Comunicado de Prensa
Este venres, 14 de marzo, ás 18hs, as Marchas da Dignidade de Ferrolterra, convocamos a toda a cidadanía a concentrarse diante das oficinas de Gas Natural Fenosa, na Praza do Callao na cidade de Ferrol. | Son reponsábeis da pobreza enerxética que sofren moitos fogares, o que representa frío, miseria e enfermidade para miles de persoas... | Mostraremos a nosa indignación pola construción de catro buques gaseiros en estaleiros de Xapón e Corea do Sur por parte desta corporación, xunto con repsol, en lugar de construilos nos nosos asteleiros. | Necesitamos unha maioría social que se mobilice. animamos á xente a participar neste acto e o día 22 de marzo marchando sobre madrid, habendo buses programados dende a nosa comarca.
PAN, TRABALLO E TEITO
Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
Mentres que esta esmorece, cun 32% de paro, unha emigración constante da xente máis nova e a pequena empresa e o comercio teñen as horas contadas, estas multinacionais españolas, contratan en estaleiros do nordeste de Asia os catro buques que precisan (agardan contratar un quinto). Os estaleiros públicos de Ferrolterra, motor económico e social desta comarca, están sen carga de traballo, a penas un flotel que dará ocupación a 400 persoas do estaleiros de Ferrol, nada para o de Fene, mentres van máis de 3.000 postos de traballo perdidos, só nos estaleiros.
As Marchas da Dignidade chamamos a illar socialmente a estas multinacionais, a aborrecer a súa propaganda enganosa que di que a súa “enerxía está ao servizo das persoas”, que é unha “enerxía social”, que teñen “compromiso e sostenibilidade”... cando o que están construíndo é pobreza, miseria e destruíndo o medio ambiente, mentres amasan cantidades inxentes de beneficio.
Sen enerxía non é posible vivir. As Marchas da Dignidade queremos que sectores estratéxicos, dos que depende a vida das persoas, como é o sector enerxético, non este en mans destas multinacionais do saqueo. Grandes empresas que non lles importa deixar sen luz e calefacción a miles de familias con tal de que non mingüen os seus beneficios. Unhas corporacións que queren que as condicións laborais conseguidas por anos de loita nos estaleiros públicos (convenio, pagas, descansos, xornada de 8 horas, vacacións pagadas ...) desaparezan e deixen paso á precariedade, a xornadas interminábeis e a salarios de miseria.
O pobo, máis do 85%, a maioría social, temos que organizarnos, darlle as costas a estas empresas e aos seus gobernos, e buscar alternativas a este modelo enerxético xerador de pobreza. Debemos buscar alternativas a estes gobernos obedientes aos poderes económicos. Os gobernos deben gobernar para o pobo e co pobo, e ser insubmisos a estas grandes corporacións.
Chamamos á conciencia e ao compromiso de toda a cidadanía. Temos que conseguir que unha maioría social se mobilice fronte ao grande poder destas multinacionais. Xuntas e xuntos podemos! O venres 14 diante de Gas Natural Fenosa, e o día 22 de marzo, marchando sobre Madrid.
Ferrolterra, a 11 de Marzo, de 2014
Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra
Contacto: columnacaranceira@gmail.com | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com/ | Blogue galego : http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/
Para quen teña interese polas Marchas da Dignidade e desprazar-se até Madrid, facilitamos un correo electrónico columnacaranceira@gmail.com e un telefono 645158113.
Marcharemos ...
« Polo dereito ao traballo
« Polos dereitos sociais e o dereito a unha renda básica
« Polo dereito a unha vivenda digna
« Polos servizos públicos, a sanidade e a educación
« Contra a corrupción , os corruptos e os corruptores
« Contra o pago da débeda ilexítima que nos afoga
« Contra a estafa e o roubo bancario
Temos determinación para conseguir un cambio e ímo-lo demostrar marchando sobre Madrid o 22M. Estas marchas non teñen un carácter finalista , polo que despois do 22M, seguiremos marchando.
Enviado por:
columna caranceira
-columnacaranceira@gmail.com-
14 de março de 2014 12:12
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon