luns, xaneiro 13, 2014

O Grupo Municipal de Esquerda Unida esixe continuar coa rehabilitación e entrega de pisos no barrio de Recimil para o presente ano 2014


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA ESIXE DO GOBERNO LOCAL DAR CONTINUIDADE NO PRESENTE ANO Á REHABILITACIÓN E ENTREGA DE PISOS BALEIROS  NO BARRIO DE RECIMIL.


A nosa organización non pode darse por satisfeita coas ao redor de 30 vivendas que ata o momento foron destinadas a este fin xa que é necesario recordar son bastantes máis de cen as familias en dificultades que solicitaron no seu momento a inclusión nese plan e que esperan a día de hoxe, sen ningún tipo de información, unha solución a tan urxente demanda. | O grupo municipal de Esquerda Unida espera que o goberno local do PP sexa diligente para dotar ao citado barrio dos servizos e recursos para que a citada ocupación se produza con todas as garantías de normalidade. Do mesmo xeito naqueles asuntos onde a responsabilidade corresponda a outras administracións, como educación, é o Concello o que debe esixir a dotación humana e material oportuna para garantir unha plena integración dos novos residentes.

 O concelleiro de Esquerda Unida, Suso Basterrechea, preguntou hoxe na comisión de servizos sociais sobre a previsión do goberno local no sentido de continuar coa rehabilitación e entrega de pisos no barrio de Recimil para o presente ano. A concelleira responsable do área non puido ofrecer unha resposta á referida pregunta, silencio elocuente e que, se o sumamos á ausencia dunha partida específica nos recentemente aprobados orzamentos do Concello, levan á conclusión de que o goberno que dirixe Rey Varela non ten programado nada neste sentido para o 2014, nin rehabilitación, nin vivenda social, nin políticas de emprego que integren ámbalas dúas cuestións.

Esquerda Unida quere recordar que foron máis de cen as familias que iniciaron en decembro do 2010 todos os trámites que lles permitiron ser incluídas na lista elaborada polo Concello nese sentido. As preto de trinta vivendas entregadas ata a data amósanse claramente insuficientes. A nosa organización é coñecedora de que crece a inquietude entre este colectivo que, ademais, ve como a súa situación familiar agrávase co paso do tempo sen merecer unha explicación ou unha previsión por parte do goberno do PP.

O grupo municipal de Esquerda Unida entende que ademais este labor debería xerar postos de traballo directos. O Goberno municipal non é quen de activar unha bolsa de emprego para rehabilitar as vivendas, confirmando que nin cre no emprego público nin nas políticas sociais de integración. Está moi ben un urbanismo moderno, pero quizáis outros aspectos, como o desemprego, a pérdida constante de poboación e unha cobertura social integral, que é posible,  parece prioritario, ou, cando menos, deberían estar tamén na axenda política dun goberno digno. Non parece normal queixarse do problema demográfico da cidade sen tratar de habilitar políticas sociais e laborais que poidan aliviar unha tendencia de desastrosas consecuencias.

Esquerda Unida tamén quere informar de que o seu referido concelleiro Suso Basterrechea solicitou nunha recente comisión de educación que o Concello de Ferrol esixa da Xunta de Galicia que recupere o profesor de apoio suprimido ao comezo do curso e que obriga agora a compartir entre o colexio de Recimil, o Manuel Masdías e o San Xoán os dous agora destinados a devandito fin. O grupo municipal sempre mostrou o seu rexeitamento a un recorte que, agora, coa chegada de novos nenos ao citado centro de Recimil resulta moito máis evidente.

En conclusión, opacidade, falta de vontade para resolver os conflitos, ausencia de comunicación coa cidadanía caracterizan unha vez máis a este alcalde que, por un lado reivindica no discurso de San Xiao unidade e por outro desacredita as organizacións sindicais, aos partidos da oposición e ao tecido asociativo que defende as persoas con necesidades reais e cotiás máis alá de inalcanzables como o RISGA, que a nosa organización propón substituir por unha Renda Básica Cidadá, máis xusta e solidaria.

Ferrol, 9-1-2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
9 de janeiro de 2014 16:41

Boa tarde, Achegamos nota de prensa sobre a nula previsión do goberno municipal de continuar coa entrega das vivendas desocupadas de Recimil, segundo se desprende da actitude da concelleira responsable na Comisión da Área de Benestar Un saúdo

__________________

Foto da Asociación Veciñal San Fernando.
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon