xoves, febreiro 13, 2014

Análise da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública sobre a privatización Sanidade Pública Galega

A Privatización  ilexítima do Servizo Galego de Saúde -SERGAS

O goberno de Feijóo está aproveitando a crise para xustificar a diminución do gasto sanitario público, a base de recortes e copagos, pero o gasto en privatizacións non fai más que aumentar.

Orzamento SERGAS 2010: 3.633 M de euros (Gasto real 3866 M.

Orzamentos do SERGAS 2014: 3.326 M de euros, 380 millóns de euros menor  (-10,5%) que o orzamento de 2010, e 540 M de euros (-16%) que o gasto real nese ano 2010. O orzamento en privatización para 2014 ascende a 1.624 M de euros (50% dos orzamentos) e a pesar dos copagos, o gasto en farmacia e material sanitario ascende a  1.335 M de euros. Outros 289 millóns se van en concertos e empresas públicas de xestión privada. O orzamento en persoal para 2014 é de 1.466 M (14% inferior a 2010) Queda 5% para todo o demais (investimentos, funcionamento).

Feijóo pretende levar a cabo os investimentos comprometidos antes das próximas eleccións e non pode tirar indefinidamente dos salarios dos profesionais e dos petos dos cidadáns, así que cede a xestión do SERGAS as empresas privadas vinculadas favorecendo a os seus, pola porta de atrás para non alertar e dar aparencia de normalidade. A poboación descoñece as consecuencias destas decisións, sanitarias e económicas, e o incremento desbocado dos compromisos de gasto presentes e futuros do goberno galego.

Tras rematar a privatización dos servizos non sanitarios, sen reparar na forte vinculación que existe entra e a súa labor e a calidade da asistencia, o principal obxectivo do goberno de Feijóo nos últimos anos é a privatización da asistencia sanitaria, acudindo a chamada colaboración público privada, a “CPP”.

A CPP, según o Consello de Contas, permite realizar investimentos públicos sen que se vexa afectada a débeda pública, trasladando a orzamentos futuros un volume de cartos que pode ser ilimitado, sen control parlamentario, e polo tanto, moi exposto ao fraude. Para paliar este risco, se aproba un  RD (BOE 24 de maio de 2010) que obriga á realización previa dun informe sobre as repercusións orzamentarias deste tipo de proxectos. Feijóo licita o NHV o 10 de maio de 2010, cando xa coñecía a inminencia da publicación deste RD, que o proxecto PFI do NHV nunca superaría. As últimas privatización teñen nomes rocambolescos: socio tecnolóxico, xestión de espazos... seguramente para non ter que dicir CPP e saltarse o informe preceptivo que avale as privatizacións.


Privatización dos hospitais e dos Servizos sanitarios
:

1- NHV CAM e Bankia afúndese e a obra non pode continuar por falta de liquidez,  faltan 250 millóns (80% do custe) e o goberno consegue 140 M de diñeiro público (30 M do ICO e 110 M do BEI) e 110 M  de novas entidades financeiras rescatadas ou moi beneficiadas cos cartos públicos: Caixabank e NGB, BBVA e o Santander. O NHV será financiado de forma maioritaria, directa ou indirectamente, con diñeiro público, pero a Xunta seguirá pagando durante 20 anos,  46,5 M/ano pola construción (930 M) e 26,5 M/ano pola xestión dos servizos non sanitarios que xa están externalizados, que o SERGAS deberá pagar dobremente (530 M).

Construír o hospital PFI de Vigo costa 310 M de euros pero  supoñerá un custo anual de 175 millóns de euros durante 20 anos sumados o canon don novo hospital, o de Galaria e o de Povisa, que se manterán artificialmente, de forma innecesaria.

Con estes 3.500 M de euros públicos poderíamos financiar o Novo Hospital como xa estaba proxectado e o seu funcionamento durante os 20 anos (107M euros/ano en 2014) funcionamento incluíndo os servizos e gran parte do persoal de Povisa, ao asumir todos os servicios de referencia e dado o maior ratio de persoal cama dos hospitais públicos.

Malia dita asombrosa cifra, que multiplica mais que 10 veces o custo de construción,  a poboación do Área Sur non dispoñerá dun hospital de referencia. Este feito supoñerá unha xestión irracional e absurda da asistencia sanitaria pública onde por un lado se fala de “Areas Integradas” e polo outro se fabrican “reinos de taifas” que dificultan moito a avaliación da asistencia e dos resultados en saúde, ou a articulación de programas comunitarios, e está detrás da “subasta” de pacientes que está ocorrendo actualmente na Sanidade galega. Unha mostra desta irracionalidade e o “Vía Crucis” na asistencia sanitaria de moitos pacientes galegos, que teñen que acudir ata a 9 centros sanitarios diferentes para tratarse de patoloxías comúns.

2- Persistencia da xestión privada da asistencia sanitaria de Galaria S.A. que seguirá facturando millóns de euros de fondos públicos, a pesar de que, segundo o Consello de Contas de Galicia, a súa actividade está sobredimensionada e as súas contas son pouco claras, furtando ao NHV de servizos tan relevantes como a hemodinamia e Ciruxía cardíaca, a Radioterapia e Medicina Nuclear e a Resonancia Magnética.

3-A Xunta e a súa consellería de Sanidade acaban de renovar o concerto co hospital Povisa (do Grupo Nosa Terra) por outra década, fronte as recomendacións do valedor do pobo e do Consello de Contas. A cápita aprobada para no novo concerto con Povisa é de 540 euros, 108 euros menos que a media (Táboa I) pero non inclúe, ao contrario que nos hospitáis públicos, o diñeiro que Povisa recibe por os servizos nos que é referencia. Ademais Povisa non atende aos pacientes desprazados e carece de moitos servizos relevantes que ten que asumir o CHUVI, sen ningunha merma do canon para o hospital privado, como Ciruxía Torácica, Psiquiatría, obstetricia, tuberculose e outras patoloxías respiratorias, Coidados paliativos e a hospitalización a domicilio dos pacientes do Morrazo.

Por outra parte, a LE de Povisa e de 180 días, o dobre da do CHUVI e 5 veces maior que a do CHOP, así que o novo concerto poderiamos cualificalo de temerario, xa que segundo a nova lei de garantías a máxima demora é de 45 días para unha consulta e 60 días para unha IQ, que Povisa non poderá cumprir.

Por outra banda, é difícil explicar a LE de Povisa tendo en conta a súa alta taxa de ciruxía, con 109 IQ/1000 habitantes, 58% máis alta que a media do SERGAS e da enorme afluencia ás súas consultas, 31% maior (sen obstetricia nin psiquiatría que suman de media un 15% do total das consultas dos hospitais) Ante estes datos non podemos obviar que Povisa compatibiliza a atención dos pacientes do SERGAS coa atención aos seus pacientes privados co mesmo persoal sanitario e a falta de transparencia do Grupo non permite coñecer os resultados desagregados das distintas memorias asistenciais e económicas nin polo tanto asegurar que o diñeiro público só emprégase para financiar aos pacientes do SERGAS.


4- Ampliación do hospital do Salnés por 8 M de euros adxudicada á multinacional francesa Cofely-Suez, socia de La Caixa/Adeslas  (Hisusa Holding).

5- A Xunta licita por terceira vez, ata que as  condicións foron do agrado das empresas concesionarias, a ampliación e xestión privada do CHOU ata o ano 2029. A primeira fase (41 M/223) foi adxudicada a ACS/ Indra /La Caixa.

6- Centros de saúde móbiles de xestión privada para o rural para substituír aos fixos, xa que temos demasiados en Galicia segundo o goberno. Aínda non adxudicados pero xa hai 17 empresas privadas interesadas segundo Feijóo, que confesa así a súa intención de privatizar a Atención Primaria.

7- Privatización da Alta Tecnoloxía (AT) por 88 millóns de euros coa figura chamada “socio tecnolóxico” de modo que as mesmas empresas que fabrican os equipos (General electric, Siemens e Philips) son os que deciden que equipos comprar e en que hospitais, públicos ou privados, deben situarse (non a RT do HULA nin do NHV e si a dos centros  privados, Centro oncolóxico de Galicia -COG) e Galaria.

A privatización da AT supón unha grave perda para o SERGAS e os seus profesionais e un grave perxuízo para os pacientes. Segundo moitas publicacións, a xestión mercantilista está detrás da utilización inadecuada e da radiación innecesaria. Un informe de aseguradoras alemás constata que no ano 2011 operáronse 2 millóns de persoas máis que en 2005 e advirten que este feito está relacionado con a xestión dos centros sanitarios mediante a CPP, que operan en moitos casos só para obter maiores ingresos.

Segundo o Consello de Contas, Galaría fai o dobre de RM que o CHUAC para un Área similar, e moitas son repeticións no mesmo paciente e segundo un estudio da FADSP con datos do MSPSI, as CCAA con máis de 60% de RM de xestión privada teñen unha taxa 75% superior de exploracións que a media das restantes CCAA. En Galicia o 70% dos equipos de RM e o 62% dos equipos de RT son de xestión privada. A nosa taxa de RM supera nun 50% a media estatal (Táboa 2).


E inexplicable polo tanto que o goberno galego deixe a xestión da alta tecnoloxía en mans das empresas fabricantes, que mostran nos pregos a súa interese por instalar en Galicia tecnoloxías moi avanzadas “que permitirán diagnosticar lesións case invisibles ao ollo humano” como o TAC de 128 cortes e os Mamógrafos con Tomosíntese, que non só emiten máis radiación ionizante senón que poden perxudicar gravemente a saúde. Unha revisión publicada polo Centro Nórdico Cochrane en xuño de 2012  conclúe que por cada muller diagnosticada  precozmente de cancro de mama en 2.000 mamografías realizadas, outras 10 mulleres serán diagnosticadas e tratadas con ciruxía e/o RT e QT por un cancro de mama inexistente.

A inversión de 88 M en AT e de todo punto esaxerada. En primeiro lugar porque non hai que incrementar a dotación, que xa e elevada (Táboa 3) senón sustituir os equipos vellos ou simplemente cambiar o software, unha solución moi axeitada, máis sustentable e tres veces máis barata. Ademais os equipos actualizados ou novos requiren moito menos tempo por paciente, incrementando moito a eficiencia da sala. Publicacións recentes apostan por controlar a utilización das tecnoloxías e comezan a rebaixar o número de sesións de RT para o cancro, non convencemento de que en medicina moitas veces “menos é máis” e xa consideran suficientes 3 semanas en vez de 5 semanas para RT de cancro de mama, o que reduce un 40% a utilización dos equipos para esta patoloxía frecuente. Por outra parte os equipos públicos non están utilizados ao 100% (para deixar espazo no mercado a xestión privada).

8- Servizos de Protección Radiolóxica tamén en mans de Galaria e General Electric a pesar de que os seus equipos de TAC e de mamografía foron denunciados polos radiólogos estadounidenses debido a radiación excesiva.

9- Privatización da hemodiálise 25,5 millóns de gasto para o SERGAS pola derivación de pacientes a centros privados, a pesar de dispoñer de 14 centros hospitalarios públicos de  Galicia. Só o “superdotado”  Hospital Xeral de Galicia (CHUS) gasta10 M de euros en concertos para hemodiálise a pequenos centros privados vinculados.

              Táboa 3

10- O SERGAS privatiza a esterilización da súa instrumental, que ocupa a 167 profesionais, durante 12 anos por 160 millóns de euros. A xestión mercantilista deste servizo esencial pode supoñer graves riscos para a saúde.

11- Institutos Biomédicos de investigación do SERGAS, principalmente financiados polo SERGAS (7,6 M de euros para 2014) están participados pola IF. O Instituto Biomédico de Vigo está coxestionado pola multinacional farmacéutica Janssen (Johnson & Johnson) o I. Biomédico de Santiago participa do Campus Vida, mediante un convenio entre a Universidade, o SERGAS, a Banca e a Industria Sanitaria privada, que a cambio de pequenas colaboracións controla a investigación e a docencia en materia de saúde, dificultando calquera investigación non acorde os seus intereses.

12- O Centro Oncolóxico de Galicia (COG) de xestión privada, presidido por o empresario da multinacional francesa do aluminio Pechiney. Con todo, accede ao rexistro de cancro da poboación, ademais de xestionar ensaios clínicos co obxectivo de probar novos medicamentos para o cancro en pacientes galegos. Este tipo de ensaios tamén se levan a cabo no Hospital San Rafael da Coruña, vinculado a IF.

13- O golpe definitivo ao I+D+i do Servizo Galego de Saúde e a nova Lei de Racionalización do Sector público, que permitirá non só legalizar o patrocinio privado de todos os Servizos do SERGAS, incluíndo os máis sensibles, senón que pretende que sexa a fonte principal de financiamento das actividades e instalacións de dous novos organismos estratéxicos: A Axencia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios e a Axencia Galega de Sangue e Tecidos furtando definitivamente aos profesionais do SERGAS a docencia e a avaliación das tecnoloxías. Desta forma influirán nas Guías de Práctica Clínica e na Información sobre fármacos e tecnoloxías, e dicir sobre a “evidencia científica” ademais da cesión de servizos tan sensibles como as doazóns de sangue, coordinación de transplantes de órganos e o almacenaxe de células, tecidos e mostras biolóxicas.

14- Para finalizar o desmantelamento do SERGAS Feijóo e Mosquera están organizando a privatización da xestión dos procesos asistenciais e dos profesionais. Para iso, a Xunta pretende converter os Centros de Saúde e os servizos clínicos hospitalarios en empresas con autonomía de xestión, que poderán competir entre si, e aos que a Consellería asignará un orzamento pechado anual que deberán xestionar os propios profesionais, que poderán beneficiarse dos aforros obtidos en persoal, material ou actividade asistencial. Os servizos poderán adquirir personalidade xurídica propia, abrindo o camiño á súa xestión privada e á laboralización dos empregados públicos, para o que xa existe respaldo legal, debido a unha modificación do Estatuto Marco aprobada pola Ministra Mato.


E mais privatizacións

15- Servizo de ambulancias adxudicada por 236 millóns de euros por 4 anos á UTE “Ambulevante” a mesma UTE Levantina á que adxudica Fabra o transporte de ambulancias na Comunidade Valenciana, denunciada pola súa vinculación ao PP.

16- A oxixenoterapia segue xestionada por oximesa (praxair) a cambio de 10 M de euros, a pesar de defraudar ao fisco 146 M de euros, segundo recoñece a propia empresa.

17- Historia Clínica Electrónica (IANUS) e receita Electrónica, adxudicadas a Indra empresa pública privatizada por Aznar e Rato. A decisión da Xunta de estender a HC electrónica a todos os centros sanitarios privados, vinculados a aseguradoras, supón a desprotección de datos moi sensibles da poboación.

18- Telecomunicacións do SERGAS: Adxudicada por 3 anos e 28 millóns de euros a Telefónica, a empresa que recentemente ficha a altos dirixentes do PP e a Rato (200.000 euros) malia a súa imputación no caso Bankia. Actualmente está gobernada por Bankia, La Caixa e BBVA.

19- Teleasistencia nos fogares para “R” Comunicacións, empresa galega vendida por NGB a CVC-Capio, fondo de investimento imputado no fiasco da privatización da sanidade madrileña.

20- A empresa que custodiaba as Historias Clínicas do CHOP cando se queimaron, “Severiano Servizo Móbil” foi contratada para a loxística, que antes se realizaba con 200 traballadores propios que se han ter que recolocar, mentres a empresa privada contrata a dedo a outros 156 traballadores, que o SERGAS tamén costeará a través do canon acordado de 88 millóns de euros.

21- Ibérica de Mantemento SA: Empresa zaragozana contratada para realizar o mantemento de equipos sanitarios, que se realizaba con persoal propio, coa conseguinte perda de postos de traballo no SERGAS.

22- Privatización dos servicios non sanitarios que xestionaba Galaria como: os plans de eficiencia enerxética (o do CHUS adxudicado a CLECE e Gas natural por 50 M de euros para 8 anos) e a Cita Previa “saúde en Liña” cedida por Feijóo ao fondo de investimento Netaccede e NGB.

23- Residencias para maiores Geriatros, vendidas por NGB ao fondo de investimento Magnum e a o Grupo Eulen, cuxa apoderada é a irmá de Feijóo.

24- Limpeza e enerxía: Grupo Norte, vinculado á inmobiliaria en creba Martinsa-fadesa, cuxa débeda foi unha das causas principais do crack de NGB. Ferrovial, imputada no caso Palau e recentemente condenada pola ínfima calidade das súas construcións e Clece/ACS de Florentino Pérez, vinculada a Indra, nomeada nos papeis de Bárcenas e empresa construtora da nefasta curva do accidente de Angrois.

25- Catering: Empresa Mediterranea-Arturo, do fondo de investimento Portobello (do Santander, BBVA, CAM e  Bankia) e de Arturo Fernández, vicepresidente da CEOE, imputado no caso Bankia e acusado de defraudar a facenda e pagar aos seus traballadores con diñeiro negro.


Os conflitos de Interese

Núñez feijóo e o máximo responsable do desmantelamento do SERGAS é da selección de empresas insolventes e incumpridoras, como a UTE do NHV, ademais de ceder a xestión de Servizos públicos a unha empresa coa que ten vínculos familiares.

Rocio Mosquera, Conselleira de Sanidade, blinda o concerto singular de Povisa por outra década e era directiva do Grupo Nosa Terra antes de chegar a Xunta. A súa filla traballa en PWC, empresa multinacional de consultaría que asesora (mediante un informe desaparecido, que costou a Xunta 220.000 euros) a elección da UTE insolvente do NHV. O seu marido foi elixido xefe de servicio de Ciruxía do CHUS sendo Mosquera a Directora Xeral do SERGAS, xefatura que perde recentemente por “desviación de poder” segundo unha sentencia do TSXG

A empresa seleccionada pola Xunta para asesorar a implantación da xestión clínica en Galicia é EFQM, axencia europea cuxa presidenta en España é o responsable de PWC (IBM) a empresa que almacena o maior número de datos sanitarios e non sanitarios a nivel mundial.

Agustín Hernández, o Conselleiro de Infraestructuras e asiduo das portas xiratorias, pasando da empresa constructora do NHV a postos de responsabilidade en obras públicas en múltiples ocasións.

José Manuel Romay Beccaría, exconselleiro de sanidade é actual presidente do consello de Estado, cargo que compatibiliza coa pertenza ao consello de Administración da Fundación renal Álvarez de Toledo (FRIAT) segundo a súa páxina WEB, empresa moi vinculada ao PP é concertada  para hemodiálise co SERGAS.
Enrique Castellón: ex director xeral do SERGAS con o PP é actualmente vicepresidente da FRIAT.

A farmacéutica galega Zeltia está vinculada ao PP (Ana Palacio e a irmán de Dores Cospedal son directivas de Zeltia) Zeltia comercializa o Yondelis en Europa e está asociada a CF Johnson & Johnson (Janssen en España) que comercializa o Yondelis en EEUU (desconsellado para o cancro de ovario pola FDA por 14 votos contra 1).

Janssen coxestiona os institutos biomédicos, onde recaba información e inflúe sobre as prioridades da investigación

Isabel Oriol: Presidenta da AECC, propietaria do 72% do COG. Toma a decisión de privatizar os cribados de mama de Madrid e Castilla La mancha e cederllos a CVC-Capio, fondo de capital risco vinculado ao PP e imputado no fiasco da privatización madrileña. NGB vende a capio a empresa galega de telecomunicacións “R” tamén beneficiada coa privatización do SERGAS.

Galaria SA: empresa pública de xestión privada e opaca, presidida por unha exdirectiva de Deloitte e NGB, é utilizada como paso intermedio para ceder os servizos sanitarios as empresas privadas vinculadas, como “Saúde en Liña”, Xestión enerxética, Control de calidade e Alta tecnoloxía.

Rodrigo Rato: ex ministro en distintos gobernos do PP. Privatiza a empresa INDRA da SEPI cando era ministro de Aznar. Posteriormente Rato (Bankia) pasa a ser o seu principal accionista. Tralo crack de Bankia, Indra tamén sanease con diñeiro público, pero segue en posesión da xestión privada, millonaria, da Historia Clínica Electrónica e da Receita electrónica no SERGAS e controla os datos sanitarios dos galegos.

As caixas de aforros rescatadas con máis de 50.000 M de euros de cartos públicos: NGB, La Caixa, a CAM e Bankia (Ribera Salud). Son as principais beneficiarias da privatización galega. Coxestionan o NHV, o Grupo Nosa terra, as ampliacións dos hospitais CHOU e Salnés, Saúde en Liña, Cátering, telecomunicacións é Geriatros

O Consello de Administración do Fondo de Investimento Aforro 2000, onde están incluídas as empresas do Grupo Nosa Terra (Povisa) está formado por representantes de NGB, La Caixa, a CAM e Bankia, é dicir as entidades financeiras que forman a UTE do NHV son á súa vez copropietarias do Grupo Nosa Terra, e poderán xestionar o reparto da sanidade pública viguesa como mais lles conveña, coa colaboración de “saúde en Liña” e da concesionaria das ambulancias “Ambulevante


As consultoras como colaboradoras necesarias


En Galicia, malia que poucos as coñecen e ninguén as votou, estas consultoras están detrás do crack bancario e do seu rescate financiado con recortes e privatizacións, desta consultora provén o ministro de economía Luís de Guindos, o presidente do FROB e o secretario de Estado do Ministerio de Facenda, o da amnistía fiscal.

PWC publica tódolos anos un informe sobre “os dez temas candentes da sanidade española” coas recomendacións privatizadoras que Feijóo e Rajoy cumpren ao cento por cento.

PWC selecciona a UTE insolvente do NHV. O presidente do organismo público de crédito ICO, que aproba o préstamo de 30 M de euros para que Acciona poda seguir participando no financiamento “privado” do NHV tamén provén de PWC.

PWC (EFQM) asesora a implantación da xestión clínica en Galicia. E asesora e outorga as acreditacións de calidade nos hospitais do SERGAS e nas universidades Públicas.

Deloitte e PWC asesoraron a fraudulenta fusión de ambas Caixas galegas para formar NGB, que supuxo a perda de 9000 millóns de euros públicos e a cesión dos servizos públicos que xestionaban a empresas privadas vinculadas. Deloitte non veu ningún problema en Caixa Madrid, na saída a bolsa de Bankia nin nas contas de Bancaja nin do Banco de Valencia, ocultando buracos multimillonarios. Deloitte asesora a creación de Criteria, o banco da Caixa que é copropietario de Adeslas. O presidente de Netaccede (Cita Previa) é o exdirectivo de Deloitte Marcelino Otero, ata fai pouco presidente do Club Financeiro de Vigo, tamén auditado por Deloitte, co amparo de Silveira, presidente de Povisa. A empresa auditora de Geriatros é Deloitte e Galaria está presidida por unha directiva que provén de Deloitte. As contas de Povisa ata o ano 2011 as auditaba Deloitte e actualmente BDO, a mesma consultora imputada polo xuíz por falsear as contas de Pescanova, polo que non é descartable que a Xunta ceda a atención hospitalaria de parte da poboación do área de Vigo a unha empresa insolvente ou cun futuro pouco claro, para ser de novo rescatada con fondos públicos tras blindar a súa posición estratéxica no futuro sanitario vigués, como xa pasou coas caixas galegas.

A privatización do SERGAS é antidemocrática, xa que foi decidida unilateralmente polo goberno de Feijóo en contra das recomendacións dos organismos de control e da poboación e está plagada de conflictos de interese. As empresas favorecidas son caixas de aforros rescatadas con cartos públicos, fondos de investimento, constructoras insolventes e grandes empresas sanitarias, tecnolóxicas e de comunicacións vinculadas ao PP, e nas que moitos dos seus directivos están imputados pola xustiza. A oposición política, as organizacións comunitarias, sindicais e profesionais, os medios de comunicación e a poboación de Galicia saberán conseguir no parlamento, na rúa e nos tribunais de xustiza si é necesario, a paralización deste desmantelamento ilexítimo e seguramente ilegal do noso Servizo Galego de Saúde.
---


Análise da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública sobre a privatización Sanidade Pública Galega.


Un saúdo.
Manuel Martín
Portavoz Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública
669704177
mmargar1951@gmail.com

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
12 de fevereiro de 2014 11:11
 http://www.plataformadspferrol.blogspot.com

______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon