mércores, novembro 20, 2013

Educación, sanidade, vivenda son algúns dos dereitos básicos que os nenos, nenas e adolescentes están vendo mermados - AGAMME (asociación galega contra o maltrato a menores) reclama, no día mundial dos dereitos dos nenos e das nenas, unha viraxe nas políticas de infancia que garanta os seus dereitos fundamentais

Tags

AGAMME (ASOCIACIÓN GALEGA CONTRA O MALTRATO A MENORES) RECLAMA, NO DÍA MUNDIAL DOS DEREITOS DOS NENOS E DAS NENAS, UNHA VIRAXE NAS POLÍTICAS DE INFANCIA QUE GARANTA OS SEUS DEREITOS FUNDAMENTAIS.

Educación, sanidade, vivenda son algúns dos dereitos básicos que os nenos, nenas e adolescentes están vendo mermados.

A palabra crise estáse a volver un comodín que pode ser empregado para xustificar políticas que implican perda de dereitos da cidadanía. AGAMME, como entidade que loita pola promoción dos dereitos da infancia, chama a atención sobre os riscos que entraña esta postura, non só a curto prazo senon para o futuro.

No inmediato, é evidente: bolsas de poboación infantil que non ven cubertas as súas necesidades básicas, familias que se atopan en serias dificultades para facer fronte aos gastos derivados da educación, a inestabilidade que xenera a perda da vivenda, un sistema sanitario público debilitado e saturado. En definitiva: a creación de ghettos socio-económicos xa dende a primeira infancia que poñen barreiras a aquel obxectivo aceptado universalmente de acurtar as diferenzas sociais e ofrecer iguais oportunidades para todas as nenas e todos os nenos.

Por outra banda, o curtopracismo das medidas que socavan os dereitos da infancia e da adolescencia non permite ver que o custo social e mesmo o gasto público que vai supoñer ter en breve unha poboación xuvenil que non puido facer uso dos dereitos básicos de sanidade, educación e vivenda, entre outros, é moi superior ao que supoñería facer fronte ás dificultades do momento actual e restaurar plenamente o desfrute destes dereitos.

O informe recentemente publicado polo comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa sinala con contundencia a gravidade da situación da infancia e da adolescencia no Estado Español, precisamente nestes tres aspectos.

Noutra orde de cousas, debe producirse un cambio decidido na protección da infancia ante todas as formas de maltrato, o cal supón modernizar a xustiza e os servizos relacionados coa mesma, mellorar a capacidade de deteción por parte de profesionais que traballan habitualmente con menores e, en definitiva, acadar unha máis elevada conciencia sobre a incidencia e repercusións desta problemática e sobre o deber de toda a cidadanía de denuncialo.

Non nos podemos permitir dar por perdida toda unha xeración e é responsabilidade dos poderes públicos recoñecer as prioridades dun país. En base ao interese superior dos nenos nenas e adolescentes a prioridade non pode ser outra que apostar por que os nenos e as nenas de hoxe medren en igualdade de condicións e coas mellores oportunidades e calidade de vida que como sociedade en crise poidamos ofrecer. En función de como superemos ese reto poderemos cifrar o noso nivel de desenvolvemento como sociedade, a nosa calidade  humana.

Para máis información pode-se contactar coa AGAMME no correo agammeferrol@gmail.com ou no teléfono 636142012.

Web:
http://agamme.org/

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
20 de novembro de 2013 12:25

____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon