xoves, xaneiro 09, 2014

Radiografía das 300 mil vivendas baleiras de Galicia, ... Por Marcos Pérez Pena


Cando nestes días a PAH de Vigo-Tui e Baixo Miño protestaba ante o Concello pola situación de Analía Méndez, sinalaba con frecuencia ao evidente paradoxo de que esta e outras familias poidan quedar na rúa, sen acceso posible a inmoble ningún, cando só no termo municipal vigués hai máis de 18 mil vivendas baleiras. A situación repítese en toda Galicia, onde segundo as cifras do Censo do INE correspondentes a 2011 hai case 300 mil vivendas baleiras (299.396).
Chama a atención, igualmente, que desas 300 mil vivendas baleiras existentes en Galicia, máis de 75 mil foran construídas na última década, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil correspondan á década dos noventa
120.069 están na Coruña, 78.152 en Pontevedra, 55.936 en Ourense e 45.239 en Lugo. E en total representan case o 30% do total de inmobles principais existentes en Galicia (1.059.233); a proporción é aínda maior en Ourense (40,7%) e Lugo (33,3%) e supera en moito á proporción de vivendas baleiras en toda España (ao redor do 20% do total).

Chama a atención, igualmente, que desas 300 mil vivendas baleiras existentes en Galicia, máis de 75 mil foran construídas na última década, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil correspondan á década dos noventa. É dicir, máis de un de cada tres inmobles baleiros de Galicia son novos ou case novos.
Por concellos, cómpre salienta que é a cidade da Coruña o que acumula un meirande número de inmobles deshabitados, un total 19.283 vivendas baleiras (4.057 construídas na última década), seguida de Vigo con 18.588 (3.982) e Ourense con 14.561 (3.238). O número é moi elevado igualmente en Lugo, con 12.370 (1.962), Compostela con 9.512 (2.318), Ferrol con 8.318 (914), e Pontevedra con 6.886 (1.549). Vilagarcía, Sanxenxo, Ames, Lalín, Arteixo, Culleredo, Carballo, Monforte ou Narón tamén superan as tres mil vivendas baleiras en todos os casos.

Ante esta situación unha das demandas dos colectivos que traballan por un acceso universal á vivenda, recollido da Constitución, é que as administracións públicas poñan a disposición das persoas sen fogar ou en risco de perder a súa vivenda (por un lanzamento hipotecario ou pola imposibilidade de facer fronte ao pago do aluguer) o parque de vivendas do que dispoñen. Unha das consecuencias da crise económica e do rescate e nacionalización das entidades bancarias quebradas foi que a meirande dos seus activos inmobiliarios foron recollidos pola Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), o chamado banco malo, e de propiedade estatal.

A Sareb acumula activos inmobiliarios valorados en 65 mil millóns de euros, o que a converte sobre o papel na meirande inmobiliaria de Europa, aínda que moitos destes activos terán finalmente un valor moito máis reducido. En calquera caso, o Estado posúe a través do Sareb máis de cen mil inmobles novos e un número moi importante de predios que nos últimos meses comezou a poñer á venda, tamén en Galicia.

Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 7 de xaneiro de 2014
Licenza Creative Commons by-sa.

Praza   Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon