domingo, marzo 16, 2014

A acción veciñal consegue paralizar un outro ataque do goberno municipal aos espazos públicos - A veciñanza defende unha praza pública en Caranza fronte ao intento de covertela nun estacionamento de coches


A acción veciñal consegue paralizar un outro ataque do goberno municipal aos espazos públicos. |- A veciñanza defende unha praza pública en Caranza fronte ao intento de convertela nun estacionamento de coches.

Diante do conxunto 'Residencial Auditorio', promovido polas cooperativas de promoción de vivendas sociais de CCOO, existe unha praza pública que aínda que con carencias no seu equipamento en mobiliario urbano e de xogos infantís,  si é unha praza que a veciñanza utiliza para o xogo das crianzas e o paseo de maiores. Un amplo espazo para uso e goce da cidadanía.

Días atrás a veciñanza detectou movementos estraños con maquinaria pesada, nunha parcela sen urbanizar situada nas inmediacións da praza. Posteriormente construíuse unha rampla de acceso á praza para coches e se cambiaron os bancos de madeira de lugar, coa vantaxe de que se colocaron papeleiras das que carecía a praza.

Preguntados os operarios que realizaban as tarefas sobre os motivos da obra, estes contestaron que se estaba acondicionando un estacionamento para o Auditorio Municipal de Ferrol, situado na outra beira da praza, cruzando a estrada das Telleiras, que ía ser inaugurado este Sábado 15 de Marzo.

Ante este panorama a veciñanza alarmada pola realización desta operación sen ser consultada, nin informada, decidiu plantar cara ao asunto e presentar persoalmente as queixas e a súa oposición ante o despropósito municipal que pola vía dos feitos consumados pretendía a conversión dunha praza pública para uso e goce das persoas, nun aparcadoiro de coches. Iso si que ía ser provisional e que a praza ía quedar como estaba con anterioridade.

Para mais inri, a Asociación Veciñal de Caranza, considerada afín e submisa aos designios do goberno municipal do Partido Popular, como ven demostrando en numerosas ocasións, dera-lle o visto e prace ao concelleiro de turno para tal despropósito, sen ter en conta para nada, como xa é costume, a opinión da veciñanza do lugar.

Todo isto tendo a moi poucos metros un amplo estacionamento sen que apenas se utilice os fines de semana, como é o estacionamento da ESEPA.

A veciñanza decidiu impedir que a praza pública fora tomada polos coches, así desde primeiras horas da mañá tomou a praza.

Os responsábeis municipais xa acordaran, diante da decidida oposición veciñal, xestionar, como era lóxico, ante a ESEPA  a utilización do estacionamento militar.

A acción veciñal consegue paralizar un outro ataque do goberno municipal, do Partido Popular, aos espazos públicos. 

Do malgasto do Auditorio Municipal, falaremos outro día.


* Parcela Privada.
* Praza Pública.
* Auditorio Municipal.
* Estacionamento do Auditorio.
* Estacionamento da ESEPA.

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon