerxencia social para as familias que quedaban desamparadas polos desafiuzamentos. Recibían sempre a mesma resposta dos responsábeis municipais: "non hai vivendas en Recimil en disposición para entregar". Os servizos sociais non dispoñen deste recurso para solucionar os problemas de grave emerxencia social. Mais o Sr. Alcalde de Ferrol en varias roldas de prensa, actos, e mesmo cando presentou o seu "Plan de Oportunidades", facía mención a estas vivendas e daba cifras, mesmo falaba de orzamentos para a súa reparación.
A mentira e a irresponsabilidade forman parte do actuar político do Sr. Alcalde, José Manuel Rey Varela e o seu séquito do Partido Popular. Non só non son capaces de adecuar unhas poucas vivendas para emerxencia social, senón que non tiñan pensado dar resposta ás necesidades de 116 persoas con escasos recursos, que estaban á espera de que se lles entregara unha vivenda protexida en Recimil.
A situación económica e social da maioría das familias é moi difícil, e levan agardando por unha vivenda desde hai tempo. Só hai que ver os requisitos de baremación para dar-se conta de que estamos a falar, nunha parte importante de casos, de persoas cunha necesidade urxente de vivenda e de apoio social. O goberno municipal, pretendía mante-los no máis absoluto esquecemento, até que se decidiu mobilizar para reclamar unha vivenda digna.
A loita polo dereito á vivenda digna e adecuada, amosa as entrañas dun Capitalismo depredador e inxusto. Amosa as contradicións nunha sociedade formalmente democrática, mais que adoece dos mecanismos de xustiza social e garantes dos dereitos humanos e liberdades fundamentais, recoñecidos non só na Declaración Universal do 10 de Decembro de 1948, senón que tamén na Constitución e asinados en múltiples convencións, convenios, declaracións e cartas internacionais.
Vivimos nun sistema que non é bondadoso nin xusto, senón todo o contrario, que condena a moitas persoas á pobreza e á exclusión social. No occidente opulento, son centos de millóns as persoas pobres e empobrecidas coas políticas chamadas de “Austeridade”, que non son outra cousa que recortes sociais e laborais. Na Galiza, segundo datos oficiais, máis de 650.000 persoas están en situación de exclusión social e máis de 120.000 consideran-se en situación de pobreza severa.
Ferrol, a 31 de Maio de 2013.
Por Xan do Couto.
Publicado no nº34 da revista 'Razón Socialista' de Fuco buxán A.C.
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
Enviado por:
Foro Social de Ferrol Terra FSdeFerrolTerra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
25 de junho de 2013 11:18
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon