mércores, setembro 17, 2014

A Alternativa Galega de Esquerda reclama á Xunta que actúe para protexer os fondos da biblioteca e da hemeroteca do Ateneo Ferrolán


O Concello de Ferrol xoga a asfixiar a histórica agrupación cultural malia que os materias que atesoura pertence á rede de bibliotecas de Galicia e contan cunha figura especial de salvagarda


As obras de mellora do edificio cedido polo Concello de Ferrol ao Ateneo da cidade, realizadas entre 2010 e finais de 2012, desembocaron nun ataque do Partido Popular á unha das institucións culturais senlleiras da cidade, por extensión, do país. Os seus importantes fondos de hemeroteca e biblioteca -con coleccións de máis de 450 cabeceiras e 7.500 volumes, respectivamente- atópanse en mans da empresa Mudanzas Félix, que reclama 39.000 euros pola súa almacenaxe durante o tempo que durou a reforma. O concello, gobernado polo PP e cun alcalde mergullado na Operación Pokemon, négase a pagalos, aínda que adquirira o compromiso previo de facelo. “O Ateneo, fundado en 1879, sempre tivo problemas en épocas de ditaduras e de réximes autoritarios. Agora é o PP de Ferrol, de xeito sibilino, que ataca a institución”, expuxo esta mañá o seu presidente, Eliseo Fernández, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia coa viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda Yolanda Díaz e o deputado Xabier Ron.

Precisamente o grupo parlamentario de Díaz e Ron esixiu á Xunta que asine un convenio de colaboración co Ateneo que “garanta as condicións materiais necesarias para que os fondos da biblioteca hemeroteca teñan condicións óptimas de preservación e consulta nas dependencias” da agrupación. Mañá, na comisión parlamentaria de cultura, Alternativa Galega de Esquerda defenderá unha proposición non de lei (pnl, no documento anexo) neste sentido. ”Pedimos este convenio coa Xunta”, explicou Yolanda Díaz, “para que sufrague o gasto do almacén e os materiais do Ateneo volvan ao seu lugar. Se o PP non o acepta, será unha actitude delitiva, e non só en termos metafóricos”. A biblioteca do Ateneo de Ferrol está declarada polo Goberno autónomo como de “titularidade privada de especial interese” e dende 1996 intégrase na Rede de Bibliotecas de Galicia. “Todo este asunto”, denunciou o parlamentario Xabier Ron, “tamén amosa a incompetencia do responsábel de Cultura na Xunta, o señor Anxo Lorenzo, que a preguntas dos xornalistas respondeu que non coñecía o tema”.

Eliseo Fernández ofreceu datos da efectiva mestura de ineficacia e mala vontade do Partido Popular das administracións local e nacional. “Os 39.000 euros que reclama Mudanzas Félix serían menos se o concello cumprise o seu compromiso e pagase nada máis rematar as obras no Ateneo, a comezos de 2013”, lembrou. A reforma do edificio, situado no histórico barrio da Ilustración, a Magdalena, custou un millón de euros así que, engadiu Fernández, “non se entende que o concello non pague agora os 39.000 euros que o Ateneo non ten”. O alcalde ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, nin sequera recibiu á dirección do Ateneo, malia que esta llo solicitou en repetidas ocasións, xa dende antes de que estourase o problema actual. “O que vemos é como o PP aposta por aparatosas infraestruturas culturais baleiras”, concluíu o presidente do Ateneo, o historiador Eliseo Fernández, antes de remachar: “Nós pedimos sensibilidade, comprensión e xustiza”.

Antes da chegada do Partido Popular á alcaldía ferrolá, un convenio municipal contribuía ao funcionamento do Ateneo ferrolán. Ese convenio desapareceu. Unha manifestación cidadá percorreu onte as rúas de Ferrol en apoio á histórica agrupación cultural.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2014

Foto: o historiador e presidente do Ateneo Ferrolán Eliseo Fernández, a viceportavoz de AGE Yolanda Díaz e o deputado Xabier Ron.

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
Gabinete de comunicación do grupo parlamentario
Tania Porta e Daniel Salgado
606 675 524 / 619007734
tania.porta@parlamentodegalicia.es
daniel.salgado.garcia@parlamentodegalicia.es
prensa@alternativagalega.com
twitter.com/alternativagz
http://www.facebook.com/AlternativaGalega
http://www.youtube.com/user/HaiAlternativa?feature=mhee

Enviado por:
Paula
-pmeizoso@gmail.com-
17 de setembro de 2014 13:32

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon