Nos locais da Asociación Veciñal de Ferrol Vello, no Porto de Ferrol, nova sede temporal da Federación de Asociacións Veciñais de Ferrol 'Roi Xordo', onte 29 de xullo de 2014, reuníronse partidos, sindicatos e asociacións, para abordar o novo plano de reestruturación das liñas de autobuses urbanos que se pretende implantar en Ferrol que tamén afecta aos concellos de Narón e Neda (concellos que xa anunciaron o seu desacordo co mesmo), plano que reduce considerabelmente os servizos de autobuses que na actualidade se lle prestan á cidadanía.
Á xuntanza achegaron-se representantes da AVV Caranza, AVV Zona Centro, AVV Ferrol Vello (federada e con representacio propia), AVV A Graña (federada e con representación propia), AVV de Esteiro (federada e con representación propia), AVV Canido (federada e con representación propia), Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO, grupo municipal do PSde G - PSOE, PODEMOS, BNG, Esquerda Unida e Espazo Ecosocialista Galego.
As entidades participantes na xuntanza acordaron:
- Rexeitar a proposta de modificación do convenio que regula o transporte público metropolitano da comarcal de Ferrol así como os acordos acadados entre a Xunta de Galicia e a empresa Tranvías de Ferrol, concesionaria do servizo.
- Denunciar a actitude pasiva do goberno municipal de Ferrol así como a falta de información e o escurantismo do conxunto do proceso chamado de "reestruturación" e que non é outra cousa que un pacto entre empresa concesionaria e administración para asegurar unha progresión na rendibilidade da empresa a costa de cargar sobre as usuarias a viabilidade da concesión do servizo.
- Reiterar a defensa dun transporte terrestre metropolitano como servizo público e rexeitar a posibilidade de introducir categorías alleas a unha concepción da rendibilidade social como criterio reitor a efectos de xestión do público: o goberno municipal de Ferrol debe defender o transporte metropolitano como servizo á cidadanía e, en ningún caso, debe subsumirse esta defensa a intereses empresariais. O transporte de Ferrolterra é una concesión e está suxeita a unhas condicións fóra do interese mercantil.
- Instar ao goberno municipal a proceder a presentar alegacións á modificación do convenio que regula a xestión do transporte metropolitano e, especificamente, esixir a anulación dos acordos que reducen as liñas que xestiona Tranvías de Ferrol SA a unha mera concesión de interese empresarial.
- Intervir no pleno municipal do día 31 do presente actuando como voceira a presidenta da Federación Veciñal Maite Fernández.
- Participar e apoiar a mobilización convocada polo movemento asociativo de Narón o xoves 31 ás 20:00 h diante da praza do Concello de Narón na procura da máxima unidade de acción do movemento veciña e asociativo da comarca, extensible á zona rural de Ferrol e asociacionismo veciñal da Ría.
- Convocar á cidadanía da Comarca a unha xornada de defensa do transporte público metropolitano a desenvolver a mañá do venres 1 de agosto ás 12:30hs e na rotonda do Diapasón como acto en defensa do transporte público en Ferrolterra.
Foto de Nemigo (creativecommons).
Enlace relacionado:
Ártabra 21: Autoconvocatoria de Asemblea Cidadá ante a proposta de restruturación de liñas e frecuencias da rede de transporte público de Tranvías de Ferrol
Información baseada na enviada por:
Federación Veciñal 'Roi Xordo'
-roixordo@galicia.com-
29 de julho de 2014 23:14
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon