venres, xuño 28, 2013

Realizaron-se mobilizacións en toda Galiza na defensa da Sanidade Pública - Miles de persoas nas rúas de vilas e cidades da Galiza - Manifestación de Ferrol - Comunicado - Fotos


Miles de persoas en toda Galiza, secundaron o chamamento da Plataforma SOS Sanidade Pública, este Xoves, 27 de Xuño de 2013. Miles de persoas saíron, á rúa, mobilizando-se en defensa da Sanidade Pública, contra a privatización, o repago, a perda de dereitos e os recortes. En Ferrol a manifestación cidadá rematou na Praza do Concello, diante do Pazo Municipal, onde Miguel López en representación da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, leu un comunicado unitario que a continuación transcribimos.

Comunicado á Cidadanía

Boas tardes a todos e a todas recibide un saúdo no nome das 50 entidades que conforman a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol.

Non estamos solos, hoxe e un día de loita en toda Galicia contra os recortes, as privatizacións e o repago, en definitiva, contra o desmantelamento que está a facer o Partido Popular e o Goberno de Núñez Feijoo desde a súa chegada a Xunta de Galicia no ano 2009.

O mesmo ocorre en Madrid, onde a cidadanía e os profesionais da sanidade levan meses de loita, en  Valencia e Castela-A Mancha.

As políticas neoliberais pretenden utilizar a crise, que eles mesmos crearon, para convencer de que o Sistema Sanitario Público é insostible.

Esa mesma canción están aplicando ao Sistema Público de Pensións, tamén din que é insostible.

Detrás de esas informacións falsas so se esconde o negocio para os seus amigos, a Banca, as aseguradoras e as empresas farmacéuticas.

O sistema sanitario público é sostible como tamén o é o sistema público de pensións .
En Galicia moitos máis recortes utilizan a escusa da crise:
  • Redución do orzamento sanitario público en 1000 millóns de euros en tres anos.
  • Recortes de dereitos, recursos e servizos asistenciais.
  • Desmantelamento das áreas e dos servizos.
  • Privatización de moitas parcelas do sistema sanitario público.
En Atención Hospitalaria:
  • Paralización da actividade dos hospitais pola tarde.
  • Desviación de doentes a centros privados.
  • Incremento das listas de espera ( Un 30% en tres anos ).
  • Privatización da xestión do Novo Hospital de Vigo.
  • Abandono da ampliación do Hospital de Montecelo en Pontevedra.
  • Paralización dos Planos Directorios de 7 hospitais para reformar os servizos deteriorados, entre eles o de Ferrol.
  • Paralización da construción de 6 Centros de Alta Resolución.
  • Peche dos laboratorios dos Hospitais Comarcais.
  • Centralización na empresa privada das probas analíticas e innovadoras.
  • Creación dun Anel Radiolóxico, suprimindo radiólogos nas urxencias dos Hospitais Comarcais.
  • Cesión á Sociedade Anónima Galaria da xestión e equipamento tecnolóxico dos Hospitais Públicos.
  • Mantemento do Concerto Singular co Hospital Privado Povisa que é o que ten as maiores listas de espera de Galicia.
Privatización de Servizos Centrais da Consellería de Sanidade e Sergas:
  • Central de chamadas 112.
  • Plataforma Informática.
  • Central de Compras.
  • Almacenamento e distribución.
  • Concursos de selección de persoal.
Desmantelamento das Áreas sanitarias do Salnés, Barbanza, Monforte e o Barco de Valdeorras, para deixar paso á sanidade privada.

Peche de 5 centrais de ambulancias e 1 UCI móbil.

Redución de prazas de persoal sanitario e non sanitario: Xubilación forzosa aos 65 anos, repoñendo só o 10%, o que supón só en facultativos unha perda de 1700 persoas.

Precarización das condicións de traballo do cadro de persoal do Sergas, cunha importante redución salarial e de dereitos, non coberturas por baixas ou ausencias e volta aos contratos lixo por días e mesmo por horas.

En Atención Primaria:
  • Abandono do Plano de Mellora en Atención Primaria: Supresión de 915 novas prazas e paralización da construcción de 66 novos centros de saúde.
  • Absorción da Xestión da  Atención Primaria por Hospitais, a chamada Xestión Integrada.
  • Relegar a Atención Primaria a ser a portería dos hospitais para que poidan seleccionar aos doentes en función dos intereses dos hospitais privados.
Co Real Decreto 16/2012 establecen:
  • Copago receitas das/os  pensionistas
  • Copago de próteses, ortopróteses, cadeiras de rodas e trasporte non urxente en ambulancias.
  • Supresión do dereito á  atención: mozos/as de máis de 26 anos que non teñan cotizado, amas de casa divorciadas, inmigrantes sen papeis( criminalizándoos e culpandoos de que colapsan a sanidade o que é outra mentira máis).
Agora establecen que, con independencia dos ingresos das persoas, van ter que adiantar o custo íntegro das próteses, cadeiras de rodas, etc, moitas veces miles de euros, e logo agardar que o Sergas reintegre a cantidade a que se teña dereito, sen establecer prazos para esas devolucións. Persoas con pensións baixas e salarios baixos, non esquezamos que en Galicia temos as pensións e os salarios máis baixos do Estado, van ter que afrontar, ademais do repago farmacéutico, o adianto dos cartos para próteses. Quererá Núñez Feijoo volver aos tempos en que a xente andaba cunha pata de pau?

Coa chamada Lei de Garantías so se pretende:
  • Compensar o desgaste do Goberno da Xunta de Galicia fronte aos recortes en sanidade e o incremento das listas de espera.
  • Descapitalizar o sistema público facilitando aos centros privados a provisión de servizos custeados con diñeiro público.
  • Recortes en Hospitais Públicos que producen:
  • Incrementos na derivacións a centros privados.
  • Aumentos nas listas de espera.
  • A metade dos doentes en lista de espera están en listas ocultas, as non estruturais.
  • Moitas listas se pechan por tempo indefinido para que eses doentes non computen.
As consecuencias da aplicación da chamada Lei de Garantías son:
  • A descapitalización dos centros públicos que deberán compartir o orzamento hospitalario con centros privado.
  • Atraerá a multinacionais sanitarias como Capio ou Ribera Salud en mans de fondos de capital risco internacional, ao garantírselles a clientela.
E unha carga de profundidade contra o actual modelo sanitario ao impedir:
  • A planificación dos recursos en función das necesidades de cada zona.
  • A equidade polo nivel de renda ou lugar de residencia.
  • O traballo en equipos multidisciplinarios.
  • A integralidade da Atención Sanitaria.
  • A coordinación entre os distintos niveis asistenciais.
  • Supón unha manobra de marketing político xa que simula unha oferta de dereitos, imposibles de cumprir no marco de recortes orzamentarios, de recursos humanos e asistenciais.
  • É unha tapadeira para camuflar a decapitalización dos centros públicos en beneficio do sector privado.
  • Atenta contra a universalidade, integridade, equidade, racionalidade, calidade e eficiencia.
En definitiva con esta Lei Trampa chamada Lei de Garantías o que se pretende e poñer unha cortina de fume diante da política do Partido Popular de descapitalizar o sistema sanitario público.

Un novo recorte en dereitos é a supresión ou modificación da Lei do Aborto que, a demanda de Rouco Varela, ven a supoñer un retroceso nos dereitos das mulleres a  poder decidir por elas mesmas

Na Área sanitaria de Ferrol:
  • Na Área Sanitaria de Ferrol tense paralizado o proxecto de investimento de 63 millóns de euros en tres anos para a actualización do antigo Hospital Naval.
  • Tense paralizado o Plano Director do Complexo Hospitalario.
  • Aínda están en obras o Centro de Saúde de Serantes e das Somozas.
  • Os centros de saúde de Ares, Cedeira, A Capela e Narón xa tiñan que estar rematados.
  • O proxecto de ampliación do Fontenla Maristany está esquecido.
  • Quedamos fora do mapa de Novas Tecnoloxías.
  • Se producen peches de camas nos meses de verán o que está producindo colapsos en Urxencias con esperas de 48 horas para ingresar, precisamente pola falla de camas.
  • Pecháronse os consultorios da Graña e O Seixo e xa se fala de novos peches.
  • Se pretende pechar o Hospital Novoa Santos, coa escusa de cederllo á Universidade, que non o precisa, mentres se mantén un concerto co Juan Cardona por 6.5 millóns de euros anuais.
No Hospital Novoa Santos  tense que construír o Centro de Referencia de Enfermidades Profesionais de Galicia, que de tratamento a todos o que están afectados por enfermidades profesionais como sucede nesta comarca con milleiros de persoas por culpa do amianto. Tamén ten que dar cabida a entidades socio sanitarias ás que se está levando á súa desaparición como Asfedro, Lazos, Aspanes e outras, para que poidan desenvolver o seu importante labor asistencial. Teñense que crear camas de enfermos crónicos e pluripatolóxicos o que posibilitará que, xunto coa potenciación da Atención Primaria, se colapsen as urxencias do Arquitecto Marcide.

Quen pode entender que se peche un Hospital Público, o Novoa Santos, e se manteña un concerto co Juan Cardona por 6.5 millóns de euros anuais?

Ademais se permite que persoal da sanidade pública preste servizo en centros concertados, atendendo a doentes do concerto, o que é absolutamente ilegal e que a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública estamos debatendo de poñelo en coñecemento da Fiscalía Anticorrupción.

Poderiamos seguir falando dos moitos recortes e privatizacións que se están a producir na Sanidade Pública desde o ano 2009, moitos deles non son percibidos pola maioría da sociedade, pero non acabariamos nunca, porque a lista é moi longa,

Coa actual Xunta de Galicia as privatizacións, recortes, repagos, diminución dos dereitos de usuarios e de traballadores, vai continuar, polo que a continuidade das Plataformas en Defensa da Sanidade Pública faise máis necesaria que nunca, por que é preciso facerlle fronte a esas políticas cunha mobilización continua e sostida no tempo, como están a facer noutras partes do Estado Español e como hoxe estamos facendo en moitas partes de Galicia.

Por que é posible derrotar a esas políticas temos que seguir loitando de xeito unitario e continuo, tanto nas rúas como nos centros sanitarios.

A Sanidade Pública non se vende, se defende¡ A Saúde non é un negocio¡

Moitas grazas.

---

Algunhas fotos da Manifestación:

Enlaces de interese:

http://plataformadspferrol.blogspot.com.es/

http://www.sos-sanidadepublica.org/

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon