luns, maio 12, 2014

Enquisas a prol do sistema, ... Por Xosé Cid

Por Xosé Cid [*]
12.05.2014


Estes días fixéronse públicas dúas enquisas, unha de Sondaxe e outra do CIS. As dúas teñen varios aspectos en común: presentan os dous grandes partidos estatais como vencedores e fortalecidos malia todos os vendavais socioeconómicos sucedidos e provocados. E por suposto, deixan as posicións de esquerdas e nacionalistas en porcentaxes moi recortadas ou ben por baixo do que hai unhas semanas se prevía.

En canto ás estimacións e proxeccións de voto da empresa Sondaxe, sucede ademais algo sorprendente: AGE pasa de ter moi boas expectativas hai pouco máis dun mes, a situarse por debaixo do 10%. Advirten, iso si, de que estas previsións están pendentes de que se decante aínda máis dun 30 % dos votantes.

Rapidamente, ou simultaneamente, aparecen en La Voz de Galicia varios artigos explicando por que tanto AGE como o BNG van obter uns resultados pouco alentadores.

No caso do BNG a explicación é moi fácil pra os comentaristas políticos. Estarían pagando a súa alianza con EH-Bildu, e aclaran que iso é tanto como aliarse con Herri Batasuna. Só un puntiño de contención lles impide dicir o que realmente pensan e lles gustaría publicar: que o Bloque vai aliado cos vellos militantes de ETA. E se puidesen facelo, non perderían a ocasión de escribir «de la ETA», algo que podería provocarlles auténticas ondanadas de pracer psicopolítico.

E con AGE parece que algúns comentaristas estiveron moi atentos a coleccionar todas as eivas pra explicarnos as causas dun claro descenso, dende o 14% nas autonómicas a este suposto 10% das europeas. O que pasou é que Anova/AGE fixo moi mal as cousas, afirman. Primeiro montamos o numeriño co caso da deputada que denominan «díscola». Despois resulta que Beiras fixo unhas declaracións extemporáneas –sinalan– e politicamente moi incorrectas, ao afirmar que en Galicia non existía iso que eles chaman o «fenómeno del terrorismo». E finalmente, pra acabar de completar o faco, tamén lles parece tremendo que en Anova houbese diferentes posicións políticas e que estas se aireasen nos medios con total impudicia.

En ningún momento se lles pasou pola cabeciña explicarnos como se entende que ao PP só lle custe un punto e medio porcentual –que dirían os comentaristas– todas as falcatruadas, todos os desamaños e desastres económicos e sociais provocados pola súa política de destrución «do todo», que diría Cunqueiro. Políticas do goberno central que nos afectan, e políticas do desleixo e do encubrimento da corrupción en Galicia que padecemos en primeiro termo. Iso si, volven andar por aí bailando uns contratos pra Navantia, sempre tan ao xeito.

A  liquidación fraudulenta das caixas a ninguén lle pareceu un espolio,  a estafa aos aforradores non conta, o paro en aumento deica hai catro días e que tardará moito en chegar a onde estaba en 2011 tampouco ten consecuencias electorais, a emigración de miles de mozas e mozos é irrelevante, os intentos de privatización da sanidade a ninguén lle importan, ao parecer; as relacións do presidente Feijoo con narcos non pasan de ser unha trasnada simpática, as ducias de casos de corrupción que atinxen a cargos municipais e á propia portavoz do goberno de Feijoo, Paula Prado, seica son «peccata minuta». Todo iso a xente non o ve, non o valora, seica, e polo tanto non se vai reflectir nas eleccións europeas. Iso é o que nos están contando.

Ou sexa, segundo os comentaristas políticos, os do PP son uns auténticos magos. A Feijoo acabarán chamándolle «Alberto Houdini». Víchelo? (o espolio xeral). Xa non o ves! Ou como dicimos en galego: «víchesme eiquí onte». Que pra Paula Prado sería algo así como: «Si me has visto ni te acuerdas».

A xente, a opinión pública, veñen dicirnos, seica está escandalizada polas pugnas democráticas internas de Anova. Pero a ninguén lle parece raro que Príncipe, poño por caso, fale coa boca chea e sen cortarse un pelo contra Caballero todas as semanas na radio e na TV. A xente, a opinión pública, é tremendamente sensible ás miudallas insignificantes que poden afectar a nosa imaxe. Pero non ve, nin sente, ao parecer, as consecuencias das políticas de Feijo e de Rajoy.

E el será certo todo iso que nos contan? Persoalmente non o creo. En outubro de 2012 publicouse, é posible que en La Voz, que AGE acadaría un deputado. Algúns andabamos daquela por aí dicindo medio en broma: «Anova nove». E foron nove de AGE, que era o implícito no prognóstico.

Non creo que o PP obteña en Galicia tan bos resultados como predín, cun desgaste tan lene. Non creo nin acredito –como agora tanto se di–, niso de que o PSOE pasa en Galicia do 20% ao 29% en quince segundos. Non trago ese conto de que AGE vai caer por debaixo do 10%. Non me parece crible en absoluto que todas as enquisas previas que lle daban máis dun 12% á coalición Izquierda Plural no Estado estivesen erradas e agora resulte que sairán cinco deputadas/os case raspando. E tampouco me cheira ben iso de que UPyD vai obter tan alta porcentaxe como se nos anuncia.

Teño pra min que todo isto non é máis ca propaganda do sistema en forma de enquisas, propaganda pagada, obviamente. Un síntoma de que os dous grandes partidos temen seriamente perder o control do tinglado electoral.

[*] Xosé Cid, xsocide@terra.com.
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon