luns, marzo 10, 2014

A Asemblea de Apoio ás Marchas da Dignidade volve-se reunir o Martes 11 de Marzo, en asemblea aberta no Centro Cívico de Caranza

O 22 de Marzo, van confluír en Madrid diversas columnas de cidadáns dos distintos territorios e nacións do estado español, para dicir basta xa!, á política do goberno do Partido Popular e da Troika. Esta iniciativa chamada Marchas da Dignidade, está unindo a moitas persoas afectadas polas políticas inxustas e empobrecedoras dos diferentes gobernos corruptos e neoliberais.

En Ferrolterra está constituída unha Asemblea de Apoio que se volve reunir mañá Martes 11 de Marzo, ás 17:30hs en Asemblea Aberta no Centro Cívico de Caranza, para seguir organizando o apoio ás Marchas que partirán da nosa Comarca.

Esta Asemblea acordou convocar para o Venres 14 de Marzo, ás 18:00hs unha Concentración, na Praza do Callao, diante da oficina que representa en Ferrol a Gas Natural Fenosa, para denunciar a un dos responsábeis económicos da estafa chamada crise, responsábeis do empobrecemento enerxético de centos de miles de familias e que á hora de facer os buques gaseiros prefiren encarga-los en estaleiros de Xapón e Corea, e non face-los nos nosos que poderían dar emprego a miles de persoas.

Por último o Sábado 22 de Marzo, as Marchas da Dignidade conflúen en Madrid, onde terá lugar unha grande manifestación, ás 17:00hs, desde Atocha até Colón. Para o cal desde Ferrol imos fretar autobuses e tamén un tren que saen desde a estación da Coruña.

Para quen teña interese polas Marchas da Dignidade e desprazar-se até Madrid, facilitamos un correo electrónico columnacaranceira@gmail.com e un telefono 645158113.

Marcharemos ...
« Polo dereito ao traballo
« Polos dereitos sociais e o dereito a unha renda básica
« Polo dereito a unha vivenda digna
« Polos servizos públicos, a sanidade e a educación
« Contra a corrupción , os corruptos e os corruptores
« Contra o pago da débeda ilexítima que nos afoga
« Contra a estafa e o roubo bancario

Temos determinación para conseguir un cambio e ímo-lo demostrar marchando sobre Madrid o 22M. Estas marchas non teñen un carácter finalista, polo que despois do 22M, seguiremos marchando.

Asemblea das Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: columnacaranceira@gmail.com  | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com | Blogue galego : http://marchasdadignidade.blogspot.com  | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon