xoves, decembro 05, 2013

Catorce entidades manifestan a súa oposición á construción dun 'tanque de tempestades' no parque 'Pablo Iglesias' e piden outra localización - E avogan pon un outro saneamento, que separe as augas residuais e das pluviais, no camiño da recuperación integral da Ría de Ferrol


Advertimos novamente sobre o absurdo da instalación dun “tanque de tormentas” no parque público Pablo Iglesias; esa instalación non deber estar situada nese lugar tanto por respecto aos dereitos da veciñanza e do conxunto do pobo de Ferrol a un parque de ocio infantil e de gozar de zona verde sen infraestruturas molestas, como pola propia inutilidade desa instalación para cumprir o fin para o que tecnicamente está deseñado. Esa obra -e o tempo o demostrará- é desperdiciar o diñeiro dun xeito inútil dentro dun plan de saneamento que ao día de hoxe non cumpre coa  normativa europea, estatal e autonómica de tratamento e separación das augas fecais e residuais urbanas, e que adoece ademais de outras carencias, deficiencias e incoherencias.

Estas afirmacións que facemos poden ser demostradas e así o son nun estudo completo que un grupo de cidadáns con coñecementos profesionais e experiencia ten elaborado, e que está sendo obxecto de explicación e debate nas “Xornadas sobre saneamento da Ría de Ferrol: presente e futuro” que se ven celebrando na nosa cidade dende o día 30 de Outubro,  xornadas as que por certo NINGÚN REPRESENTANTE DO GOBERNO LOCAL se digna a asistir, a pesares de estar convidados con sumo interese pola nosa banda e co convencemento de que están a perder a oportunidade de recoller unha información de gran nivel e rigor que renuncian a coñecer e contrastar.

Non obstante, reiteramos a invitación ao Alcalde para que asista as sesións que aínda restan destas xornadas e para que cando menos se moleste en coñecer as nosas conclusións. É a mínima mostra de respecto que pode amosar quen cobra do erario público cara o esforzo desinteresado de veciños e colectivos ecoloxistas que estamos a traballar pola defensa dos dereitos e do interese colectivo, en lugar de favorecer o interese de empresas privadas que si adoitan inflar os gastos de investimento e de mantemento de obras e servizos pagados con cartos de todos. O Plan de saneamento que nos ocupa debe ser revisado e modificado con urxencia, e nos temos importantes apartacións que facer ao respecto, tal e como incluso lle trasladamos nunha entrevista ao equipo autor dos estudos e cálculos que -con “erros” documentados- xustifican a construción dos tanques de tormentas no referido plan.

 Quede claro que nos preocupa e moito que a nosa ría sexa protexida cun plan de saneamento integral digno dese nome e que cumpra realmente a súa función, que é, cando menos, frear a súa contaminación, ademais de ser unha obriga das administracións e do conxunto da cidadanía que vivimos no seu entorno, e implica investimentos millonarios de cartos públicos que non poden volver a ser desperdiciados como ven ocorrendo nos últimos 20 anos. Pero clarexado o anterior, tamén dicimos que non renunciamos a que se respecte a legalidade urbanística municipal e supra-municipal que afecta a este parque e máis a posibilidade de acudir á OLAF-CE [*] para que Europa coñeza como se están a investir os cartos públicos que veñen dos seus orzamentos a través dos fondos FEDER.

ADEGA, Comisión Medio Ambiente A.VV. “El Pilar”, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia.

Apoian o comunicado: Colectivo Artabra 21, Espazo Ecosocialista, Fuco Buxán A. C., NÓS - Unidade Popular, EQUO Ferrolterra, Compromiso por Galicia Ferrolterra, Executiva PSOE de Ferrol, Anova - Irmandade Nacionalista, Esquerda Unida e BNG.

[*] A Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), forma parte da Comisión Europea e goza dun estatuto particular de independencia para as funcións de investigación e loita contra a fraude. Dous Reglamentos e un Acordo Interinstitucional especifican as súas modalidades de funcionamento.
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon