luns, setembro 02, 2013

Siria: ataque militar, decisión tomada - Moi interesante editorial do xornal mexicano 'La Jornada'

O presidente estadunidense, Barack Obama, declarou onte que xa tomou a decisión de lanzar un ataque militar contra Siria e afirmou que as forzas armadas que encabeza "están listas para atacar cando o decidamos". O mandatario agregou que, aínda que cre ter a autoridade suficiente para ordenar unha incursión semellante sen autorización do Lexislativo, pedirá o aval do Congreso para que as accións resulten "máis efectivas".

Tales palabras non só constitúen un atropelo á legalidade internacional senón que representan unha grave desviación da substancial lóxica democrática esencial de separación de poderes: o que o titular do Executivo dea por feito que o Lexislativo apoiarao e que asuma a petición de autorización como un mero formulismo, algo así como un xesto de cortesía. Trátase, polo tanto, dun erro político perverso no desempeño de Obama como mandatario, ademais dunha groseira contravención do principio de representatividade, tendo en conta que, segundo enquisas e sondeos, a maior parte da sociedade estadounidense oponse a unha nova incursión bélica do seu país no medio Oriente.

Máis aló das formas, a actitude é, nos seus contidos, insostíbel por varias razóns. A primeira é que, aínda que existen elementos de xuízo dispoñibles que indican que a semana pasada tivo lugar unha acción con gases tóxicos nos arredores de Damasco, non existen probas de que tal feito, sen dúbida condenábel e criminal, sexa da autoría do goberno de Bashar Assad. Até agora, este e os rebeldes que o combaten con apoio occidental -de Washington e os seus aliados, en primeiro lugar- acúsanse mutuamente de estar detrás de tal acción, e non hai á vista, até agora, ningunha proba que permita dar a razón a un ou aos outros.

Por outra banda, antecedentes históricos demostran que as incursións militares occidentais en países de Medio Oriente e Asia central -con ou sen a etiqueta de "humanitarias"- non só non resolven os conflitos internos ou externos habidos senón que os agravan, multiplican os sufrimentos das poboacións e complican un taboleiro xeopolítico de seu turbio.

O caso máis claro deste patrón é Iraq, unha nación que segue sumida nun baño de sangue desde fai unha década, a raíz da invasión lanzada polo antecesor de Obama na Casa Branca, George W. Bush, co pretexto de que o réxime por entón imperante posuía unhas "armas de destrución masiva" que, ao cabo, resultaron ser unha mentira fabricada por Washington para xustificar a agresión bélica. É inevitable recordar ese antecedente cando agora a Casa Branca sinala, sen probas, ao goberno de Damasco como o autor do bombardeo de civís con armas químicas.

Non debe pasar inadvertida, para rematar, o escandaloso paradoxo de que o político afroestadunidense, ao que se entregou o premio Nobel da Paz, estea agora forzando a marcha para intervir militarmente nun escenario nacional alleo ao seu que o último que necesita é máis violencia e destrución e ante o cal as potencias terían que intensificar os esforzos por conducir o conflito interno polas canles do diálogo e a negociación.

Públicado en 'La Jornada' | 01.09.2013

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de agosto de 2013 12:32

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon