CONTRA A DEPREDACIÓN DO PAÍS POLOS QUE SE LUCRAN CO LUME
Arde Galiza. Un ano máis arde a nosa terra. Milleiros de hectáres dos nosos montes son pasto das lapas prendidas por pirómanos pagados por poderes económicos sen escrúpulos e consentidos polos gobernos autonómico e estatal.
Arde o país, porque existen muitas causas e moitos intereses espurios detrás dos lumes forestais:
- Os grandes beneficios que o baixo prezo, incluso a gratuidade, da madeira queimada aporta á industria das celulosas e ás empresas madeireiras.
- Os beneficios especulativos que esperan obter as empresas e corporacións locais, estatais e multinacionais por medio de proxectos urbanísticos, canteiras, proxectos mineiros, parques eólicos, macrocultivos forestais e enerxéticos e todo tipo de explotacións industriais localizadas en chan inicialmente catalogado como rústico protexido, e cunha taxación económica moi baixa, de cara a súa posterior recualificación e expropiación.
- O insensible e irresponsable desprezo dos poderes públicos polos valores ambientais, culturais, sociais e económicos do monte.
- O desmantelamento da Galicia rural e da Galicia mariñeira decretado pola unión Europea e servilmente acatado por quen se autodefinen indignamente como servidores públicos.
- A cega e irresponsable consideración do monte como unha exclusiva fonte de grandes beneficios económicos a curto prazo, sexa pola súa ocupación urbanística ou pola súa explotación industrial.
- A degradación intencionada do monte, calculada e programada para que o poder político teña máis doado acabar coa secular propiedade comunal, e entregar un ben natural e común nas mans do poderes económicos por medio da súa expropiación e privatización.
- Os beneficios que o poder político pode obter do poder económico polo servizo así prestado.
O Barbanza, O Rosal, O Condado-A Paradanta, Terras de Monterrei, O Bolo, A Ribeira Sacra, Os Ancares, ... estiveron ou están a ser pasto das lapas. Á intencionalidade pirómana engádese o exceso de biomasa pirófita como combustible, produto da mala planificación xa secular do medio como recurso. e da nula xestión forestal actual, ausente en materia de prevención, cunha maioría das plantacións sin podar nin desbastar, e co monte baixo sen desbrozar. Isto afecta tanto ao monte alto como ao baixo en solo forestal, desde a costa até o interior, incluídos os espazos naturais protexidos. A Xunta e os concellos deixaron de inverter nesas labores e, por engadido, delegaron a extinción principalmente nos medios aéreos e en empresas privadas, cando quen controla e finalmente apaga os lumes son as brigadas con recursos humanos e medios terrestres a ras do territorio afectado.
E, mentras, o presidente do actual goberno do PP infravalora pública e conscientemente a magnitude cualitativa e cuantitativa dos danos producidos polos lumes até de agora, esquecendo os efectos e causas da devastadora vaga de lumes do 2006, e as de todos os anos, e obvia deliberadamente o risco que supón setembro e quizais tamén outubro, pois a vaga de calor persiste e o perigo de incendios forestais é permanente, cun chan e cunha biomasa cada vez máis secos.
A traxedia colectiva dos lumes forestais ten culpábeis individuais, os/as delincuentes que queiman, pero tamén os que obteñen cuantiosas ganancias a cambio de desertizar os montes, estragando os nosos recursos naturais, os acuíferos, os achados arqueolóxicos, a nosa historia, a nosa cultura, a flora e fauna, o medio ambiente e a atmosfera incidindo aínda máis na mudanza climática e no quentamento global e, por engadido, no incremento do risco de incendios presente e futuro dentro dunha cadea continuada e catastrófica sen ningún sentido nin saída.
Os montes poden tardar anos en recuperarse, mais algúns dos seus valores naturais, paisaxísticos e arqueolóxicos perderanse para sempre, sobor de todo nas zonas onde existe desde hai décadas unha reiteración na prenda dos lumes. E os ríos e as rías tamén sofren pola achega e sedimentación das cinzas corrosivas no contacto co auga.
Neste país a política forestal dende o franquismo, pasando por todos os gobernos da Xunta, foi sempre a mesma: plantación de especies de rápido crecemento en réxime de monocultivo, especies pirófitas e alóctonas que facilitan a propagación das lapas, privatización do territorio, concentración parcelaria e repartición dos beneficios económicos nunhas poucas empresas corporativas e multinacionais, todo en detrimento dun aproveitamento do monte social, ecolóxico e sostíbel, e dunha estrutura tradicional e milenaria, comunal e de pequena escala, baseada na relación directa da poboación humana co medio.
- POR UN CAMBIO RADICAL DA POLÍTICA FORESTAL NA GALIZA
- OS LUMES FORESTAIS SON TERRORISMO AMBIENTAL
- INVESTIGACIÓN ATÉ CHEGAR E SANCIONAR AOS VERDADEIROS CULPÁBEIS
- MÁIS PREVENCIÓN E MENOS EXTINCIÓN
- MÁIS FRAGA E FRONDOSAS AUTÓCTONAS E MENOS MONOCULTIVOS FORESTAIS, PIRÓFITOS, INVASORES E ALÓCTONOS.
- MÁIS MULTIFUNCIONALIDADE E AUTOXESTIÓN E MENOS MONOPOLIO FORESTAL
- MÁIS PROTECCIÓN AMBIENTAL, RÚSTICA, AGROGANDEIRA, FORESTAL E CULTURAL, E MENOS ESPECULACIÓN URBANÍSTICA E INDUSTRIAL
Goberne quen goberne, o Monte non se vende.
Galiza Non Se Vende
http://www.galizanonsevende.org/
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon