venres, xuño 06, 2014

En Ferrol o 6 e 7 de Xuño, III Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia - AGAMME - Pobreza e violencia estrutural

Tags

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza as “III Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia. Pobreza e violencia estrutural”, nas que contrastados investigadores e profesionais analizarán de qué maneira a actual política de recortes en servizos públicos está a afectar aos dereitos básicos da infancia. As charlas terán lugar no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204), o venres 6 de xuño de 17.00h a 21.00h e o sábado 7 de xuño de 10.00h a 14.00h.

Como cada ano, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), celebra as súas Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia que, dende unha perspectiva ampla e multidisciplinar, analizan aqueles problemas sociais afectan aos dereitos dos nenos e as nenas no noso país. Estas terceiras xornadas levan por título “Pobreza e violencia estrutural” e nelas profundizarase na perda de dereitos da infancia que o actual panorama socioeconómico está a causar, levando a un terzo dos nenos e nenas do Estado español aos lindes da exclusión social, tal e como recentes informes publicados veñen de constatar.

Deste xeito, a primeira cita das Xornadas, o venres 6 de xuño, componse dunha serie de relatorios que ofrecerán unha radiografía do actual contexto económico, político e social. As palestras darán inicio, ás 17.15h coa intervención de Diego Costoya, do xornal marxista El Militante, que ofrecerá unha análise da actual situación económico-política que nos leve a saber algo máis do que se agocha tras a tan nomeada “crise”. Ás 18.00h. o profesor David Álvarez, da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía de Portugal, afondará dende un punto de vista da epidemioloxía social as distintas tipoloxías de violencia que se están a dar na sociedade contemporánea. Xa ás 19.15h chegaralle a quenda a Fernando Blanco, membro de Esculca. Observatorio Galego dos Dereitos Humanos, que nos falará dos centros de menores en Galiza, baixo o título “Centros ou cárceres de menores?”. Para rematar esta primeira parte das xornadas, Santiago González Avión, sociólogo e membro da Asociación Diversidades falaranos da transmisión xeracional da pobreza en Galiza.

A segunda parte das xornadas, desenvolverase na mañá do sábado 7 de xuño, e analizará os efectos que a actual política de austeridade e recortes en servizos públicos está a provocar en nenos, nenas e adolescentes. Para comezar, ás 10h, celebrarase unha mesa redonda sobre educación, na que participarán Guillermo Díaz, do Sindicato de Estudantes, Xabier Sánchez, da Federación ANPAs de Ferrolterra, e Lupe Ces do CEIP M. Masdías de Ferrol. A seguir, ás 11h, analizaranse os principais problemas que deben afrontar os nenos e nenas discapacitados, nun relatorio que correrá a cargo de Lidia Martín, traballadora da Asociación Sociocultural “ASCM” de Persoas con Discapacidade. Ás 11.20h tócalle a quenda a Beatriz Dorrío, psicóloga do Patronato Concepción Arenal, que nos falará dos nenos inmigrantes, da perda de dereitos legais e das afeccións psicolóxicas que experimentan as crianzas que teñen que deixar o seu país de orixe. Xa ás 11.40h, da man de Inacio Martínez, de STOP-Desafiuzamentos afondaremos na perda do fundamental dereito á vivenda.

Logo dunha pausa para o café, afrontaremos a recta final das III Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia. Pobreza e violencia estrutural. Ás 12.30h Raúl Asegurado, educador nun centro de menores, falaranos de protección de menores. Ás 12.50h, Inés Fernández, da ONG Médicos del Mundo, analizará as dificultades para o acceso á cobertura sanitaria dos máis pequenos no Estado español. Por último, ás 13.10h, Cristina Martínez, de Mulleres Xuristas Themis, afondará en cómo a actual política de recortes afecta á defensa legal das crianzas. Ao remate desta última intervención, abrirase un debate co público asistente, no que participarán todos os profesionais e especialistas que interveñen nesta xornada do sábado.

Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores agradecemos a asistencia e difusión das Xornadas. Enviamos adxunto o cartel das mesmas e o díptico coa información puntual de cada intervención. Se desexan máis información poden solicitala nos teléfonos 636142012 / 616035193 ou no enderezo electrónico agammeferrol@gmail.com.

Web da asociación:
http://www.agamme.org/




Enviado por:
Foro Social de Ferrol Terra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
5 de junho de 2014 11:25
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon