xoves, xullo 24, 2014

O grupo municipal de Esquerda Unida considera totalmente improcedente a actitude do goberno do PP en todas as materia relacionadas coa área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade

Esquerda Unida acusa ao goberno de Rey Varela de submisión completa aos intereses partidistas e de dar de lado aos problemas fundamentais de Ferrol | Esquerda Unida solicitou no transcurso da Comisión informativa de hoxe unha reunión urxente e extraordinaria da xunta de voceiros | Para o grupo municipal é preocupante o nivel do combinado que se amosa: desleixo, prepotencia, desinformación e incapacidade.

O grupo municipal de Esquerda Unida considera totalmente improcedente a actitude do goberno do PP en todas as materia relacionadas coa área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade.

Hoxe día 23 de xullo celebrouse unha Comisión Informativa na que só figuraba como iniciativa do goberno municipal a dación de contas sobre outorgamento de licenzas. Seis puntos na orde do día e todos de trámite administrativo. Nada sobre os temas importantes que afectan á área, que están dunha forma ou outra na boca da cidadanía e no papel da prensa, pero que non lle importa o máis mínimo ao goberno da cidade. Enumeramos:

Primeiro: Nada sobre as supostas negociacións do concelleiro Pablo Cal coa Xunta a propósito dos recortes en materia de transporte público. Seica non pode salvar o transporte público en Ferrol Vello nin as conexións aos centros hospitalarios. Pero da igual: declara un despropósito e segue no cargo. Nada dos regalos á empresa concesionaria que vai sacar da “reestruturación negociada” novas liñas con beneficio económico pero que non van compensar as mal chamadas deficitarias. Nada, pois, de información dun asunto de especial importancia para o público. Nada da defensa dos intereses de Ferrol e do interese xeral.

Como a cousa vai en serio a pesar de que eles seica o toman en broma e o día catro de agosto conclúe o prazo de alegacións, sen que se dignaran a entregar a máis mínima información de nada nin a cargos institucionais e grupos nin a veciñanza e órganos de participación, o grupo de Esquerda Unida por boca do seu voceiro solicitou unha reunión urxente e extraordinaria da xunta de voceiros.

Segundo. Nada da orde da Consellería de Economía e Industria sobre ampliación orzamentaria da subvención convocada en marzo do 2014 sobre subvencións a concellos en materia de mellora de mercados municipais. Nada porque se nada ocorreu na primavera menos en período estival. Mentres, os mercados municipais están como están, ás espera que os salve o Valedor do Pobo.

Terceiro. Nada relativo ao seguimento do período expositivo do Plan Especial de Ferrol Vello que, se ben non entrou aínda en fase de alegacións, si está notificada a aprobación inicial a través do BOP con relación publicada de propietarios e particulares afectados. Os interesados están a acudir as dependencias de Urbanismo e estanse a producir atoamentos na atención aos interesados. Non tantos como nas listas de espera do SERGAS pero si suficientes como para que non se poda valorar positivamente desde o punto de vista da necesaria organización que se require por parte da administración para facilitar a participación veciñal. Nada, por suposto, da información por parte da empresa redactora, in situ é dicir, no barrio ,que foi prometida pero non cumprida. Agardemos.

E concluímos, porque por algún lado hai que concluír: Javier Galán, voceiro de Esquerda Unida, ten vinte e dúas preguntas acumuladas en Comisión Informativa que se transcriben acta a acta na medida en que se reitera nas cuestións formuladas en sesións anteriores porque aínda non foron respondidas. Hai de todo: remate do asfaltados de rúas e obras, estado da “cidade Xardín”, informe sobre reparación de vivendas en Recimil, informes e peticións de diversas asociacións de veciños, reparacións de beirarrúas, obras en colexios públicos.

Hai unha que ten especial interese, a pesar de tratarse dun asunto particular, polo escandaloso que é sempre unha vivenda sen saneamento. Desta última polo empeño teimudo na interpelación si houbo contestación: é unha petición comprensible “pero non temos cartos”. E os señores Carro, Cal e Reyes (o señor Evia non estaba presente) seguen nos seus cargos.

O dito: nada de nada. A todos eles pegóuselles a enfermidade política que xa é clamorosa no alcalde: submisión aos intereses do partido. Para cando un alcalde ou alcaldesa insubmisa?

Ferrol 23 de xullo de 2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
23 de julho de 2014 13:34
Bo día. Remitimos nota do grupo municipal pola que se denuncia a actitude de desleixo do alcalde e do  seu goberno, nomeadamente, en materias referidas a área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade. Non é que as demais sexan mellores pero a prepotencia e incompetencia dos concelleiros delegados desta está a chegar a límites descoñecidos. Boa tarde de verán e un saúdo, Jorge Suárez Secretario de Comunicación.
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon