mércores, marzo 05, 2014

Unha outra denuncia do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, contra a Autoridade Portuaria, ante a Fiscalía

Tags


Nova denuncia do CCE, contra a Autoridade Portuaria, ante a Fiscalía


O Comité Cidadán de Emerxencia solicitou hoxe ao Fiscal Xefe do TSX Galicia  abrir unha investigación no seo da Autoridade Portuaria de Ferrol-S. Cibrao polo uso dos fondos públicos asi como o conxunto de ilegalidades contra a Ría ao longo destes últimos anos.

Esta denuncia faise despois de que os medios publicaran, a resultas dunha auditoria da Intervención Xeral do Estado, os gastos improcedentes e o cobro de dietas por parte de membros do Consello de Administración, sen sequera asistir as reunións.

Formulamos que a investigación por parte da Fiscalía debe abarcar dende o  2001 en adiante.

É preciso lembrar a destitución do presidente Guillermo Caramelo por opoñerse a instalación da planta de gas no interior da Ría, por parte do entón Conselleiro de Ordenacion –Sr. Cuiña-,  e súa substitución por Guillermo Grandio. É a partires de entón, cando comeza  o cúmulo de ilegalidades da Autoridade Portuaria a favor de Reganosa, así como o novo modelo de remuneracións. Lembrar, entre outras cousas, que, Guillero Grandío suscribíu unha poliza sde seguros a favor dos conselleiros e dos seus conxuxes por si algún dos acordos tomados foran declarados ilegais polos tribunais.

O CCE veu denunciando dende entón estes feitos.

---


Fiscalia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Fiscal Xefe: D. Carlos Varela Garcia

Luz Marina Torrente López, con DNI ----, enderezo a efectos de notificacións en ---- Mugardos (A Coruña), en nome e representación da “PLATAFORMA DE VECIÑOS CRUCEIRO DE MEHA (MUGARDOS)” co número de CIF ----.

Manuel Ángel Rodríguez Carballeira, con DNI ---------, enderezo a efectos de notificacións en ……… Fene (A Coruña), en nome e representación da “ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN” co número de NIF ------.

Humberto Fidalgo Couce, con DNI ------, enderezo a efectos de notificacións en ------- Ferrol (A Coruña), membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, en representación de ADEGA Ferrolterra.

Asociacions integradas no COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL .

A través do presente documento, poñen en coñecemento do Fiscal Xefe os seguintes feitos:

Recentemente a través dos medios de comunicación puidemos coñecer que, segundo a Auditoría realizada pola intervención xeral do estado (IGAE) no ámbito da Autoridade Portuaria de Ferrol-S.Cibrao, período 2012-2013, detectáronse uns gastos improcedentes de 344.000 €., e tamén recolle a citada auditoría ata once incumprimentos da legalidade, incluídos o pago de dietas aos conselleiros que conforman o consello de administración, sen asistir ás reunións, sistema que rexe desde o 29 de outubro de 2002 sendo presidente Guillermo Grandío Chao.

Debemos lembrar que desde o Comité Cidadán de Emerxencia, e diferentes entidades cidadáns - ao longo destes últimos anos- viñemos denunciado as diferentes transgresións da legalidade por parte da Autoridade Portuaria de Ferrol-S.Cibrao, precisamente desde que Guillermo Grandío foi designado Presidente da institución, a saber:

En maio de 1997, a Autoridade Portuaria autorizou un recheo de 59.500 m² en Punta Promontorio, solicitado por "Forestal del Atlántico  S.A.". O proxecto non incluía  ningún dragado. O pretexto da solicitude era o incremento de tráfico de fletes para dito complexo petroquímico. Finalmente, autorizouse a ampliación do recheo ata 90.000 m², con medidas de prevención para os bancos marisqueiros de A Barca e de Santa Lucia. A obra executouse entre os anos 1999 e 2000 acadando a cifra de 123.000 m² de recheos, aparte dun dragado para lograr un calado de 14 metros (cando segundo a autorización de ampliación só contaba con autorización ata 12,5 metros de profundidade).

Segundo a Lei de Costas, por ter excedido o 10% da superficie de recheo e do dragado respecto ao proxecto inicial, a Autoridade Portuaria debería abrir de oficio un expediente para retirar a concesión marítima-terrestre a Forestal del Atlántico S.A. e volver todo ao seu estado orixinal. Pero o 31 de Xaneiro de 2001, a acta de recoñecemento final da obra foi aprobada polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Días despois, o 16 de febreiro, foi cesado o seu Presidente, Guillermo Romero Caramelo, porque se opoñía a que a planta de gas se construíse neste recheo. O entón Presidente ofreceu a Forestal del Atlántico a posibilidade  de que os excesos do recheo e do dragado fosen aprobados, a cambio de que a planta de gas se localizase no Porto Exterior que, xa nese momento, tiña aprobado o proxecto para a súa instalación pola mesma Autoridade Portuaria. Na maña do día 15 de febreiro de 2001 fíxollo saber ao daquel entón, Conselleiro de Ordenación do Territorio, José Cuiña, quen á tarde dese mesmo día, como resposta, ordenou o seu cese, nomeando como sustituto a Guillermo Grandio.

O novo presidente aprobou todo o que o anterior non aceptara, comezando por autorizar a empresa Forestal del Atlántico transferir a Reganosa o 40,2 % de esta concesión marítimo - terrestre, e autorizar un cambio de usos respecto aos que inicialmente tiña autorizados Forestal del Atlántico. A transferencia dunha concesión ou parte non está contemplada no procedemento de concesións para uso de zona pública. Forestal debería renunciar á súa concesión e Reganosa debería iniciar un procedemento novo.

En outubro de 2001, a Dirección General de Política Energética y Minas, pide a Guillermo Grandío que responda por escrito si desde a proxectada localización de REGANOSA se podía cumprir a saída de emerxencia dos gaseiros. O novo presidente da Autoridade Portuaria respondeu que "é necesario tamén asegurar a saída de emerxencia dos buques gaseiros segundo require a norma EN-1532", é dicir, contesta cunha obviedade eludindo dar unha resposta concreta. Ante a presentación de sucesivos contenciosos por parte deste Comité Cidadán contra as decisións do Consello da Autoridade Portuaria en relación a Reganosa e ante o temor de que lles puidesen condenar a costas, danos e prexuízos o 31 de octubre de 2002, comunica ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria, que suscribiu unha póliza de responsabilidade civil para os conselleiros e os seus cónxuxes a fin de que poida cubrilos no caso de que por algunha actuación, un tribunal lles requira responsabilidades.. A póliza, cobre por varios centos de millóns de euros, pagada con diñeiro público, as irresponsábeis decisións do Consello de Administración.

Non é de estrañar que coincidindo con esas datas se modificáse a asignación de dietas por asistencia aos Consellos de Administración, segundo consta nas noticias recentes na prensa. Ao incluír a posibilidade de cobrar sen asistir ás reunións sempre que se delegue o voto, facilitaba aos asistentes a toma de decisións comprometidas relacionadas coa planta de gas de Reganosa.

Desde a posta en funcionamento da planta de gas, diferentes gaseiros cargados con GNL con destino a Reganosa, entraron na Ría de Ferrol vulnerando as condicións recollidas na Resolución da Dirección General de Política Energética y Minas dependente do Ministerio de Economía (13/02/2004) e na normativa de entrada, atraque e desatraque de gaseiros, sen que a Autoiridade Portuaria adoptase medida algunha na defensa da legalidade  a pesar de que foron denunciadas oportunamente e directamente á Autoridade Portuaria así como á Dirección General de Marina Civil do Ministerio de Fomento.

Temos constancia que numerosos buques incumpriron as normas vixentes. A relación de infractores é a seguinte:

Dous gaseiros no ano 2008 (Bilbao Knutsen, LNG Rivers); cinco en 2009 (Finima, Cadiz Knutsen, Hispania Spirit, Madrid Spirit, LNG Lokoja); tres en 2010 (Catalunya Spirit, Cheik el Mocrani, Iberica Knutsen) , sete en 2011 (Barcelona Knutsen, Cheik el Mocrani, Britisk Merchant, Finima, Iberica Knutsen, LNG Lagos, LNG Port Harcourt) ; 3 en 2012 (Cheik el Mocrani, Excellence, Hispania Spirit), un en 2013 (Barcelona Knutsen) e 8 entradas nocturnas. Dúas delas (Enegu e Iberica Knutsen) mesmo cando estaba terminantemente prohibido nas Normas de Navegación.

A modificación de febreiro de 2012, que autoriza a manobra nocturna, está baseada en suposicións que non son certas: existencia dunha iluminación permanente dos castelos A Palma e San Felipe e duplicación da boia do Segaño.

Nas simulacións realizadas para xustificala non considera posibles avarías nin nos remolcadores, nin no gaseiro, esixidos pola norma ROM 3.1 porque poden ocorrer en calquera momento. Temos recente  experiencia que o confirma, con dous barcos en menos dun mes que quedaron á deriva preto da costa ferrolá por avarías.

Tamén se realizaron tres operacións de descarga de buques  conxuntamente en Reganosa (gas) e Forestal (hidrocarburos), en 2009, 2013 e 2014,sendo a distancia entre ambos barcos menor dos 200 metros que fixan as normas. Esta situación multiplica os riscos en caso dunha posible emerxencia polo efecto dominó entre os buques e as mercancías que transportan.

Como única resposta ás sucesivas denuncias sobre estes incumprimentos, a Autoridade Portuaria foi realizando sucesivas modificacións das Normas de Navegación para gaseiros cargados (catro versións diferentes desde a posta en marcha da planta), de modo que en cada nova versión rebaixaban as esixencias en canto a manobras diúrnas, permitindo a entrada de buques gaseiros con maior velocidade de vento e mar de fondo, incluso coa marea baixa. Van permitindo a entrada de gaseiros cada vez de maior tamaño. Autorizan o uso de remolcadores de menor potencia e prestacións, reducindo o seu número, e anulando a esixencia dun remolcador de garda en Reganosa e outro en espera no peirao.

Todos estes requisitos non son aleatorios, se non consecuencia directa da aplicación da norma EN-1532 e os condicionantes propios da canle de entrada, e aínda así segue sen cumprir coa esixencia de poder saír da ría (afastarse da planta en caso de emerxencia) en calquera momento e condición de marea e vento, podendo pór en perigo a toda a poboación de Ferrolterra.

Algunhas destas modificacións están baseadas en simulacións e estudos realizados en centros públicos como o CEDEX ou estranxeiros como Marin, pero outras son froito de supostos e consideracións máis ou menos desafortunadas, que non resisten a menor análise técnica e algúns simplemente seguen sen cumprirse, e ningunha autoridade fai nada para esixir o seu cumprimento.

A planta de Reganosa ven utilizando fraudulentamente auga captada na Ría (13.200 m³/h) para o proceso de regasificación, incumprindo as condicións establecidas na autorización que lle outorgou a Administración e que establecía un sistema de circuíto pechado para a regasificación. Centos de miles de toneladas de auga son esterilizadas diariamente, utilizando hipoclorito sódico para evitar bioincrustaciones nas instalacións, que son verquidas posteriormente na Ría. As augas así verquidas sofren ademais un brusco proceso de arrefriamento superior aos 6º C. Estes feitos, aceleran a destrución do ecosistema da Ría  provocando a morte de larvas, ovas, especies, plancton, alterando a cadea trófica alimentaria coas conseguintes consecuencias medioambientais e económicas. Todas estas actuacións son consentidas, toleradas e amparadas pola Autoridade Portuaria.

Segundo a autorización de construción da que dispón Reganosa, esta empresa  debe manter un registro en continuo da cantidade de auga captada e vertida ao mar, así como un rexistro en continuo da temperatura da auga, ph e cloro das verteduras. Os responsables de Augas de Galicia -organismo dependente da Xunta de Galicia- fan desleixo das súas funcións consentindo que Reganosa  lles facilite os valores medios diarios, que non son significativos aos efectos reais da vertedura, en lugar de ser os técnicos deste organismo os que leven o control dos vertidos en continuo.

Os efectos perniciosos dos recheos, dos vertidos de Forestal 399.475 Tons/diarios concedidos- e do sistema de regasificación, non só afectan directamente aos bancos marisqueiros de Sta. Lucia, A Barca e Noville, anexos a Punta Promontorio, senón ao conxunto do ecosistema da Ría de Ferrol. Non é casual a merma do volume das capturas e tamaño das ameixas que se rexistran na actualidade. Sirvan de exemplo, os datos aportados pola propia Consellería do Mar, referentes á ameixa babosa (especie máis característica de  Ría de Ferrol), en 1997 os mariscadores extraeron 710.761 kg, no 2011, 92.656 kg.

No ano 2011  a Autoridade Portuaria de Ferrol realizou o dragado dos fondos mariños da canle de entrada da Ría de Ferrol, a pesar de que en outubro do ano 2001 a Autoridade Portuaria, a preguntas do Ministerio de Economía, afirmara categoricamente que "os estudos indican que non é necesaria a modificación da canle de navegación e as repercusións da operación dos metaneros non deben implicar modificacións substanciais adicionais ás xa coñecidas polos buques que operan na actualidade". Estes fondos mariños polas súas características e riqueza biolóxica pertencen á Rede Natura e están incluídos no LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) -Costa Artabra ES1110002-.

A Autoridade Portuaria de Ferrol-S.Cibrao -dependente do Ministerio de Fomento- desestimou as alegacións presentadas polos colectivos cidadáns e adxudicou as obras financiadas con recursos dos fondos de cohesión europeos, apesares do Informe dos técnicos da Delegación Territorial da Consellería do Medio Rural, no que se advertía da incompatibilidade da obra coa lexislación vixente. O cargo político correspondente obviou este informe técnico e deu o visto e prace ao dragado.

Ante os feitos relatados, e tendo coñecemento do seu compromiso contra a corrupción institucional Solicitámos que por parte desta Fiscalía se abra unha investigación sobre o uso dos fondos públicos por parte desta institución, comezando desde o nomeamento para a Presidencia de Guillermo Grandío, así como sobre as actuacións ao marxe da legalidade que vimos de relatar.

Ferrol,a 3 de marzo de 2014

Asdo.
Luz Marina Torente López | Manuel A. Rguez. Carballeira | Humberto Fidalgo Couce

---
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • PLANTA DE GAS PECHE XA !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA   !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas ?

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
4 de março de 2014 14:12
_______________

Foto de Xoán Porto - CC BY-NC-ND- en Praza Pública.
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon